Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Séchu Sende acadan o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en Galego por Pelos na lingua (Talía Teatro)


Onte non vin a cerimonia na televisión, así que esperto esta mañá lendo no dixital prazapública a gozosa nova de que nos XV Premios Max das Artes Escénicas o premio ao Mellor Autor Teatral en Galego foi para Pelos na lingua, de Talía Teatro, que dramatiza unha serie de textos sobre o noso idioma da autoría de Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Séchu Sende, nunha edición na que foron finalistas os textos 0,7% Molotov de Santiago Cortegoso (que xa fora premio Rafael Dieste de Teatro da Deputación da Coruña con este texto) e Memoria de Helena e María de Roberto Salgueiro (que fora Premio de Teatro Abrente). Nesta bitácora xa contei como tamén obtiveran o Premio ao Mellor Texto Orixinal nos premios María Casares do noso teatro e dicía:
«O meu antigo alumnado do IES Fin do Camiño de Fisterra e o alumnado de ducias de centros escolares xa gozaron deste espectáculo que bateu marcas de representación no mundo do noso teatro. Parabéns pois a todos catro e en especial a Artur Trillo, do que aínda lembro como teimou en poñer a andar aquel soño que agromou dentro da A. C. Domingo Antonio de Andrade, de Cee, que partillábamos, onde naceu a Mostra de Teatro en 1988 e o grupo afeccionado Talía, que medrou até se converter nunha das compañías profesionais de máis prestixio nas táboas galegas. Moita merda, pois, que é como se parabenizan as xentes do teatro».

Esta entrada foi publicada en Lingua, Premios, Teatro. Garda a ligazón permanente.