Breizh no «Taboleiro do libro galego» (II)


O profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica a segunda entrega do «Taboleiro do libro galego» (II) para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura. Con excelente criterio a sección vai ser agora quincenal, pois a nosa literatura non dá para tantos foguetes, como demostran os procesos de liquidación, agora chamados outlets do libro galego, dos que estes días temos un exemplo nunha coñecida área comercial de Compostela.
Na listaxe dos libros de poesía continúa aínda o meu poemario Breizh (Toxosoutos) entre os libros que interesan a lectoras e lectores (e, retranca, mesmo ascendeu até o terceiro lugar!!!). Por certo, o libro terá a súa presentación este vindeiro xoves, día 7 de febreiro, ás oito da tarde na compostelá Libraría Couceiro.
Velaquí a anotación previa á listaxe de vendas que realiza Ramón Nicolás:
«Nesta segunda entrega do taboleiro do libro galego non se observan grandes mudanzas respecto dos títulos que maior aceptación tiveron nas librarías galegas consultadas a anterior semana, ás que desde agora se suma tamén a libraría Andel. Por este motivo a periodicidade da sección pasará  a ter, desde agora, un carácter quincenal. Grazas, de novo, a todas as librarías colaboradoras polo seu entusiasmo neste proxecto».
O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO e BANDA DESEÑADA.
E velaquí a listaxe nos títulos de poesía, onde continúa imbatible o amigo Ramón Blanco:
1º-. Emily on the road, de Ramón Blanco, Acha Escrava.
2º-. monicreques, de Xosé Costas Currás, Pen Club.
3º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
4º-. O meu primeiro Celso Emilio, X. Lastra e outros, Edicións Xerais.
5º-. Esplendor arcano, de Ramiro Torres, Grupo Surrealista Galego.
Beizóns a todos eles (desta volta voces masculinas, algo ben estraño na poesía galega de hoxe na que sobrancean excelentes voces femininas). Quizais haxa que recomendar ao profesor Ramón Nicolás a incorporación da libraría compostelá Lila de Lilith.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.