As sereas atlánticas de Lugrís



(Video do desaparecido semanario A Nosa Terra (1977-2011) e fotografías de Adrián Abella, tiradas do dixital quepasanacosta. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
En reiteradas ocasións puidemos escoitarlle ao poeta Paco Souto a súa queixa polo estado de abandono dos murais de Urbano Lugrís na Casa do Pescador de Malpica de Bergantiños, a última aínda despois da lectura poética que partillamos no Clavicémbalo e da que xa se falou aquí.
Estas ideas sobre o desleixo da pintura de Urbano Lugrís está de actualidade pola denuncia que realizou o malpicán Adrián Abella na edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia e da que tamén se fixo eco o dixital quepasanacosta, do que reproduzo as imaxes.
A obra de Urbano Lugrís, o pintor do mar, ecoa (e non podía ser doutra maneira) nun texto do meu poemario As crebas (Espiral Maior, 2011) onde hai intertextualidade coa súa obra.
Con posterioridade, como recolleu esta anotación, o mesmo poema foi ilustrado coa peza «Serea alada» (1946) nunha iniciativa do colectivo A Nave das Ideas de Vigo (da que falamos aquí) dispoñible na rede.
Así foi. Como parte dunha serie de actos de homenaxe ao artista galego Urbano Lugrís crearon unha publicación dixital onde diferentes poetas fan unha glosa dalgunha obra concreta do pintor coruñés. A antoloxía deuse en chamar URBANO. Coroa poética a Urbano Lugrís e o arquivo final de imaxes e textos pódese descargar de balde na bitácora da entidade nesta ligazón. Trátase dun obxecto moi fermoso, con reproducións das pinturas de Lugrís e textos de poetas de diferentes xeracións.
Velaquí os meus versos e a ilustración que os acompaña:
Regreso a casa
Aló vas transparente, como serea atlántica de Lugrís, nos adeuses da invernía que chega, emigras desde o frío a mares do interior na procura da cálida placenta dos afectos que alimenta a palabra orixinal do berce.
Escoitas nas ribeiras serróns e tronzadores e arrecendes outrora o po das serraduras que decoraba as saias da nena rebuldeira en mañás de madeira e de olladas de esguello.
E falas coas escuadras, co nivel, co compás, e acoden á conversa as gubias e os formóns e tamén xa se escoita íntimo o berbiquí a facerche preguntas sobre a inmensidade das mareas no corpo da gamela que soñas.
(Premer na imaxe dúas veces para unha mellor lectura)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Historia, Lendas e mitos, Poesía. Garda a ligazón permanente.