Onte, 23 de outubro, é unha data para conmemorarmos o natalicio e o pasamento do poeta muxián Xervasio Paz Lestón. Na súa memoria veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, co título «Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
Emigración e antifranquismo na poesía de Xervasio Paz Lestón (23 de outubro de 1898 – 1977)
Xervasio Paz Lestón naceu en Serantes, aldea da parroquia de San Xulián de Moraime no concello de Muxía (A Coruña), o 23 de outubro de 1898, e faleceu en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.
A súa obra poética caracterízase, de primeiras, polo seu autobiografismo, xa que en moitos dos textos o eu poético é un trasunto do propio autor que expresa as súas vivencias persoais. Porén, non imos facer referencia a estas pegadas autobiográficas, senón ás dúas liñas temáticas fundamentais: o antifranquismo e a nostalxia da Terra. Así pois, unha poética da saudade e unha poética do compromiso moi próxima á poesía civil de autores como Lorenzo Varela, Luís Seoane ou Alfonso Gayoso Frías. Non se trata dunha afirmación gratuíta, pois existen testemuños claros de que a poesía dos dous últimos estaba entre as lecturas de preferencia de Paz Lestón. De feito, no poema «Agasallo», que é un poema lido na presentación do libro Os fidalgos de Rante de Gayoso Frías, hai unha referencia explícita a Seoane.
Desde os seus primeiros textos Paz Lestón é un poeta civil, de denuncia social, comprometido coa causa dos desfavorecidos. Textos datados en 1924, 1925 ou 1926 denuncian a situación da sociedade española durante a monarquía de Alfonso XIII ou a ditadura do xeneral Primo de Rivera, que é cualificado como Xeneral Morralla, Xeneral Metralla, Azor ou “chulo” xeneral Miguel Primeiro. Para o primeiro caso velaí o poema «D’a España Doente…» e para o segundo os poemas «¡Calade…», «A Unamuno», no que se fai mención do confinamento do intelectual español, «¡Terror Galiñeiro!» ou «España é un Galiñeiro». Todos eles apareceron no Correo de Galicia, periódico dirixido por José R. Lence, que tiña como secretario de redacción a Ramón Suárez Picallo. Aparecía os domingos e era lido con interese pola ampla información que traía da Terra e das actividades societarias na emigración. Lence era un home pouco estimado na colectividade progresista pola liña do seu xornal que sempre abalaba para onde máis lle conviñera. Daquela aínda tiña certo espírito galeguista, xa que promovera, en 1917, conxuntamente co Heraldo de Galicia, a asociación regionalista “A Terra” para defender un “san e ben entendido rexionalismo”. Porén, nunca abdicou das súas ideas monárquicas, aínda que desaprobase a conduta de Alfonso XIII con ocasión da Ditadura primorriverista.
Por outra parte, no verán de 1922, Blanco-Amor, nomeado director da sección literaria do xornal, promete levar a estas páxinas a escritores galegos, comenzando polos ourensáns Losada Diéguez, Risco, Euxenio Montes ou Xavier Bóveda, ademais de asinar unha serie de artigos sobre poetas nosos como Noriega, Pondal e Curros. As respectivas actitudes de Lence e de Blanco-Amor serven para explicar o sentido das colaboracións poéticas de Paz Lestón.
Ademais, hai que lembrar que o poeta non fala de oídas pois regresou a Galiza, para visitar os seus pais, entre xullo de 1925 e marzo de 1926, polo que tivo información de primeira man para completar aquelaoutra que se recibía na emigración a través de xornais ou testemuños orais ou escritos. Alén diso, existe unha evidente diferenciación no tocante ao tema patriótico pois temos que distinguir cando fala de Galiza ou de España. Así, nos seus primeiros textos a patria do poeta é España e a penas se menciona a Galiza, mais nos poemas da posterior etapa antifranquista a énfase patriótica está en Galiza, que sempre se enfronta a unha Castela que a marxina ou que a asoballa. Aquí reflítese claramente a deriva de Paz Lestón cara á asunción dos postulados do nacionalismo galego. Non pode ser alleo a isto a proximidade de persoeiros como Castelao, Alonso Ríos, Núñez Búa ou Suárez Picallo.
