«Cidades de tinta», recensión da profesora Manuela Palacios á antoloxía A cidade na poesía galega do século XXI, de Gonzalo Vázquez


Máis unha vez botamos man dese imprescindible proxecto denominado poesiagalega.org, rótulo identificador dunha base de datos e dun repositorio sobre a poesía no campo cultural galego nos últimos dous séculos, proxecto que dirixe o poeta e profesor Arturo Casas e no que traballa arreo o seu equipo do GAAP (Grupo Alea de Análise Poética). Desta volta para reproducirmos unha recensión publicada na súa Revista de Poesía. Trátase dunha recensión da profesora Manuela Palacios á antoloxía A cidade na poesía galega do século XXI (publicada pola editorial Toxosoutos, cuxa dirección literaria exerce o filólogo ourensán David G. Couso) e cuxo compilador e editor literario é o filólogo Gonzalo Vázquez (Licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo, máster en Literatura Comparada pola Universidade de Santiago de Compostela e cun posgrao en ‘Literatura, performance e artes visuais’ na Accademia Albertina della Belle Arti di Torino).
A profesora Manuela Palacios intitulou «Cidades de tinta» a súa recensión a unha antoloxía da que xa falamos nesta bitácora aquí e acolá. Pódese ler completa nesta ligazón, mais deseguida reproducimos os derradeiros parágrafos nos que estima moito (algo que lle agradezo inmenso) un dos poemas da miña autoría que figuran no volume.
Como colofón, e logo das súas palabras, reproduzo ese soneto que pertence ao libro Equinoccio de primavera (Esquío, 1998), que un ano antes fora accésit no premio Esquío e logo foi finalista do Premio Tívoli-Europa en 1998.
«Coñecín a Gonzalo Vázquez nun curso sobre ecocrítica que impartín no Máster de Literatura e Cultura Comparadas da Universidade de Santiago, polo que non podo deixar de preguntarme: que lugar ocupa a natureza na cidade? Unha primeira reacción é a de pensar na natureza negada, como a do primeiro poema da antoloxía, de Xoán Abeleira:
A neve que non é neve
A chuvia que non é chuvia
O sol que non é o sol… (13)
Pero natureza é tamén o noso corpo e gustaríame aludir a un fermoso soneto de Miro Villar nesta colección, «Este corpo cidade de harmonía», no que a cidade se converte en tropo do corpo que goza do amor:
Pálido de tremores, este corpo, cidade
de harmonía, rebenta cando acodes presta
aquí, para que se abran os poros na floresta. (214)
Esta cidade de harmonía recupera para o gozo corporal o sentido máis nobre das cidades espirituais.
Resultaríame imposible comentar os sesenta e un poetas incluídos nesta antoloxía. Hai nela, polo menos, tantas cidades como poemas. Convido o público lector a que as percorra, unha a unha, da man dos poetas que as recrean».
ESTE CORPO CIDADE DE HARMONÍA
Aqui, para que se abram os poros na floresta.
ANTÓNIO RAMOS ROSA
Este corpo cidade nace en algarabía
cada noite que chegas nimbada por odores
cálidos, que semellan ananás dos Açores,
para entrares espida na nosa apostasía.
Cada noite este corpo, cidade de harmonía
convulsiónase, branco, pálido de tremores
e réndese vencido polos teus dedos flores
que percorren felices a pel en cada estría.
De harmonía rebenta, coa lenta brevidade
de amármonos en labios secos e suorosos
que agora se recobren de líquidos acuosos.
Pálido de tremores, este corpo, cidade
de harmonía, rebenta cando acodes presta
aquí, para que se abran os poros na floresta.
(De Equinoccio de primavera)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.