Caneliñas, un espazo para a memoria


Velaquí un dos videos que acompañan un excelente artigo que leo hoxe no diario dixital quepasanacosta da autoría de Ubaldo Cerqueiro e intitulado “A balea morta de Caneliñas”, no que fai unha saudosa lembranza do que foi o espazo da antiga baleeira e o seu actual absoluto estado de abandono, sobre o que paira a espada de Damocles da especulación urbanística. Cerqueiro vai máis alá na súa ollada e denuncia a construción de casas inaxeitadas para a paisaxe como a do crego da parroquia de Cee e a do fillo dun ex-alcalde conservador deste meu nativo Concello. É de agradecer que Ubaldo, que veu de terras coruñesas para vivir a nosa Costa da Morte, sexa quen de escribir sobre este espazo singular que a min me fascina desde sempre. Lembro de maneira difusa na miña infancia que na nosa casa algunha vez tamén se comeu a carne da balea, mais nin sequera podo lembrar o seu sabor, e tamén recordo algo máis nidias as imaxes dos derradeiros buques da factoría baleeira nos peiraos de Brens ou de Corcubión ou sulcando as augas da ría na súa viaxe á procura dos cetáceos ou de regreso á factoría de Caneliñas. Hoxe estou contra a caza das baleas, malia que a cota dos nosos baleeiros era ínfima e non afectaba á poboación destes cetáceos que noruegueses, rusos e xaponeses, nomeadamente, levaron a límites insostibles. Porén, lembro que de neno estaba fascinado polos arpóns que cargaban os seus canóns. Non podía ser doutra maneira cando un dos libros que nunca esquecerei foi Moby Dick, de Herman Melville, (que tamén posúe unha magnífica adaptación cinematográfica de John Huston, de 1956, e coa inesquecible presenza de Gregory Peck no papel do capitán Ahab). E así o teño contado na xa desaparecida revista de literatura infantoxuvenil fadamorgana (nº 9, 2003). De feito, este libro, o seu autor ou os seus personaxes aparecen varias veces na miña poesía, mais tamén o fai o espazo de Caneliñas nun dos poemas que integran o meu último poemario, As crebas.
O cárcere
dame tu mano
espera
debo ajustar mi cuerpo
hasta alcanzarte
«Dame tu mano», Saudade (1999), CLARIBEL ALEGRÍA
Máncaste como o Sol de febreiro dá en Gures e sentes o abandono na pel de Caneliñas, un lugar de cetáceos, confín da desmemoria que proe nos sentidos con reverberación.
Pensas de xeito inútil qué axustes no teu corpo son precisos agora no leito das baleas para non percibires arpóns cheos de dúbidas a desangraren lentos os solpores do inverno.
E soñas co panóptico dun cárcere distante, non é Reading, son outras as baladas e o canto fala de liberdade, sutil antimonía, e comungas cos presos os motivos da culpa, todos tan diferentes como as mans que descobres, semellantes ás túas no afán inaprensible.

Esta entrada foi publicada en Documental, Historia, Lendas e mitos, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Caneliñas, un espazo para a memoria

  1. Pingback: As crebas » As pegadas de Moby Dick, de Herman Melville

Os comentarios están pechados.