Catro roteiros polo norte do País (Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo e Ribeira de Piquín)



(Fotografías con dispositivo móbil na Pasarela do Colado de Lamas sobre o río Eo en Ribeira de Piquín. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
En diferentes fins de semana dos meses de agosto e setembro andamos catro roteiros polo norte do País, nos concellos de Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo e Ribeira de Piquín. Deseguida sinalamos as súas características ou a súa descrición, o estado no que os atopamos nesas datas e as propostas de mellora, que nalgún dos casos é ben manifesta.
1) Roteiro homologado PR-G 152 «Ruta dos Muíños» (Abadín)
A súa descrición pódese descargar na páxina da Mancomunidade da Terra Chá e ollarse neste documento en pdf: ROTEIROPRG152-ABADÍN.
O roteiro foi inaugurado e homologado en 2011 (con fondos europeos do Feader) e o pasado mes de agosto do 2013 estaba en bo estado, aínda que se debería mellorar a limpeza arredor dos muíños que se poden ollar ao longo do percorrido, algúns de fermosa arquitectura mais practicamente todos en estado ruinoso. Non sería posible unha restauración cando menos dos seus tellados para non se perderen de maneira definitiva?
A senda une o Cabo de Vila de Abeledo e o Muíño de Corvite n’A Laxe, aínda que nós o fixemos ao revés, principiando neste último lugar. Transcorre case sempre en paralelo aos ríos Anllo e o seu afluente do rego de Rodeiro, aínda que ás veces afástase un pouco máis da conta.
Son media ducia de muíños de diferentes épocas que contan con cadanseu panel explicativo: muíño de Corvite, de Trasón, do Mazo, da Fraga, Pequeno Escaravello e de Cabo da Vila. A igrexa de San Pedro de Corvite tamén se pode visitar, aínda que tamén cómpre afastarse un pouco do traxecto sinalado.
No díptico sinalan que podemos ollar algún corzo, mais non foi o noso caso.
Características técnicas:
Ano de homologación: 2011.
Accesos: Ata Abadín pola E-70. Dende Abadín pola LU-113 (Abadín – As Rozas)
Lonxitude: 4’9 km.
Punto partida / chegada: Cabo de Vila de Abeledo / Muíño de Corvite en A Laxe.
Percorrido: Cabo de Vila, Muíño de Cabo de Vila, Muíño Pequeno, Muíño da Fraga, Muíño de Trasón, Muíño do Mazo, Muíño de Corvite.
Dificultade: Baixa.
Duración estimada: 1 hora e 40 minutos.
Material: Calzado deportivo impermeable e cómodo, auga, comida e indumentaria deportiva.
2) Roteiro homologado PR-G 153 «Augas de Fonmiñá» (A Pastoriza)
A súa descrición tamén se pode descargar nesa mesma páxina da Mancomunidade da Terra Chá e ollarse neste documento en pdf: ROTEIROPRG153-APASTORIZA
O roteiro foi inaugurado e homologado na mesma campaña que o anterior, en 2011 (con fondos europeos do Feader) e este mes de setembro do 2013 estaba en bo estado, agás un tramo despois do castro de Sa que estaba totalmente cuberto de silveiras e con árbores derrubadas, feito que nos obrigou a un pequeno arrodeo. Máis unha vez constatamos que os roteiros creados ao abeiro dunha subvención son logo deixados da man, neste caso abondaría con mellorar a limpeza e algunha sinalización confusa ou oculta.
A senda une as fermosas áreas de lecer de Fonmiñá (onde as e os pastoricenses sitúan o nacemento do río Miño, contra os de Meira que o sitúan no pedregal de Irimia) e de Baltar, que conta cunha praia fluvial adoito concorrida e onde se celebra o Festival da Chaira.
Ao non ser circular tamén se pode facer nunha ou noutra dirección. Os tramos máis xeitosos discorren á beira do propio río Miño, que aquí xa empeza certa maxestuosidade, do que se afasta para subirmos até o castro de Sa. Malia estar sen escavar, a súa figura no horizonte é impresionante e paga a pena deixar un intre o roteiro para achegarse ao outeiro onde está e gozar dunha ollada sobre a paisaxe da contorna.
A ponte vella de Miñoto, en realidade unha pontella, tamén é digna de consideración. Xa na área de lecer de Baltar agardaba por nós un churrasco de vacún chairego e outras viandas coas que recuperar calorías, así como cervexa do país para combater a calor da xornada.
Características técnicas:
Ano de homologación: 2011.
Accesos: Pola N-640 coller o desvío cara a Fomiñá (O Salvador) pola LU-3001.
Lonxitude: 12’6 km.
Punto partida / chegada: Fomiñá (O Salvador) / Baltar.
Percorrido: Área Recreativa de Fomiñá, laderas do río Miño, Igrexa de San Salvador de Crecente, Castro de Sa, Área Recreativa de Baltar.
Dificultade: Baixa.
Duración estimada: 4 horas e 15 minutos. (Sen présa faise en menos tempo)
Material: Calzado deportivo impermeable e cómodo, auga, comida e indumentaria deportiva.
3) «Ruta da Auga» (Mondoñedo)
