Artigo en QPC (XXXIX): «A escura lembranza do Prestige»


Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta unha recensión dun poemario que se inspira na catástrofe do afundimento do Prestige en novembro de 2002, da que vén de se facer o 15 aniversario. Velaquí este texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
A escura lembranza do Prestige
Mar da morte
Santi Borrell i Giró
Vilafranca del Penedès: Edicións de Pedra, 2017, 144 páxinas
O poeta catalán Santi Borrell i Giró (Vilafranca del Penedès, 1972) vén de publicar Mar da Morte, en edición bilingüe catalán/galego, coa tradución á nosa lingua por parte do poeta Amauta Castro, e que se presentou en Galicia nos mesmos días que diversos actos lembraban o 15 aniversario do desastre ambiental provocado polo afundimento do petroleiro Prestige fronte á nosa costa.
Trátase do terceiro poemario de Santi Borrell, segundo sinala a lapela, despois de dúas obras que xa esgotaron as primeiras edicións Els dies a les mans (2010) e Fragments d’unha pedra (2013), un autor que organiza eventos como o Festival de Poesia a les Caves (Sant Sadurní d’Anoia) ou a Kinzena Poetika (Vilafranca del Penedès) e que impulsou o Manifest de Poetes Catalans per la Independència (outubro de 2014) coa adhesión de trescentos poetas.
A obra é en realidade un único poema de longo alento, estruturado en cinco partes, sempre coa versión galega en páxina esquerda e ao seu carón na dereita o orixinal catalán, e principia cos versos: “O futuro lembrará esta data. / Lembraráa o mar. / Lembraráno os peixes. / Lembraráno as árbores. / Lembrarán aquelas imaxes, / aquelas casas azuis / que queimaban o mar“.
(“El futur recordará aquesta data. / Ho recordará el mar. / Ho recordaran els peixos. / Ho recordaran els arbres. / Recordarán aquelles imatges, / aquelles cases blaves / que cremaven el mar“). E un derradeiro verso, en letra negra, grosa e ben grande que aparece igual na lingua de orixe e na lingua de chegada: Nunca máis. / Nunca amáis?
A obra ten moito de colaxe literaria, non só polos diferentes tamaños de letra que se van alternando ao longo do texto, senón por incluír tamén inseridos no propio discurso algúns debuxos, unhas fichas de dominó, unhas cruces, unhas frechas…, a xeito de poesía visual, que na literatura catalana tivo ilustres cultivadores como o vangardista Joan Brossa (1919-1998).
A primeira parte céntrase nos momentos previos á traxedia, con topónimos ben coñecidos na navegación como o Golfo de Biscaia ou Fisterra, cos versos a revelaren o impacto das ondas de sete e oito metros, o escoramento do barco, o pánico, as chamadas de socorro (Mayday. Mayday) que non son escoitadas polas autoridades marítimas e daquela “o petroleiro converteuse nunha caixa baleira de lembranzas” (“el petrolier s’ha convertit en una caixa buida de records“), unha embarcación da que se nos ofrecen todos os seus datos técnicos, o ano de construción, o armador, a bandeira de conveniencia, a carga, a data e o porto de saída, o destino sen confirmar do mercado negro ou o nome do seu capitán, Apostoulos Mangouras, a día de hoxe a única persoa condenada polos tribunais de xustiza. E a voz poética procura outros culpables nos nomes de destacados dirixentes do goberno de España e na súa incompetencia total, para rematar con preguntas retóricas a Hamlet, a Horacio ou a Ofelia.
A segunda parte lembra a errática viaxe e o afundimento do petroleiro fronte ás costas de Muxía, a que se denominou zona cero da traxedia, e como chegou a marea da solidariedade e o primeiro voluntario: “Oriol Roselló foi fotografado / co seu corpo enteiro coberto de fuel, / como se quixera absorver toda a escuridade do mar” (“Oriol Roselló va ser fotografiat / amb tot el seu cos cobert de fuel, / com si volgués absorbir tota la foscor del mar“).
A paisaxe da costa, co bafo do mar que chega ao cabo Vilán, énchese das máscaras das persoas voluntarias que traballan arreo en minguar os efectos do desastre, e novamente a denuncia cos versos a lembraren as duras condicións de traballo ou como recibe ameazas de morte Josep Figueras, coordinador de voluntariado, mentres milleiros de corros electrónicos corren pola rede.
Na terceira parte o poema devén escena teatral no diálogo surrealista das diferentes autoridades que non souberon que facer co petroleiro mentres “o mariñeiro Xoán ollou o medo” (“el mariner Xoán ha vist la por“). Os nomes de Rajoy ou Arias Cañete, ministros do goberno Aznar, acompañan a carencia de respostas ás demandas da poboación costeira, e “ai, Muxía, a ti chegha esta flor negra” (“ai, Muxía, a tu t’arriba aquesta flor negra“) e axiña o fluel xa chega até as costas portuguesas.
A cuarta parte principia na data na que “o petroleiro baixa até o fondo da noite” (“el petrolier baixa fins al fons de la nit“) e son infectadas as gándaras e os espazos naturais mentres o ministro Rajoy fala da solidificación e non menciona a expresión marea negra. Ducias de topónimos da nosa costa exemplifican o tamaño do desastre e o discurso poético relata como os mariñeiros saen ao mar coas súas propias mans e chega tamén a inesquecible manifestación de Nunca Máis, aquela dos paraugas negros a rebordar as rúas de Compostela.
A marea negra esténdese até Portugal e por todo o cantábrico, mentres “os voluntarios, con fato branco, / semellan supervivintes dun desastre atómico, / semellan antigos profetas, a facer o camiño de Santiago” (“els voluntaris, amb granota blanca, / semblen supervivents d’un desastre atòmic, / semblen els antics profetes, fent el camí de Santiago“). E entre as lembranzas, Man, o anacoreta de Camelle, a morrer de tristura.
E na quinta e última parte a esixencia da depuración de responsabilidades políticas, unha demanda da cidadanía que aínda a día de hoxe está sen satisfacer, ao tempo que “a vila de Muxía é un plató de televisión / os xornalistas buscan os tópicos de sempre, / o sensacionalismo das perruquerías” (“el poble de Muxía és un plató de televisió / els periodistes busquen els tòpics de sempre, / el sensacionalisme de les perruqueries“), e a esperanza que chega da(s) man(s) da mobilización popular contra as grandes corporacións da industria enerxética e do capital que patrocinan a traxedia do mar e a quen se responsabiliza da predación das materias primas e da destrución ambiental. Velaquí a utilidade tamén da Poesía.
En definitiva, Mar da Morte é un cántico ecolóxico e en defensa do noso medio ambiente, coa mesma intensidade que na nosa poesía representan poñamos por caso os poemas de Himno verde (1992) de Bernardino Graña ou as antoloxías que se publicaron despois da catástrofe do Prestige: Alma de beiramar (Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega), Negra sombra. Intervención poética contra a marea negra (cooeditado por Espiral Maior / Xerais) e Sempre Mar (Colectivo de artistas Burla Negra), aos que se xuntarían varias obras narrativas e de literatura infantoxuvenil que tiveron como eixo o chapapote.
Miro Villar

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Historia, Poesía, Política, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.