«As Raíces», un poema no volume colectivo Botando raíces, que conmemora o 50.º aniversario do instituto Agra de Raíces de Cee

A presentación da obra no xornal La Voz de Galicia

A biblioteca do instituto Agra de Raíces de Cee acolle hoxe ás 17.00 a presentación do libro Botando raíces, acto central do 50.º aniversario do centro educativo. Acudirá Manuel Antelo, director; Margarita Lamela, alcaldesa, e unha representación dos 18 autores deste «proxecto literario e artístico», todos con vínculos ao IES: Darío Areas, Suso Bahamonde, Concha Blanco, Vicente Blanco, María Canosa, David Creus, Estevo Creus, Marina Gómez, Mónica Góñez, Xosé Iglesias, María Lado, Rocío Leira, Xosé R. Losada, Antón Riveiro, Artur Trillo, Miro Villar, Rafa Vilar e Víctor Castiñeira.

A presentación da obra no xornal El Correo Gallego

Cincuenta anos de historia e de formación avalan o IES Agra de Raíces, de Cee, que segue a conmemorar o medio século de vida. Con tal motivo, o centro vén realizando diferentes actividades lúdico-culturais e, ademais, veu a luz o libro Botando raíces, unha publicación nacida non só para celebrar, senón tamén para documentar a historia do instituto a través da creatividade das súas voces máis próximas.

Botando raíces é, segundo subliñan os promotores, un proxecto literario e artístico que agrupa as contribucións de dezaoito creadores con vencellos co IES Agra de Raíces. O mencionado volume integra obras de expresión escrita e plástica de recoñecidos nomes da cultura galega, como Concha Blanco, María Canosa, Estevo Creus, María Lado, Miro Villar ou Rafa Villar, entre outros.

E velaquí o poema da miña autoría para este volume colectivo que cooordinou a escritora Concha Blanco

As Raíces

Now, to pry into roots, to finger slime,

To stare, big-eyed Narcissus, into some spring

Is beneath all adult dignity. I rhyme

To see myself, to set the darkness echoing.

Seamus Heaney

Agora, perscrutar raízes, pôr a mão na lama,
Olhar uma nascente, qual Narciso esgaseado,
Não o consente a dignidade do adulto. Faço a rima
P’ra ver o meu reflexo, e pôr a escuridão a ecoar.

(Tradución ao portugués de Arlindo Correia)

*

Agora, nas raíces indagas, lenta terra

dos teus avós paternos. Absorbes as substancias

que nutriron a escrita desde o sangue en cadoiro,

as palabras nutrientes apañadas nos libros.

Esas mesmas raíces ancoradas na lingua

humilde e cadenciosa dos devanceiros. Árbore

que en ti medrou perenne con humus do substrato

até ser lingua viva, palabras para a escrita.

Auga limpa das fontes, minerais, Poesía,

que tímida deixaches na revista escolar,

Zeltia, voz pondaliana que vos deu ás intrépidas

e andando o tempo serdes feros corvos do Xallas.

Ventos ávregos, quentes como ermas castiñeiras,

queimaron as raíces. Das augas do silencio

rebrotou vagarosa, con ímpeto e memoria,

a escrita en crecemento desde a núa epiderme.

As sementes xermolan, protexidas con dedos

sucios de terra tinta, medra a flor nas froiteiras

e escribes como nunca. E velaí están vizosas

as raíces dun tempo que a sombra ocultou luz.

*

(Na memoria de Mon Rey Senra,

cómplice na querenza polos libros

e pola historia desta fisterra atlántica)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Efemérides, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta