As imaxes reproducen as tres «Cartas de Alexandre Bóveda na madrugada do fusilamento [17-VIII-1936]», cuxos textos foron publicados en VV. AA., Castelao e Bóveda irmáns!!, Vigo: Extras A Nosa Terra 5/6, 1986, páx. 112. As dúas primeiras, tiradas de Xerardo Álvarez Gallego, Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, Buenos Aires: Nós, 1972, e foron reproducidas no volume intitulado Guerra civil (1936-1939) e literatura galega: (textos e documentos para unhas xornadas de estudio e debate) / Edición de Xesús Alonso Montero e Miro Villar. — Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Ponencia de Lingua, 1999.
Esta obra, na que traballei arreo, pódese descargar de balde no sitio web do Consello da Cultura Galega, onde vai introducida por esta presentación:
Esta publicación recolle material empregado polos relatores que participaron nas xornadas “Guerra Civil (1936-1939) e literatura galega”, celebradas no Consello da Cultura Galega en 1999 (Do 14 ao 16 de decembro de 1999). Reproduce cartas, poesía e prosa de escritores que desenvolveron o seu traballo no trienio 1936-1939, e outro material de utilidade para analizar a literatura galega naquel tráxico momento histórico.
O presente volume contén textos e documentos que, dun xeito ou doutro, foron tidos en conta polos relatores e comunicantes, o que foi útil para eles e, máis aínda, para os asistentes ás Xornadas. Estes, por outra parte, atoparon neste volume páxinas (non só aquelas que son inéditas) que se propoñen suscitar reflexións ou novos estudios ou encontros futuros.
Engadamos, finalmente, que este volume é o primeiro no xénero: tal é a incuria diante deste tema entre nós.
Velaquí os textos das tres cartas:
CARTAS DE ALEXANDRE BÓVEDA NA MADRUGADA DO FUSILAMENTO [17-VIII-1936]
Madrugada do 17 de Agosto de 1.936
Irmán Pedro Basanta
Pontevedra
Querido Basanta:
C-unha fonda aperta de despedida, que lle prego faga extensiva a Xil e todol’os irmáns, o prego de que non se esqueza dos meus.
Xandro
ás 5 menos 5
Madrugada do 17 de Agosto do 1.936
Choliñas, miña Peque, Vidiña:
Quixen escribirche moito. Mais xa sabes canto poidera decirche.
Perdoame todo, que os peques me lembren sempre; que cumplas todol’os meus encárregos.
Eu, Almiña estaréi sempre en vós como che prometín.
Fallan uns minutos e teño valor, por vós, pola Terra, por todos. Vou tranquío.
Adeus, Vidiña. Vive pra os peques e os vellos, ¡abrazaos, confortaos! Sé Ti, miña Pequeniña ademirable, a máis valente de todos. Alá sentirei ledicia e satisfacción de Ti e de todos. Lembrareivos sempre, velarei sempre por vos.
Adeus. Contigo, cos peques, cos Vellos todos, estarei sempre na lembranza, na máis grande, a máis fonda, a máis infinda das apertas, o voso
Xandro
P. S. / recei contigo
Madrugada do 1.936 [sic]
Querido Vitín:
Non sei si fixen ben ou mal en procurar que me axudases con proveito. En calquer caso foi con desexo do teu ben.
Eu morro tranquío; confío en que serei recibido donde todos queremos xuntarnos e fagoo con ledicia e confiando en Deus iste sacrificio. Quixen facer ben, traballei por Pontevedra, por Galicia e pola República e o trabucado xuicio dos homes (que eu perdoo e todos debedes perdoar) condéname.
Sé agora máis home que endexamais porque é cando máis o precisas, polos nosos vellos e polos nenos, de quen, sin que puidéramos esperalo, vas ser un pouco pai.
Confórtaos a todos e procura ser sempre bon. Non te arrepintas de canto ben teñas feito e podas ainda facer.
Vitinciño: Aos papás, a Vera, a Carlos, a Cesar, a todos, as miñas apertas.
Pra ti, irmanciño bon, a máis grande que poidas recibir de
Alexandre
P.S. / Rezai por min que eu lembrarei-vos sempre e (se podo, como espero) intercederei por vós
-ás 5 e 1/4