No último número, 241 (xaneiro, febreiro e marzo do 2024) de Grial. Revista Galega de Cultura, que desde hai días xa anda polas librarías, e tamén se pode adquirir desde a propia páxina da Editorial Galaxia, asino na habitual sección intitulada «O espello das letras» un artigo intitulado «Buguinas poéticas en Fisterra», unha antoloxía de mulleres poetas que cantaron a Fisterra en edición literaria de Alexandre Nerium.
Este número 241 centra os seus contidos monográficos no tema «Luísa Villalta. A poeta da Cidade Alta», baixo a coordinación de Xosé Domínguez Dono, quen tamén asina o texto introdutorio coa epígrafe «Os ollos limpos da sibila» e ao que seguen os artigos de Armando Requeixo «Rota ao interior de Luísa Villalta»; de Tamara Andrés «Un percorrido cíclico pola poesía vital de Luísa Villalta (1985-2004)»; de Inma Otero Varela «Luísa Villalta, tamén narradora»; «O teatro de Luísa Villalta: unha paixón desvelada» que asina Alexandrina Fernández Otero; Manuel Naveira Fuentes o artigo «O canto das mus(ic)as» e César Morán pecha este monográfico con «Do pensamento musical e poético em Luísa Villalta».
Na sección «Temas do noso tempo» Manuel Anxo Fortes asina o artigo «Israel non é unha democracia».
Deseguida na sección «Ciencia e Técnica» os profesores Senén Barro e Alberto Bugarín Diz, do CiTIUS, asinan «ParanoIA».
A sección de «Historia e memoria» inclúe un texto de Xabier Brisset intitulado «Regoela das xentes libres. Intrahistoria dunha das freguesías dos fuxidos», ao que lle segue, na sección «Documentos» o traballo de Henrique Monteagudo «Manuel Rodrigues Lapa na inauguración da Penzol. Un texto inédoto (1963)».
Neste novo número, as páxinas de «Creación» achegan a colaboración de Paula Carballeira cun fragmento da súa obra teatral Ubasute e varios poemas de Dakota, de Masha Álvarez.
As habituais recensións literarias da sección «O espello das letras» complétanse cos artigos de Xurxo Martínez González «Un ano despois do centenario da morte de Murguía. Notas ao pé do rexurdimento»; de Xosé María Rei Lema sobre «Feminismo e animalismo en Enrique Labarta Pose» e péchase co texto de Xosé Manuel Dasilva sobre «A esmorga, traducida para Portugal».
A maiores na sección «Crónica» aparece o texto «Carta do Xapón. Respecto polo pasado, aposta polo futuro», da autoría de Xesús Abalo.
A seguir na sección «Feminismos» Andreia Lívia de Jesus Leão escribe sobre «A violencia contra as mulleres negras e empobrecidas na literatura contemporánea afrobrasileira».
Pechan o volume a sección «Debates» onde Manuel Barreiro Rozados escribe sobre «Tautotelevisión, o modelo que define o monopolio da televisión pública galega. Entre a censura e a hiperrealidade» e por último a sección de «Música» co texto «Muller e tradición. De Leilía a Tanxugueiras» que asina Fernando Fernández Rego.
Velaquí o contido da miña colaboración neste número:
Buguinas poéticas en Fisterra
Aquén do mar. Cantos de serea na luz da Fin da Terra
Alexandre Nerium (Coord.)
Santiago de Compostela: Chan da Pólvora, 2023. 216 páxinas
Non ten acougo o poeta fisterrán Alexandre Nerium na súa angueira de xuntar textos poéticos que fosen inspirados polo topónimo Fisterra, quer sobre o noso territorio e na nosa lingua quer sobre outras fisterras posibles e noutras linguas. Continúa agora o camiño encetado na compilación Ara do mar. Poesía a Fisterra (Madrid: Eneida, 2021) onde as referencias alusivas a este espazo simbólico ocupaban case cincocentas páxinas de poemas escritos en galego, portugués, castelán, catalán, eúscaro, inglés, francés, italiano, alemán e maltés.
Desta volta compilou as voces de muller magnetizadas polas diversas Fins da Terra e de maneira singular pola nosa atlántica Fisterra. Na brevísima páxina limiar o poeta, que quere agochar a súa humildade mesmo na sinatura A. N., para amplificar a importancia desas voces femininas afirma que o traballo é “unha homenaxe á muller, a muller pesca, aquela do traballo silenciado, e a da muller da escrita, farol que dende sempre guía o mundo”.
Se no anterior volume os criterios de edición agrupaban os textos por linguas, nesta ocasión cambia e xa se opta, con excelente parecer na nosa opinión, pola orde cronolóxica do ano de nacemento das poetas. E se daquela o primeiro texto estaba datado en 1697, agora todos fan parte da poesía moderna e contemporánea.
