Artigo en QPC (XXIV): Paco Souto, in memoriam


Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para facer unha (re)lembranza do poeta Paco Souto. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
Paco Souto, in memoriam
Demudado aínda o rostro e case sen palabras aínda que testemuñen a dor pola morte do amigo xeneroso e camarada da palabra Paco Souto, o Poeta, percebeiro e incansable activista cultural, que amou inmenso o mar, ese mesmo atlántico que lle reclamou como tributo a súa vida o 30 de marzo de 2017. Na súa memoria recupero unha anotación desta bitácora, publicada o pasado 14 de setembro de 2016, onde o propio Paco fala con paixón dos seus dous oficios, poeta e percebeiro.
Sirva esta gravación audiovisual para testemuñar que Nós nunca esqueceremos nin a túa afouteza nin a túa amizade.
Velaquí a devandita anotación:
O poeta Paco Souto a ensinar o seu oficio de percebeiro e a Costa da Morte nun fermoso documentario da televisión austríaca
O último día de agosto de 2016 apareceunos na caixa do correo electrónico unha mensaxe do amigo poeta Paco Souto, no asunto indicaba «documental de Peter» e acompañando a ligazón a un video na canle de youtube unhas breves palabras: «Este é o docu que fixemos en Agosto pasado. De momento só en alemán. Sintoo. Apertas».
En efecto, trátase dun documentario elaborado e emitido pola canle 2 da televisión pública austríaca (Produktion des ORF), baixo o encabezamento «Universum Wildes Spanien» (Universo da España Salvaxe, coido que se pode traducir así), que foi publicado o 18 de agosto na canle de youtube do documentalista Nino Wurm.
Na hora e media de duración deste excelente documentario, que ten unha fotografía fascinante, son moitas as imaxes de Galiza que se proxectan e nelas non podía estar ausente a Costa da Morte. No caso de non terdes paciencia ou tempo dabondo para visionardes todo o documentario, permítome aconsellarvos que o fagades entre o minuto 6:30 e o 14:30, de maneira especial a partir do minuto 11:00 no que aparecen unhas espectaculares imaxes de Paco Souto no seu oficio de percebeiro e explicando o seu labor á cámara, aínda que a tradución ao alemán superposta non nos permite escoitar a súa propia voz.
Tamén a partir do minuto 26:30, sempre aproximadamente, fálase do camiño de Santiago de Compostela na súa prolongación até Fisterra e novamente sairán as imaxes e a voz de Paco Souto, desta volta facendo un «lanse» de cana desde a costa.
Malia algúns tópicos que coido adiviñar no relato, o certo é que o documentario é excelente, aínda que só for pola beleza das imaxes, así que o recomendo vivamente.
Para complementar todo isto recupero un fragmento doutra anotación anterior do 1 de novembro de 2011.
Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e impresionante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado «Furtivos», máis coñecido polo seu primeiro verso «A percebeira é unha illa», que se pode escoitar na súa propia voz (nesa dición sempre magnífica da que tanto aprendemos) na canle youtube e que eu coñecín através do dixital Quepasanacosta. Con outra xente, Paco Souto está detrás tamén da bitácora cultural percebedemalpica (hoxe en día inaccesible) e da canle do mesmo nome en youtube. Nestas dúas páxinas tedes gravacións que nos achegan olladas para dignificaren o traballo dos percebeiros.
Velaquí a letra do poema de Paco Souto, pertencente ao seu libro Fado (1998), editado por Letras de Cal e que no portal poesiagalega.org podedes ler completo.
Furtivos
xunta Mesura
A percebeira é unha illa
A illa ten nome de peixe esquivo
E os homes van
A lanchiña que os leva é de pau de laranxo
a lúa é unha laranxa apodrecida
a lúa debuxa cadaleitos nas furnas
de entre os mortos nascen percebes
Os ollos vagos non ven
son as mans acoiteladas as que cachean os tetos
a rapa áxil
E logo a lonxa
E a viaxe à Coruña ou Madrid
E o prato na mesa
E o sal na boca
Ese sabor a sal na boca
como se a morte viñese cada nove ondas
Paco Souto
(Fado. Compostela: Letras de Cal, abril de 1998)

Esta entrada foi publicada en Biografía, Documental, Fotografía, Gravacións, Memoria Literaria, Obituarios, Poesía, Roteiros, Televisión. Garda a ligazón permanente.