As crebas, mil anotacións máis para a lingua galega

ascrebas
A paráfrase do dito por Álvaro Cunqueiro «Mil primaveras máis para a lingua galega» serve para celebrar convosco que esta xanela aberta ao mundo o 28 de xuño de 2011, chegou ás 1000 anotacións ou artigos de variada xinea desde aquela na casa de acollida: blogaliza.org, a quen moito agradezo a xenerosidade do seu espazo e a súa colaboración.
Un dos meus referentes neste eido, a bitácora Brétemas do editor Manuel Bragado, facía hai poucos días o seu undécimo aniversario e contabilizaba máis de cinco mil anotacións. Non sei se terei eu os folgos do meu admirado Bragado, mais polo de agora a viaxe ten azos para continuar.
Neste tempo, con lagoas propias de situacións persoais adversas (como a doenza e o pasamento da miña nai) e con maior ou menor esforzo, sempre segundo as outras obrigas de cada momento, este recuncho serviu para achegar o meu parecer ou dar conta de acontecementos culturais e sociais, mesmo algún político, que foron do meu propio interese, aínda que moitos outros ficaron no tinteiro pola imposibilidade material de os atender. E como xa teño comentado, e como non podía ser doutra maneira, sempre tiveron preponderancia os temas literarios, nomeadamente a poesía que enche unha parte importante da miña existencia creativa e lectora.
Tamén neste tempo de andaina na arañeira, a bitácora recibiu por parte das autoras e dos autores da nosa literatura o recoñecemento como «Mellor blogue literario» na XIII edición dos premios da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) 2012. E como xa teño sinalado, «esta distinción obriga a moito e un propio sente que ás veces non é quen de chegar á calidade que se lle presupón a un espazo coma este. Sacrificando ansias e tempo doutras ocupacións vaise facendo esta navegación até que as forzas cansen. Polo de agora aínda non é o caso».
A xeito memorialístico, reproduzo deseguida a primeira anotación de saúdo que se fixo desde esta xanela. Velaquí:
Ola Mundo!
Benvido, benvida.
Neste 28 de xuño do 2011 rompe augas este blogue persoal, na acolledora casa común de blogaliza.org. Como “crebas” chegadas ás praias da Costa da Morte, este blogue irá recollendo anotacións de creación e de crítica literaria, alén doutras reflexións.
Nace o mesmo día que morre en papel o xornal Galicia Hoxe, a única prensa diaria na nosa lingua que aínda se podía atopar na rúa. Nace, daquela, porque son tempos de resistencia e de acrecentar a presenza do idioma galego na nosa sociedade e no mundo.
Aos poucos iredes lendo diversos materiais recentes ou de épocas afastadas para gozardes da lectura ou tamén para discrepardes se fose o caso.
Grazas por virdes onda estas crebas e unha aperta atlántica.

Esta entrada foi publicada en Efemérides. Garda a ligazón permanente.