Catro poemas de Teodoro Morgade

TeodoroMorgade01
TeodoroMorgade02
(Nova do afogamento de Teodoro Morgade no ABC de Madrid, martes, 23 de xullo de 1935 e en La Voz de Galicia da mesma data)
A escasa obra poética de Teodoro Morgade (Baio, 1915 – A Coruña, 1935) foi recollida de xeito póstumo nun caderno intitulado O Cartafol (1963), como conta o amigo filólogo Xosé María Rei Lema no artigo «Morgade ou a promesa truncada» publicado na edición comarcal do xornal La Voz de Galicia.
Velaquí catro dos seus poemas:
(I)
No herbal
azur
do ceo
anda a pacer
o boi
marelo
apaga a sede
nas nubens
brancas
déitase
no ocre
horizonte.
(II)
Ti e mais eu atopámonos
mar de Fisterre
todo cortado de silenzos
convulso en arelas de pedra dura
morno de tantos luceiros
no teu van deitados
coa verde sangue
en algas realizada, ti mar
prenitude d’espellos vivos!
I eu cos meus ollos
en dóres divididos,
sonámbulos de transparencias,
espesos dunha sangue
parada,
cantiga de terra anterga, en
adolescencia de meridians!
Mar amigo
cata meus ollos fríos
dunha sede de ondas
salgados de infindos.
(III)
Pasan algareiras anduriñas. A miña ialma é unha liorta. Sinte as ardentías e as ondiñas que temen espertálas areas, pero non sinte o sol nin o luar. O relóx parado nas nove e carto, rí. Pero non.
Xa a miña ialma é un ermo testo dunha frol: a saudade. E o relóx nas seis é busola. Mais sí.
Aprande o sol no mar ata que veu fusilalo a choiva. I é entón cando quixera ser sol.
(IV)
Esta primaveira nasceo entre a escada infinda dos verdes coroada pola eisaltación dos toxos en frol. Coroación a máis morna antre orballo neno, que canzón máis nova non lla conocedes. A primaveira, tan rapaza que soña na iauga frolida, que camiña ingrávida polos seos das virxes, tan despreocupada, que soltou seus cabelos de áer pálido, e tan requintada nos seus cereixales en frol.
A primaveira, adolescencia limpa en auga nascida, eu ná puiden pillar; pero vina, meu amigo! Conocer as suas noites estreladas de calmas, seu desconocimento de todo i aquela imperfeición xa perfeita.
Non queirades descubrir unha policromía viva. A primaveira é pálida, dunha palidez de ialma queda, pero tén as suas travesuras: auga feita espellos, galanura de arbres i estas agonías da serán.
A primaveira aquí a temos neste brotar de seos en amigos de recentes silabarios.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía. Garda a ligazón permanente.