A saudade da Terra penetra en todos os textos que falan da emigración. Malia non ser un exiliado, a visión da emigración que posúe Paz Lestón é moi semellante á dos desterrados por razóns políticas. Na súa poesía non se percibe nunca unha imaxe idílica do éxodo, pola contra sempre se denuncian as súas causas. Isto ocorre xa nos primeiros textos, velaí a magnífica narración da epopea en «Os Novos Conqueridores», que relata a partida, a viaxe e a derrota da maioría. Esta derrota en referencia individual aparece nos poemas «Andrés do Fontán» e «Andrés», que talvez fagan referencia a unha mesma persoa, ben coñecida polo poeta, e como amarga experiencia autobiográfica en «Alonxamento». Outro testemuño dramático é o que aparece en «O Adiós dos Parias» que reitera máis unha vez as causas, a afouteza coa que se emprende a viaxe e finalmente a constatación de que por cada un que vence, cen perderon a partida. Describe a quen se viron na obriga de abandonaren todo por iren na procura de algo que sempre é incerto. A condena da emigración aínda está presente nun poema publicado en 1960, «Barcos» na que o eu poético se sitúa no cume do monte Cachelmo, nas terras de Muxía, vendo como pasan os barcos que se supoñen cargados de emigrantes. Outra cara da mesma moeda é a dos que sofren na espera, que aparece tamén en poemas como «As Naiciñas» ou en «Noiva de Emigrado» onde as que teñen os corazóns abafados son as mozas dos que emigran. Neste poema, que data de 1935, fálase do monstro da emigración / que hoxe a Galicia devora…
A única imaxe en positivo da emigración relaciónase coa actividade das sociedades de emigración, nomeadamente das dúas entidades, a «Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía» e a «Asociación Benéfico Cultural del Partido Judicial de Corcubión», máis coñecida como a ABC de Corcubión, nas que Xervasio Paz Lestón tivo responsabilidade. Son moitos os poemas de circunstancias, case sempre asinados con pseudónimos, que falan deste tipo de celebracións, por exemplo «Que festa a da Barca» –que relata a participación nunha festa anual da ABC de Corcubión de persoas como Maruxa Boga, o actor Tacholas, os Moreiras e outros moitos xoldreiros–. Chama a atención que en moitos destes versos exista unha reivindicación da muiñeira de roda, un baile que o poeta considera representativo da súa terra e que levaba camiño de desaparecer como tradición de nós. Outra constante é a referencia ás regueifas ou a regueifeiros concretos como Celestino Sar, chamado o Seixas de Aboi, Pepe Grande de Quintáns ou Benedito de Lourido. Tamén protagonizan o poema «Regueifantes a chorar», unha homenaxe ao primeiro dos antes citados no momento da súa morte, de quen se fai un perfecto retrato. Tamén entran nesta serie os poemas conmemorativos como «¡Un Ano!», no que lembra o primeiro ano da Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía ou «Vintecinco anos» e «Nas Bodas de Ouro da A.B.C. de Corcubión», referidos a esta sociedade. Nos primeiros hai versos que resumen perfectamente o papel que debían cumprir estas sociedades da emigración. Ou tamén «Amoroso Fogar» e «Pequeno Piñeiro» nos que fala do Fogar Galego, pois o Hogar Gallego para Ancianos era unha vella reivindicación da emigración como centro de acollida para vellos e enfermos.