Descoñecemos se este roteiro está homologado ou non, porén hai unha excelente descrición neste blogue denominado culturaeocio, creado e editado por Marcos Candia (Tronceda – Mondoñedo), quen realizou a súa anotación en setembro de 2013, aínda que fai referencia a un percorrido feito con anterioridade.
Esta mindoniense «Ruta da Auga» é ben fermosa, mais o seu estado en setembro deste 2013 era lamentable e amosa un desleixo absoluto, que nos doe máis porque o goberno municipal é de cor progresista, liderado por un alcalde nacionalista coaligado cos socialistas.
A sinaléctica está en moitos casos en mal estado, desaparecida ou é moi confusa, como xa sucede no inicio do traxecto. Non é de recibo cobrar unha subvención europea para configurar un roteiro e que despois este fermoso traxecto morra por inanición e desidia dun goberno municipal.
A senda principia nun lugar esplendoroso, a «Fonte Vella», ao pé da casa natal de Álvaro Cunqueiro, e o primeiro tramo transcorre pola rúa que leva o nome do escritor e por outras fermosas rúas do vello Mondoñedo, fermoso malia as numerosas ruínas. Observamos que hai unha incipiente e prometedora actividade de rehabilitación ou reconstrución de vivendas, porén acarón dun proxecto de recuperación conviven casas derrubadas ou con síntomas de ruína.
As deficiencias da sinaléctica e a ausencia de limpeza (as silveiras só se podían afastar se nas mans levasemos fouciños) propiciou o nos abandono do traxecto que recuperamos en Argomoso, onde un forte descenso entre frondoso arboredo levounos até o denominado «Camiño das Sete Voltas», onde se pode admirar unha fervenza xeitosa, o «Salto do Coro», a cuxo pé pode achegarse un através dunha pequena ponte de madeira, a breve subida duns chanzos de pedra e un pasamán de madeira en bastante mal estado. A caída da auga en setembro era aínda espectacular, malia a seca que levamos, aínda que nada comparable á Fervenza do Toxa, poñamos por caso.
De aquí en diante, a cousa volveu a peor, de novo atopamos a sinaléctica en mal estado, o que nos levou a facer máis percorrido do previsto e mesmo a nos perder. Un veciño da zona axudounos a retomar a senda, alén de nos contar coma xa rescatara nas últimas semanas a varios sendeiristas. Advertiunos de que a ponte para cruzar o río estaba derrubada e sinalounos un lugar axeitado para cruzarmos o río, así o fixemos aínda que houbo que se descalzar e mollar os pés.
Rematamos o roteiro entre a xenreira polo seu estado e o gozo pola súa fermosura. De se recuperar é unha camiñada que sempre estaría entre as mellores do País, mais no seu actual estado é mellor non se aventurar e realizar tan só a visita dos lugares de máis doado acceso.
4) «Ruta do Chao do Pousadoiro» (Ribeira de Piquín)
Descoñecemos tamén se este roteiro está homologado ou non, porén a súa descrición pódese descargar na páxina web municipal do concello de Ribeira de Piquín e ollarse neste documento en pdf: ROTEIRORIBEIRADEPIQUÍN
A senda une a área de lecer do Chao do Pousadoiro, non moi lonxe da praza da vila, e o Muín (muíño) de García. Non é circular, mais nunha tres ou catro horas, segundo o ritmo, pódese facer o traxecto de ida e volta, unha fermosa camiñada sempre á beira dun tramo do río Eo e dos seus afluentes.
Tivemos a sorte de que neste setembro do 2013 o roteiro estaba ben limpo, aínda que soubemos que os labores foron realizados aínda a finais de agosto. A sinaléctica tamén é boa, sinalando dez lugares de interese, aínda que nos anoxou moito que a lingua galega apareza sempre en nivel inferior ao castelán e incluso as diferentes especies animais e vexetais, tanto nese díptico coma nos paneis, figura só co seu nome en castelán e o nome científico latino, así lemos que hai «abedules», «avellanos», «castaños» ou «robles», e tamén «anguilas», «truchas», «ranas», «comadrejas» ou «nutrias», por citarmos só algunhas. Por certo, a empresa que realizou o traballo é de Sarriá. Que País de Ananos!!!
O díptico salienta dez lugares de interese: Veigas do Pousadoiro, Rego Salgueiro, Rego Rendide, Rego do Castro, Pasarela do Colado de Lamas, Estación de Aforro da Confederación Hidrográfica do Norte, Río Lúa, Río Eo, Río Rodil, Muín (muíño) de García, que data de 1892, e o Túnel dos Romanos.
Por mor da forza da calor e a nosa propia imprevisión deixámolo pouco antes de chegarmos até o muíño. Houbo que dar conta da sede e a fame nunha casa de xantar de comida caseira, a Casa Horacio. Que saboroso estaba o asado de cordeiro que papei!
(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Lingua, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Catro roteiros polo norte do País (Abadín, A Pastoriza, Mondoñedo e Ribeira de Piquín)

  1. Marcos Candia Cuba di:

    Mil grazas por nomear Cultura e Ocio neste blogue. É unha honra. Apertas dende Mondoñedo

Os comentarios están pechados.