Catro poemas do Animalario estrafalario, de Rafa Vilar


(Premer na imaxe para agrandar a capa do libro)
Saudamos nesta anotación o novo libro de poesía infantil intitulado Animalario estrafalario, do meu irmán Rafa Vilar publicado en formato e-pub (a descarga tan só custa 0,90) polo semanario Sermos Galiza.
Son un cento de breves poemas, a xeito de limerick, que como é canónico adoitan posuír ton humorístico. Rafa escolleu o octosílabo para os cinco versos e a rima consonante aabba. Os cen poemas aparecen en orde alfabética tendo en conta o nome do animal.
Na nosa opinión é unha mágoa que a publicación dos versos non vaia acompañada dun debuxo ou imaxe de cada animal, pois só temos o cabaliño do demo da portada.
Hai animais domésticos e selvaxes, ben coñecidos ou exóticos. E nun dos limerick dialoga co meu propio conto infantil rimado Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000). Para abrir boca, reproducimos deseguida catro dos poemiñas:
Crocodilo
Chora que chora ao seu xeito
crocodilo sen teito
que un día a selva deixou
por andar a vida ao chou
e vese que non dá feito
Longueirón
Aquel era un longueirón
da ría de Corcubión
Na areíña ben metido
andaba sempre escondido
pra que non o visen non
Marmota
Non era quen de durmir
e xa nin quería rir
a malpocada marmota
coñecida por Carlota
que dun conto veu saír
Piollo
Era un piollo da China
enfermo de escarlatina
que quería ver o mar
Nunha cabeza foi dar
e acabou nunha piscina

Esta entrada foi publicada en Infantil, Poesía. Garda a ligazón permanente.