As letras da Costa da Morte a debate



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)
A celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas, propiciou que a semana pasada Radio Voz-Bergantiños xuntase a cinco autoras e autores da Costa da Morte e a dous activistas culturais de longo alento para debater sobre a situación da creación literaria na comarca.
Na gravación para o programa que conduce a xornalista Mar Varela estivemos convidados Xosé María Lema Suárez, Rocío Leira, Paco Souto, Diana Varela Puñal e eu propio para representarmos a feraz literatura de noso, completando a táboa redonda Nel Vidal Barral, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo e Presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e Xosé María Varela Varela, en representación da máis antiga e magna celebración, o Festiletras do Couto (Ponteceso).
O debate foi escaso nesta táboa redonda, xa que as coincidencias eran moitas, e resultou máis que nada unha exposición persoal sobre diversos temas que foron suxeridos pola condutora do programa. En calquera caso, foi unha boa maneira de adiantarmos o Día das Letras Galegas.
Con posterioridade, La Voz de Galicia en Carballo, na súa edición en papel dominical recolleu unha escolma das nosas intervencións, da man da propia Mar Varela e de Ángel Palmou, que se reproducen para a súa lectura nas dúas anteriores imaxes e tamén nas dúas que seguen.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Contos, Encontros, Ensaio, Entrevistas, Estudos literarios, Gravacións, Lingua, Narrativa, Poesía, Premios, Radio, Teatro, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.