(Debuxo de Martiño Picallo)
O día 8 de xullo de 2020 nacía publicamente o colectivo «Alento esbravexo», que poñía en marcha o blogue mandadepezasparaisaac.blogspot.com e nesa data presentábanse nunha anotación da que reproduzo dous parágrafos:
O MOTIVO
Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas ou cun dos libros de Ediciós do Castro? Quen non gozou dalgunha das súas tendas, galerías de arte, casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fabrica de Cervo ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside?
QUEN SOMOS
Alento esbravexo. Somos un grupo de persoas que non queremos deixar pasar esta data sen ofrecer a nosa contribución e a de todas aquelas dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración. Somos sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario. Convocámonos ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte, artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de fortalecer e recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñemos en marcha esta tarefa colectiva tan necesaria.
Pois ben, desde esa data e case a diario «Alento esbravexo» vai publicando (e aínda non rematou) no blogue mandadepezasparaisaac.blogspot.com/ diversas contribucións artístisticas, literarias e musicais en homenaxe a Isaac Díaz Pardo, a quen eu propio estoulle ben agradecido por ser editor de varias das miñas obras, como lembrei na anotación intitulada “Adeus emocionado a Isaac Díaz Pardo“. Por esta e por moitas outras razón non esquivei o convite a realizar unha composición de homenaxe, en forma de soneto, que viu a luz antonte e que leva unha Introdución, sen asinar, de Héitor Picallo, a quen agradezo as asúas xenerosas palabras. Velaquí o texto, que tamén de pode ler nesta ligazón.
Un soneto de Miro Villar para Isaac Díaz Pardo
Dende o Alento Esbravexo temos a honra de poder contar con varios centos de persoas que, desinteresadamente, colaboran nesta homenaxe internacional a Isaac Díaz Pardo. Proceden de distintas xeografías (incluso continentes), de distintas culturas e de non poucas disciplinas artísticas e actividades sociais ou profesionais: a poesía, o teatro, o baloncesto, o gravado, a pintura, o debuxo, a narrativa, o ensaio, a música, a canción, o cinema, a colaxe… Mais dende a diferenza todas elas teñen algo en común: o cariño que as irmanda en realizar unha actividade que vai cumprindo meses como quen cumpre soños.
Como un soño tamén é contar con Miro Villar, un dos poetas nacionais máis acreditados destes anos, un dos vates da Costa da Morte que navega por un Atlántico de apertas no que tamén singraron Manuel Antonio e Antón Zapata, autor este último biografado polo poeta de Cee.
Quen non coñeza o Abecedario da Desolación ignora un mar de sentimentos, quen non escoitase a buguina dos Gameleiros pouco sabe daqueles homes e mulleres do litoral que fan patria dende os salseiros, e se non soubeches da obra de Roberto Blanco Torres dende a voz de Miro Villar non fuches quen de saborear o Orballo da Medianoite.
Porque Miro gusta da métrica, da composición traballada e brunida até conseguir a satisfacción do autor… Miro non reserva nada ao azar, busca a través do oficio e a vocación de poeta ese verso que emocione e conteña toda a esencia da dor, da ledicia, do sentir… Ao final os seus versos son agullas se espetan na nosa conciencia para rachar as redes do tedio, a preguiza ou a inconsciencia.
Hoxe rescatamos coa súa voz as mans creadoras de Díaz Pardo ao tempo que quizais nos desprendemos do “exilio dos soños”, porque procuramos conquistar o país de realidades. Beizóns, mestre!!
As mans de Isaac
«Teño unhas mans moi retorcidas»
(Declaración de Isaac Díaz Pardo en Sada, 2011)
Esas pequenas mans de persoa humildosa,
que diría Cunqueiro, cinguiron ben co abrazo
o afecto de Camilo, teu pai, no seu regazo,
e apertaron con rabia na morte criminosa.
Medraron mans de artista, de traza vagorosa
na contemplación longa do natural no espazo,
para a memoria sempre, que vencen o desazo
da ominosa e grisalla “cruzada gloriosa”.
De Seoane e Maside veñen as mans fraternas,
do prolongado exilio dos soños e as ideas,
cerámicas do Castro, Sargadelos, o nume.
As mans dadas, Mimina, vivencias sempiternas,
elegancia nas formas que modelas e creas,
esas mans que lembramos con fondo pesadume.
No centenario de Isaac Díaz Pardo, agosto de 2020.