As crebas, presentación na confraría do Pindo


As crebas tivo onte unha nova presentación pública n’O Pindo (Carnota), alén da que se fixera en Carral na entrega do XIV Premio de Poesía, e da que se fixo o 22 de xuño na Libraría Couceiro, como xa detallamos aquí. Foi a primeira perto do territorio dos nerios, no que debeu ser parte das terras dos supertamarci, e foi grazas ao convite do Concello de Carnota, representado na mesa polo seu alcalde, o nacionalista Moncho Noceda, e a Confraría do Pindo, que nos cedeu as súas instalacións, representada por Mercedes Díaz Mayán. Novamente o escritor Francisco “Chisco” Fernández Naval exerceu de magnífico mestre de cerimonias, facendo un interesante percorrido pola historia das crebas e dos crebeiros para logo debruzarse sobre os principais temas do meu poemario, antes de ler tres dos textos que se inclúen no libro. Deseguida fixen unha breve introdución a respecto do proceso creativo desta obra que se completou coa lectura de media ducia de poemas, gozando da atención e da boa acollida das case trinta persoas que ateigaban o local da confraría. Despois da presentación aínda houbo tempo para conversar coa fotógrafa Maribel Longueira, con Xilberto Caamaño da asociación Monte Pindo, Parque Natural e co antropólogo muxián Manuel Vilar e para escoitar novas propostas de posta en valor do sempre fascinante Monte Pindo.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a As crebas, presentación na confraría do Pindo

  1. Pingback: As crebas » As crebas, presentación o vindeiro sábado na Confraría de Malpica de Bergantiños

  2. Pingback: As crebas » Estranxeiro na miña pequena patria

Os comentarios están pechados.