«Casa Grande», un poema de Dos tempos sombrizos (Diario), Daniel Salgado


(Fotografía da autoría de Anxo Iglesias, para El País)
E velaquí unha pequena mostra do libro que mereceu, por unanimidade, o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente.
Casa Grande
A realidade esténdese
pola última mañá de outubro.
Pensas na folga máis antiga da historia
-contra Ramsés III, 1166 a. C.-
e na sucesión de corpos insurrectos.
Nin así dás evitado
esta sensación de frío colectivo.
O tempo en que nos adentramos
é incerto, consideras.
Ningún sinal indica
que non vaia haber sangue e lume.
O prezo a pagar doe, pero doe
nos ósos.
Non existe metáfora dispoñíbel
para as actuais circunstancias.
Sentimos na propia carne
o vento que empurra os salgueiros.
1 de novembro
Dos tempos sombrizos (Diario), Daniel Salgado

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.