Asinamos o Manifesto «Temos dereito a decidir»


Un grupo de galegas e galegos, diante da deriva autoritaria do Estado respecto aos dereitos democráticos e nacionais de Catalunya e, destarte, do resto dos pobos do Estado, acordamos elaborar un manifesto público que poder á ser subscrito por calquera cidadá. Este manifesto ten dous principais eixos:
1. POLO DEREITO A DECIDIR
2. NA DEFENSA DAS LIBERDADES DEMOCRÁTICAS
Perante a convocatoria, polo Govern de la Generalitat de Catalunya, co apoio da maioría parlamentar, dun referendo o vindeiro 1 de outubro, dirixido a todas as persoas residentes en Catalunya e ás catalás residentes no estranxeiro, coa formulación da seguinte pregunta: Quere que Cataluña sexa un Estado independente en forma de república?, as e os abaixo asinantes manifestamos o seguinte:
O apoio á celebración desta consulta é un clamor entre a cidadanía catalá, segundo se ven amosando nas multitudinarias mobilizacións e actos desde a celebración da consulta do 9 de novembro de 2014.
Consoante o dereito a decidir, unha comunidade debe poder tomar decisións colectivas e poder decidir sobre calquera ámbito que lle atinxir, sen restricións previas ou alleas.
Este dereito está vinculado a un inalienábel principio de carácter democrático, o dereito de participación nas decisións políticas e na vida pública. Desta maneira tense recoñecido en casos como os de Escocia ou Quebec.
O dereito a poder celebrar este referendo ten como alicerce ser a canle de expresión da vontade do pobo catalán sobre o futuro político-territorial de Cataluña. Así, o pobo catalán debe poder exercer este dereito sen coaccións e atrancos que o limiten ou o impidan.
Defendemos o dereito a que este referendo se poida celebrar libre e pacificamente ao mesmo tempo que rexeitamos calquera tipo de medidas ou decisións que obstaculicen a realización do mesmo, xa que isto atropelaría os valores que deben presidir unha sociedade democrática.
As persoas impulsoras desta iniciativa, chamamos á cidadanía galega a subscribir este manifesto, asemade a participar en todas as mobilizacións que se convocaren, segundo os principios democráticos enunciados no mesmo.
Adherirse ao manifesto nesta ligazón:
http://dereitoadecidir.gal/

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Política. Garda a ligazón permanente.