Nesta ocasión, enmarcadas por dúas citas de dous fragmentos narrativos que nomean Fisterra, unha de La hija del mar de Rosalía de Castro e outra de O calor das coisas de Nélida Piñón, a listaxe de 80 autoras empeza no poema “A súa verba” que Pura Vázquez (1918-2006) dedicara a D. Ramón Otero Pedrayo e remata con “Orquídeas violetas” de Natalia Lema Otero (1999).
Obviamente a literatura e a lingua máis representada é a da nosa nación atlántica con 37 poetas de diferentes xeracións aínda que con ese salto que vai desde as poetas Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carme Kruckenberg e Xohana Torres até Marilar Aleixandre e Marica Campo que anobelan con elas para daren paso a unha nutrida representación de autoras das promocións dos oitenta, noventa e das primeiras décadas deste novo século. A todas elas cómpre engadirlles a poeta brasileira Bernadete Bruto e a portuguesa Cristina Néry.
As outras linguas aparecen sempre en coidadas versións bilingües que achegan para a nosa lectura o texto orixinal e a súa versión galega. Por orde de representación de primeiras estaría o castelán con 16 poemas de María Cinta Montagut, a cubana Lourdes Gil, a chilena Myriam Díaz-Diocaretz, Ángeles Mora, Concha García, Blanca Andreu, Teresa Gómez, Victoria Carande Herrero, a venezolana Astrid Lander, a paraguaia Elina Pereira Olmedo, as costarriqueñas Luz Mary Arias Alpízar e María José Quesada Chaves, Daniela Bartolomé Moro, Lucía Echebarría, Karmele Jaio Eiguren e a peruana Gabriela Wiener.
Sorprende moito o fascinio de Fisterra para as poetas en éuscaro, que suman 11 e ás que se lle poderían engadir outras da mesma orixe que escolleron o castelán ou o francés na súa escrita, na lingua vasca soan aquí os versos de Mari Luz Esteban, Itxaro Borda, Amaia Iturbide, Tere Irastortza, Miren Agur Meabe, Aitzane Galardi, Goizalde Landabaso, Idurre Eskisabel, Castillo Suárez, Sonia González e Itziar Ugarte Irizar.
Sete son as poetas en lingua inglesa, as norteamericanas Sylvia Plath e Kathleen March, a inglesa Julia Casterton, a escocesa Carol Ann Duffy, as irlandesas Eiléan Ní Chuilleanáin e Lorna Shaughnessy, a singapurense Alannah Hopkin, quen escribiu o seu poema “Kilometre zero” despois de rematar o Camiño en setembro de 2018, e por último a canadense Anne Carson, da que se publica un fragmento do poemario Antropoloxía da auga (Chan da Pólvora, 2023), tamén escrito como experiencia espiritual e reflexiva co Camiño e do que non se cita, por esquecemento, que foi traducido polo poeta Jesús Castro Yáñez.
Están representadas por outras dúas composicións o catalán, con versos das baleares Antònia Vicens e Margalida Pons Jaume; a literatura en lingua francesa, unha da poeta bretoa Marie-Josée Christien, que ten de seu outra atlántica Fisterra (Penn-ar-Bed en bretón) e a outra Aurelia Arkotxa, quen malia nacer en Iparralde non usa o éuscaro neste texto, e aínda outras dúas en alemán, a xa galega Úrsula Heinze de Lorenzo e Marion Eisenberger. Finalmente en sueco o poema que Helena Eriksson titulou no orixinal co topónimo galego “Fisterra” e que tamén foi froito, coma moitos outros dos compilados, da experiencia persoal no final do Camiño.
Alén do propio compilador, que anosou todos os poemas orixinais en castelán e as versións interpostas do éuscaro, varias persoas colaboraron na versión dos textos, moitos deles nunca traducidos ao noso idioma, así como se indica na anotación final Consuelo García Devesa, Yolanda López, Victoria Carande Herrero, David Miranda e Phil Davies traduciron do inglés, Carolin Bunke e Alberto de Frutos ou a propia Úrsula Heinze de Lorenzo desde o alemán, Emilio Araúxo do francés (tamén o poema da autora sueca) e Xesús González Gómez do catalán.
Pechan o volume dúas esclarecedoras contornas asinadas polas poetas Eva Veiga co título “Espellos de luz” e Rosalía Fernández Rial “Letras paxaro, palabra abisal”, quen reivindican con acerto as marcas do ecofeminismo que agroma na escrita e na posterior lectura desta antoloxía.
Máis unha vez o poeta fisterrán Alexandre Nerium foi quen de xuntar outro magnífico crisol de linguas e poéticas na adoración polas Fisterras, unhas máis simbólicas outras máis vivenciais, moitas delas a arrequentaren o noso patrimonio material e inmaterial, como xa antes na Ara do mar.
Como ben sinala a poeta de Cork, Eiléan Ní Chuilleanáin. “The word that is: Ends. / Land’s end. / The end. / Finis. Finis huius libri. / Fisterra” (“A palabra que é: Fin. / Fin da Terra. / A fin. / Finis. Finis huius libri. / Fisterra”).