Bolo de «Nata», unha receita da miña nai para Bolboretas no bandullo

Bolboretas
(Imaxe que ilustra unha das receitas do blogue Bolboretas no bandullo)
Ao fío da anterior anotación, outra das moitas preguntas desa longa entrevista de Diana e David permitiume rescatar unha receita dunha sobremesa que facía nosa nai (na memoria sempre) e que nos resultaba gorentosa, porque era moi sabedeira e naquela altura tampouco é que se fixera a miúdo, o que a facía máis especial se cadra. Velaí.
Con que prato presentarías Cee e a Costa da Morte a nós, da Mariña Luguesa?
Sendo vós da Mariña non vos sorprendería, pois eu devezo polos froitos do mar, aínda que moito máis polos peixes que polos mariscos. Pensaría nuns longueiróns á prancha e olliño sen nada de nada, fóra o limón que lle mata o sabor. De feito, o poeta Alexandre Nerium, que foi mergullador do longueirón e agora é o guía do Museo da Pesca de Fisterra, sempre di que dereitiños do mar saben a gloria. Eu prefiro un toquiño, breve, na prancha ou na grella, aínda que en empanada tamén están deliciosos. E xa logo un bo peixe grellado, ao forno ou en caldeirada. Se queredes peixe de sona, pois un sanmartiño, unha robaliza, un sargo…, mais eu son feliz cun xurelo ou xurela (máis grande) á prancha ou á grella ou unhas xardas guisadas, aínda que o meu preferido é o cabracho ou escarapote en caldeirada. Xa sinto bolboretas no bandullo, coma vós.
E de sobremesa o Bolo de «Nata» que facía miña nai. Velaí vai a receita caseira segundo a tradición materna.
Faise collendo unha cunca das «natas» do leite (nós tiñamos leiteira, miña nai fervía o leite e ía sacándollo), se non as houber media tarrina de manteiga comercial. Tamén vale unha mestura de ambas as dúas. Pódese substituír tamén a manteiga por aceite de xirasol, mais miña nai nunca lle poñia aceite, seica.
Mestúrase con media ducia de ovos e tres cuartos de azucre, un sobre de lévedo “Royal” (miña nai usaba este) e un pouco de leite, así como toda a fariña que pida para que a masa non sexa nin moi branda nin moi dura. Engádese tamén a reladura dun limón, se se quere.
Esbarróase o recipiente cun chisco da manteiga ou aceite, botáselle a masa e ao forno, a ollo, que ela non che medía os tempos da cocedura. E ten que saír ben medrado e esponxoso. Que rico!!!
Ou dúas sobremesas tradicionais que se facían antigamente en Cee e que xa case desapareceron ou fanse de maneira industrial. Os follados, que así se lles chama en moitas localidades da Costa da Morte e era o nome que lles daba miña nai, que veñen sendo unhas filloas máis grosas, de medio centímetro ou así que se fan na tixola (hai algunha receita pola rede, mais se procuras a palabra xa podedes imaxinar o que sae). Ou o pan de ovo, pan de huevo dicía a xente máis presumida da vila, unha trenza semellante aos roscos de reis que se fan hoxe, mais moito máis compacto.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.