Xa teño reiterado nesta bitácora que o meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012) naceu dunha viaxe a terras bretoas na que percorremos boa parte do País en agosto do 2007 co Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), que preside Xosé María Lema Suárez, razón pola que asina agora o Limiar intitulado “Na procura das Fisterras atlánticas“.
Por volta de 2008 envieille o libro á Sotelo Blanco Edicións, quen nesa altura recuperara a súa colección de poesía, co nome de Edoy Leliadoura, dirixida polo crítico e escritor Xesús González Gómez, e que viña a ser unha continuación da vella colección Leliadoura.
A crise editorial, que principiaba daquela e que hoxe vivimos con máis intensidade, levou ao peche da devandita colección de poesía e a anunciada publicación de Breizh adiouse ata que o director literario de Toxosoutos, David G. Couso, se comprometeu ao seu lanzamento.
Na anterior anotación reproducín a primeira recensión do libro no blogue Caderno da crítica, do crítico e profesor Ramón Nicolás, porén a primeira lectura crítica chegoume naquel ano de 2008 nunha ampla mensaxe electrónica de Xesús González Gómez. Velaquí os fragmentos que falan do libro e que considero outra excelente lectura, que reproduzo co seu permiso e a súa xenerosidade.
14/09/08
(…)
Finalmente lin de vagar Breizh, prólogo incluído (1). Antes de dicir nada, digamos que aínda que non foses amigo editaba o libro. E aquí podía pór o punto e á parte. Ademais, despois do pròlogo, pouca cousa máis che podería dicir.
Con todo, engadiría que non só és fiel á «letra» do haiku, senón, como sempre, e o máis importante, ao espírito. Ou ao que xulgo eu que é o seu espìrito, xa que se ben tiño lidos haikais, xaponeses (traducidos, claro) e non xaponeses, tampouco é que saiba moito del, malia ter perdido pola biblioteca un volume sobre tal tipo de poesía publicado hai moitos anos pola Fundación Juan March que logo reeditou, se mal non lembro, Hiperión. O libro é de Antonio Cabezas (2), e tamén algunha introdución á literatura xaponesa dun inglés, en FCE, do que agora non lembro o nome (3), que tamén ten outro folleto na mesma editorial, que cando o lin me interesou e anda tamén perdido entre os libros, sobre a escrita e a caligrafía. Mais a verdade, é que xa non lembro o que dicían.
Para min o haiku (a verdade, todo poema conseguido) sempre di máis do que enuncia, mais o poder de suxerencia, digamos, non está, nunca, no bo poema, en función da vaguidade ou de algo de misterio, nin mesmo da escuridade, tan importante na poesía europea desde Mallarmé (aí temos o exemplo de Paul Celan, por certo, adoito mal traducido). Non se trata de adiviñar o que di o poema e, sobre todo, pola súa curtedade, o haiku. O poema, tres ou trescentos versos, di o que di, e suxire tanto en tres como en trescentos versos: aí radica a… que palabra usar, xenialidade? penso que non. Habilidade? Pois tampouco. Deixémolo, para non liármonos, no «quid» do poeta.
Nos teus poemas, haikais ou como contra se diga en xaponés en plural, todo está enunciado directamente -diso trátase, en primeira instancia- mais cada elemento, e aí radica o que sexa un libro conseguido, relaciónase con outro compondo, ou recompondo, unha figura. Ou máis figuras. O teu eu -que se pode recompor, non cho vou facer; ou, tamén Bretaña. Tes razón, non é unha «guía» de Bretaña, nin falta que fai. Non, é unha recomposiciòn tanto do teu eu como dunha Bretaña, soñada, vivida e/ou «poetizada» usando, como dicía Mallarmé, as palabras de cada días cargadas de sentido, e intensificando a «imaxe» sen recorrer, nin caer, á metafísica. Estes haikais teus están conseguidos, simplemente, por un feito, e aí vai a frase que manda truco: os poemas din, cada un deles, máis do que din simplemente porque só din o que deben dicir.
Podía continuar, pois faltaría falar da «mirada», nin fotográfica, nin xeográfica, nin -por suposto- turística, etc. Talvez se trate dunha mirada «caligráfica» -nada que ver, claro, cos caligramas.
Un abrazo,
Xesús
(1) Refírese ao Prefácio do poeta português António Jacinto Pascoal que xa ía nesa fanada edición.
(2) Antonio Cabezas, Jaikus inmortales, Hiperión, Madrid 1997.
(3) Donald Keene, La literatura japonesa, Fondo de Cultura Económica, (col. Breviarios núm 112), México, 1956.
Pingback: As crebas » «No país dos armiños», recensión de Armando Requeixo a Breizh
Pingback: As crebas » Presentación ou lanzamento de Breizh (Toxosoutos), este xoves, día 7 de febreiro, ás oito da tardiña, na compostelá Libraría Couceiro