As pegadas de Moby Dick, de Herman Melville


As efemérides deste primeiro de agosto lembran que hoxe é o natalicio do escritor Herman Melville (New York, 1 de agosto do 1819 – 28 de setembro do 1891). E xa teño contado na anotación “Caneliñas, un espazo para a memoria” que un dos libros que nunca esquecerei foi Moby Dick, de Herman Melville, (que tamén posúe unha magnífica adaptación cinematográfica de John Huston, de 1956, e coa inesquecible presenza de Gregory Peck no papel do capitán Ahab). O meu primeiro encontro con este clásico de aventuras foi de rapaz, através do resumo ilustrado que publicou a mítica Editorial Bruguera na súa colección «Joyas Literarias Juveniles» e en 2003 merquei a fermosísima edición do texto completo que fixo Anaya, con prólogo de Gustavo Martín Garzo, tradución de Maylee Yábar-Dávila e José Luís García, apéndice de Juan Tébar e ilustracións de Judit Morales e Adrià Gòdia.

Non é o único libro de Herman Melville que lin, foron varios títulos e outro que me fascina é Bartleby, o escribente, que primeiro lin en castelán e logo na edición galega de Eva Díaz Rodríguez en Xerais. Con todo, foi Moby Dick o que máis pegada me deixou. E así o teño contado na xa desaparecida revista de literatura infantoxuvenil fadamorgana (nº 9, 2003). De feito, este libro, o seu autor ou os seus personaxes aparecen varias veces na miña poesía. Velaí o poema «Cama de piedra» de Gameleiros (Xerais, 2002) ou tamén «Novelas de aventuras» do libro As crebas (Espiral Maior, 2011).
CAMA DE PIEDRA
Os listos ollos aguias do mariñeiro nunca
leron libros de Stevenson, Melville, London, Verne,
pero os dedos buliron en páxinas de tinta
onde estaban escritas as marcas do mar, cofres
ocultos que abre a chave do aparello da vida.
Novelas de aventuras
As mulleres, que len, son perigosas, seica, e ti xa non concibes a existencia sen libros desde aquela nenez feliz na biblioteca cando a balea branca Moby Dick era un soño do capitán Akhab e ti tamén soñabas con chamarte Ismael na cuberta do Pequod.
Ou Huckleberry Finn, Tom Sawyer, Sandokán, Kim, Miguel Strogoff, Marco Polo, Lord Jim, novelas de aventuras con mulleres caladas, con ou sen amor, presas do dedal e da agulla.
As mulleres, que len, foron sempre un perigo porque a necesidade de dar outra visión rebordou nos tinteiros e o téxtil fixo o texto e da manufactura naceron manuscritos.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.