Breizh xa está a chegar ás librarías


(Reprodución da portada do libro, da autoría de Héitor Picallo)
Hoxe, 13 de decembro é día da Santa Lucía, que quita da noite e mete no día, ou pola Santa Lucía medra o día a pata dunha galiña (as dúas sentinllas dicir a miña nai), e malia o intempestivo temporal de auga e vento que trouxo unha borrasca atlántica, recollín os primeiros exemplares do meu poemario Breizh, do que xa se falou aquí ou acolá.
O libro está a chegar estes días ás nosas librarías e tamén se pode adquirir na páxina web da editorial Toxosoutos, facendo parte da mesma colección Nume que inaugurou en 1994 o meu libro 42 décimas de febre. Xa teño comentado que daquela o seu director era o lembrado e chorado escritor Xosé Agrelo Hermo (1937-2006), que tratei e co que estiven nunha homenaxe que se lle fixo en Esteiro antes de finar, aínda que nesa publicación tivo moito que ver o poeta Paco Souto que nesa altura traballaba para a editorial. A día de hoxe o director é o filólogo ourensán David G. Couso, a quen agradezo a súa confianza na miña proposta poética.
A presentación pública en Compostela haberá que a deixar para xaneiro, febreiro ou marzo. E dela xa se falará nesta bitácora.

Esta entrada foi publicada en Arte, Lendas e mitos, Lingua, Poesía, Presentacións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.