Bretemada, recensión de Ramón Nicolás no Caderno da crítica


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O profesor e crítico literario Ramón Nicolás (Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, AELG, á mellor traxectoria en xornalismo cultural, 2011) vén de publicar hoxe na súa bitácora, denominada Caderno da crítica, unha recensión do poemario Bretemada, de Gonzalo López Abente. Deseguida reproducimos os devanditos apuntamentos críticos.
Bretemada, de Gonzalo López Abente
No Diccionario enciclopédico gallego-castellano de D. Eladio Rodríguez «bretemada» aparece definida como «niebla espesa y rastrera que ensombrece las cosas máis próximas». Desde agora este será un termo máis familiar e próximo pois con el bautizou Gonzalo López Abente un monllo de poemas, escritos entre 1917 e 1922, aos que, significativamente, quixo darlles este titulo mediante o cal opera cun intención metonímica de Galicia.
Deulle calor e agarimo a este proxecto para despexar a escuridade e depositou intelixencia e bo saber Miro Villar no momento de ordenar e editar un libro que se atopaba nos fondos da Real Academia Galega ata agora, e que ve a luz con primor editorial como adoita facer a editorial Alvarellos na súa meritoria colección «Rescate», xunto coa colaboración da Fundación Gonzalo López Abente. Deste xeito vólvese poñer no primeiro plano de actualidade a López Abente -un sólido escritor por quen ás veces se pasa sen reparar na súa relevancia- e, ademais, faise xustamente pois este libro rescatado supón, sen dúbida, unha das principais achegas que se realizaron ultimamente para exhumar o que ao meu xuízo é un valioso material literario que á forza cómpre entendelo no contexto no que ve a luz: en plena época das Irmandades da Fala, e no que a través dun cento de poemas agroman as preocupacións e as doutrinas identitarias do nacionalismo daquela época: o devezo pola liberdade, a singularidade e beleza da nosa paisaxe ou a férrea defensa da lingua e da tradición.
Non merecería ficar esta publicación dispersa e esquecida entre as últimas novidades. A exhumación destes textos ilumina un anaco da historia literaria de López Abente e, por extensión, da historia literaria e cultural de noso.
Ramón Nicolás

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.