Breizh no «Taboleiro do libro galego» (VIII)


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Confírmase a crise fonda na edición poética da que se falou nunha anterior anotación, pois outra volta case non se producen novidades significativas na listaxe dos libros de poesía máis vendidos. Así, malia entrar un novo título, repítense máis unha vez os outros dous na oitava entrega do «Taboleiro do libro galego» (VIII) que o profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura.
Desta volta Breizh (Toxosoutos, 2012) ocupa a segunda posición na quincena que vai do 14 ao 27 de abril, con datos fornecidos por 16 librarías galegas moi significativas, cuxos logos acompañan a anotación de Ramón Nicolás (ao que parabenizamos polo premio Losada Diéguez acadado pola súa monumental biografía Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro).
O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última quincena e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO, BANDA DESEÑADA e tamén LECER E OUTROS.
A listaxe de poesía está encabezada pola edición que o poeta Anxo Angueira fai do poemario Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Deseguida aparece o meu Breizh (Toxosoutos, 2012) e logo o último libro de Xosé Daniel Costas Currás.
1º-. Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, edición de Anxo Angueira, Xerais.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, Pen Club.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.