Breizh no «Taboleiro do libro galego» (VII)


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Teño para min que a crise económica, que anega tamén ao sector cultural e ao editorial en particular, está a afectar de maneira grave á edición poética. Velaí a práctica parálise da emblemática colección de Espiral Maior ou a ausencia de novidades, tan só mitigada pola anovadora presenza de pequenos selos editoriais, tal como acontecía nos primeiros anos noventa.
Ao meu ver isto explicaría que, despois duns meses xa, continúan sen se produciren cambios significativos na listaxe dos libros de poesía máis vendidos. Así, con alteracións na orde, repítense máis unha vez os títulos na sétima entrega do «Taboleiro do libro galego» (VII) que o profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura.
Desta volta Breizh (Toxosoutos, 2012) ocupa a segunda posición na quincena que vai do 1 ao 13 de abril, con datos fornecidos por 16 librarías galegas moi significativas, logo da incorporación recente de Lila de Lilith (Compostela) e Livraria Suévia (A Coruña), que se suman a Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar e Sisargas.
O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última quincena e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO, BANDA DESEÑADA e tamén LECER E OUTROS.
A carón de Breizh (Toxosoutos, 2012), desta volta encabeza a listaxe un poeta novo: Xosé Daniel Costas Currás e pecha a mesma o poemario erótico de Elvira Riveiro Tobío. Beizóns!
1º-. monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, Pen Club.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, Caldeirón.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.