Chega o primeiro aniversario destas crebas, mañá, 28 de xuño


(Crebas, fotografía de Manuel Sendón. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Mañá, 28 de xuño, ás 16,16 horas esta xanela aberta ao mundo fai o seu primeiro ano na arañeira no que se publicaron até hoxe 443 anotacións ou artigos de variada xinea. Neste tempo, con maior ou menor esforzo (segundo as outras obrigas de cada momento) fun achegando o meu parecer ou dando conta de acontecementos culturais e sociais, mesmo algún político, que foron do meu interese, aínda que moitos outros ficaron no tinteiro pola imposibilidade material de os atender. Como non podía ser doutra maneira tiveron preponderancia os temas literarios, nomeadamente a poesía que enche unha parte importante da miña existencia creativa e lectora.
Neste tempo, a bitácora recibiu por parte das autoras e dos autores da nosa literatura o recoñecemento como «Mellor blogue literario» na XIII edición dos premios da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) 2012. Esta distinción obriga a moito e un propio sente que ás veces non é quen de chegar á calidade que se lle presupón a un espazo coma este. Sacrificando ansias e tempo doutras ocupacións vaise facendo esta navegación até que as forzas cansen. Polo de agora aínda non é o caso.
A xeito memorialístico, reproduzo deseguida a primeira anotación de saúdo que se fixo desde esta xanela. Velaquí:
Ola Mundo!
Benvido, benvida.
Neste 28 de xuño do 2011 rompe augas este blogue persoal, na acolledora casa común de blogaliza.org. Como “crebas” chegadas ás praias da Costa da Morte, este blogue irá recollendo anotacións de creación e de crítica literaria, alén doutras reflexións.
Nace o mesmo día que morre en papel o xornal Galicia Hoxe, a única prensa diaria na nosa lingua que aínda se podía atopar na rúa. Nace, daquela, porque son tempos de resistencia e de acrecentar a presenza do idioma galego na nosa sociedade e no mundo.
Aos poucos iredes lendo diversos materiais recentes ou de épocas afastadas para gozardes da lectura ou tamén para discrepardes se fose o caso.
Grazas por virdes onda estas crebas e unha aperta atlántica.

Esta entrada foi publicada en Historia. Garda a ligazón permanente.