Breizh no programa «Zigzag Diario» da tvG2


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O programa «Zigzag Diario» da tvG2, que presenta María Solar (tamén ela autora infantil), adoito procura adicar aos libros a súa edición dos luns. No programa de onte luns, 10 de xuño, emitiu a entrevista gravada hai uns días na compostelá Granxa do Xesto e que me realizou o xornalista Francisco Novo (quen fora director do desaparecido programa cultural «Miraxes») para falarmos do meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012), na que tamén fago a lectura de tres haikus dos que compoñen o libro.
Antes de gravar, lembrei con Francisco Novo que nos coñecemos cando era xornalista do Faro de Vigo hai ben anos, os dous mozos aínda, e daquela fíxome unha entrevista en Rianxo, cando eu estaba a recibir un premio importante para min, pois como contei aquí, en 1985, fun merecedor do XI Premio de Narracións Curtas «Modesto Rodríguez Figueiredo», convocado polo Patronato do Pedrón de Ouro, polo relato «Augas de silencio», que a xuízo de Basilio Losada, presidente do xurado, significaba «toda una revelación». Aquel xurado estivera composto ademais por Avelino Pousa Antelo, como secretario, Avelino Abuín de Tembra (os dous xa finados), Carmen García Rodríguez, Manuel Quintáns Suárez e Luís Alonso Girgado. Andando o tempo tiven trato con algunhas destas persoas e mesmo Carmen García Rodríguez foi unha das miñas docentes de Lingua Galega cando me reincorporei aos estudos para facer Filoloxía Galego-Portuguesa na USC.
Para as persoas que teñan interese e que non puideron ollar o programa na súa emisión ao vivo diremos que xa está na televisión á carta e o fragmento que se ocupa do libro vai desde o minuto 21:50 até o 25:00, máis ou menos, aínda que eu recomendaría, coma sempre fago, visionar a totalidade do programa que dura media hora e que nesta ocasión tamén entrevista a Xosé Carlos Caneiro, engade unha reportaxe sobre os trinta anos dos Premios Xerais ou fala da inauguración da excelente proposta de imaxes do proxecto Mil Ríos dos fotógrafos Fran Herbello e Manuel Sendón, alén doutros interesantes contidos.
Agardo que sexa do voso agrado.

Esta entrada foi publicada en Entrevistas, Poesía, Televisión. Garda a ligazón permanente.