Breizh no blogue O Karrapucho de Héitor Picallo Fuentes


(Abaixo reprodución da portada do libro e aquí o meu retrato, da autoría de Héitor Picallo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O activista cultural, escritor e ilustrador, e aínda amigo Héitor Picallo realizou unha breve anotación na súa bitácora O Karrapucho sobre o poemario Breizh (Toxosoutos, 2012), para o que fixo una magnífica cuberta. Velaquí as súas palabras que se poden ler tamén nesta ligazón.
“As vellas fiestras
queren baixar á rúa,
cruzar a ponte”.
Dende o prelo de Toxosoutos (2012) tamén saen os haikus de Miro Villar (Cee 1965), ese poeta da bisbarra de Fisterra que encrista as augas atlánticas cando ergue o verso ou o discurso. Na colección Nume intégrase este Breizh, que achega un gorentoso limiar do prolingüista Xosé María Lema Suárez (Vimianzo 1950). Membro do Batallón Literario da Costa da Morte, Miro é un deses grandes mestres -ou vates- do verso contemporáneo galego, semellante un grande miniaturista do medievo, onde o traballo e a precisión poden rabuñar o feito perfecto.
Escritor en galego, as súas composicións poéticas foron traducidas a unha manchea de linguaxes: português, castelán, italiano, francés, inglés, alemán, ruso, albanés e serbo-croata.
“Golpes de mar
erosionan a lingua,
nas gorxas mor“.
Velaquí a portada que realicei desta obra, onde entre as brétemas do pasado e das tradicións vetustas enxergan unha figura entrelazada -tal se fixesen con vimbios- de aspecto celta, navegando sobre as ondas da bandeira da Bretaña (de Breizh).

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.