Breizh no «Taboleiro do libro galego» (VI)


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Non se produciron cambios significativos na listaxe dos libros de poesía na sexta entrega do «Taboleiro do libro galego» (VI) que o profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura.
Breizh (Toxosoutos, 2012) continúa a estar na cimeira na quincena que vai do 16 ao 31 de marzo, con datos fornecidos por 16 librarías galegas moi significativas, logo da incorporación recente de Lila de Lilith (Compostela) e Livraria Suévia (A Coruña), que se suman a Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar e Sisargas.
O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO, BANDA DESEÑADA e agora tamén LECER E OUTROS.
A carón de Breizh (Toxosoutos, 2012), desta volta completan a listaxe un poeta novo: Xosé Daniel Costas Currás; o poemario erótico de Elvira Riveiro Tobío e a edición ilustrada de Cantares Gallegos, o libro de Rosalía de Castro do que se conmemora o 150 aniversario. Beizóns!
1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
2º-. monicreques, de Xosé Daniel Costas Currás, Pen Club.
3º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, Caldeirón.
4º-. Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, El Patito Editorial.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.