Asinei para que o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2013 sexa o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño


Asinei unha proposta (chea de motivos) estes días de atrás como escritor e profesor de lingua e literatura para solicitar dos académicos e académicas da RAG que o autor homenaxeado no próximo Día das Letras Galegas 2013 sexa o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, quen foi moi boa persoa e excelente autor, director e actor teatral.
Son moitas as razóns. A primeiras de todas é que son devoto lector do seu teatro escrito e tamén o fun das súas montaxes e dos seus espectáculos desde que o coñecín grazas a colaborar na organización das primeiras edicións da Mostra de Teatro de Cee e nos seus últimos anos como espectador da súa derradeira compañía, Teatro do aquí, que o sobreviviu un tempo da man de Belén Quintáns (até o 2006).
Se non lembro mal e a memoria non falla, a primeira obra da súa autoría que vin na Mostra foi Cochos, un monólogo dirixido e representado polo actor Vicente Montoto e a súa compañía Uvegá Teatro. Desde aquela non houbo texto teatral seu que non vise representado pola súa última compañía, Teatro do Aquí, ou por outras e que non lese antes ou despois.
De feito, adoito traballar co meu alumnado de cuarto da ESO o noso teatro, clásico e contemporáneo, e sempre son varias as obras de Roberto Vidal Bolaño que poden escoller como lecturas. E o amigo Xosé Manuel Fernández Castro vén de publicar un groso volume, froito da súa tese de doutoramento, que analiza todo o seu teatro.
Curiosamente, en maio do 2011, nunha entrevista que me fixo Ramón Vilar Lavandeira para o dixital letraenobras non o citei como autor a homenaxear, mais tan só foi porque non daquela aínda non transcorrera a década preceptiva desque nos deixou (o día 11 de setembro do 2002 e velaquí a fermosa necrolóxica que lle escribiu meu irmán Rafa Villar). Soa a tópico, mais con estas cousas é cando un se decata da vértixe do paso do tempo, xa van aló dez anos desque o atopaba polas rúas compostelás ou bebendo algunha cervexa, moitas veces no café Rúa Nova (hoxe transformado polos actuais inquilinos con moi mal gusto), a carón do Salón Teatro e a uns metros do Teatro Principal, dúas das súas casas.
En letraenobras lembrei outros autores (ningunha autora) que ben merecen o recoñecemento do Día das Letras Galegas que, para min, este ano resultou descafeinado. Velaquí a miña resposta a esta cuestión, formulada por Ramón Vilar Lavandeira.
2.Achegándonos á dinámica de consagración de autores en galego que supón a celebración do Día das letras galegas, que autor ou obra reclamarías ti como esquencida hoxe na literatura galega?
Contra o que se adoita dicir, na miña opinión hai ducias de autores que ben poderían ser obxecto de estudo e de homenaxe nas Letras Galegas (que hoxe xa son moito máis ca un día). Non comparto esa visión que algúns espallan sobre o “rigor mortis” desta data, para min é moi positiva e só me doe que na nosa sociedade non teña a repercusión que o Sant Jordi posúe nos Países Cataláns.
Citaría a varios, primeiro a Carvalho Calero, mais vai ser imposible porque o conflito lingüístico normativo non o vai permitir ou iso creo. Desde logo a súa obra xunta ben máis merecementos do que moitos autores e autoras que xa forman parte da nómina de homenaxeados.
Logo tamén hai dous poetas magníficos da contemporaneidade, Eusebio Lorenzo Baleirón, que morreu moi novo mais deixou unha obra espléndida, e Fiz Vergara Vilariño, de traxectoria máis ampla.
Hai escritores que viviron o exilio como Florencio Delgado Gurriarán, hai excelentes poetas esquecidos como Díaz Castro… e moitos nomes máis.
Na Costa da Morte, por falar do meu territorio, sería de xustiza lembrar a Labarta Pose, un dos mellores narradores do XIX, mais despois de Novoneira e da proposta arriscada e valente de Lois Pereiro non vai ser doado retornar á literatura decimonónica.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Estudos literarios, Lingua, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.