Tamén cómpre salientar os poemas escritos nos cabodanos de Pardo de Cela, Castelao, Antón Vilar Ponte, Lamas Carvajal ou Gonzalo López Abente. Moitos deles teñen o carácter de semblanzas, aínda que non sempre foron feitos despois da morte dos homenaxeados, pois o propio Abente é glosado con anterioridade e nesta liña tamén está a «Semblanza» que escribe para o seu amigo, o poeta Xesús Calviño de Castro. Neste aspecto, é curioso observar que na poesía de Paz Lestón comparten protagonismo os grandes persoeiros nomeados con persoas do común, como os regueifeiros ou de moi pouca consideración social, como se o poeta tamén tivese intención de nivelar a sociedade a través dos seus versos. Personaxes descoñecidos como «Xan Castrelos» ou «A Probe Velliña» que vai petando nas portas das casonas de labregos e de ricos, xúntanse cos anónimos labregos que en colectivo serven de inspiración lírica.
Finalmente, merecen unha destacada mención os textos que, dalgunha maneira, se converten en metapoéticos ou en precisas Autopoéticas. Son abondosas as reflexións que Paz Lestón fai na súa obra sobre o acto poético, ata o punto de ser un dos temas principais, pois nos vieiros de ensoño que lle ofrece o carrusel da poesía vai atopar a felicidade, como confesa no poema que así se titula «A felicidade». Porén, achégase á palabra poética con humildade como refliten as primeiras estrofas de «Miña Comarca». Como testemuño do lugar que toda a poesía ocupa e tamén da recepción que tiña na emigración a nosa tradición lírica do Rexurdimento, temos «Lembranza», onde son invocados a rula Rosalía, Curros e Pondal ou «Meus Versos» no que sitúa os devanditos poetas e tamén a Añón como exemplo de estros lostregantes. Esta invocación e esta veneración convértense en durísima carraxe nos expresivos “¡Batede Mais, Poetas!”, publicado nos anos vinte, e “Compride a Misión, Poetas”, publicado en 1934, que se inicia cunha cita de Evaristo Martelo Paumán tirada de A misión dos bardos. A reacción vén provocada no primeiro caso porque se aproxima a hora das reivindicacións e no segundo pola actitude dos nosos bardos nesa altura, xa que considera que andan á moda ao escribiren versos de amores finxidos e cantaren romances de cegos ou madrigais chorosos, esquecendo os seus deberes. Nese senso apela a recuperar o exemplo de Curros Enríquez e a botar man da poesía directa, refugando os versos pulidos, os conceptos alambicados para salóns e os pesares non sentidos. Cualifica como remilgados a estes poetas e fala da necesidade de que se poñan os versos ao servizo dos oprimidos, dos pobos escravos e que combatan a reacción.
Cfr. Villar, Miro. A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e Estudio. Sada: Edicións do Castro, 1998.
crebas twitter
-
Artigos recentes
- «Os artigos literarios de Baldomero Cores Trasmonte no diario vespertino La Noche», en Grial 243
- Lectura no Pico Sacro do poema “Apuntamentos para unha «Alba de Groria»” no Roteiro polos espazos vitais e literarios de Castelao na Estrada
- Entender para vivir, un libro e un recital para lembrar a escritora coruñesa Luísa Villalta
- «Viaxe ao Norte de Alemaña e cidades da Hansa». As crónicas do xornalista e viaxeiro Xosé Ameixeiras
- «Reivindicación dun legado poético da Costa da Morte», artigo en Grial 242
Categorías
- Antoloxías
- Arte
- Autografías
- Banda deseñada
- Biografía
- Cinema
- Congresos
- Contos
- Documental
- Efemérides
- Encontros
- Ensaio
- Entrevistas
- Epistolarios
- Estudos literarios
- Exposicións
- Fotografía
- Gravacións
- Historia
- Humor
- Infantil
- Lendas e mitos
- Lingua
- Literatura medieval
- Manifestos
- Manuscritos
- Memoria Literaria
- Música
- Narrativa
- Obituarios
- Poesía
- Política
- Premios
- Presentacións
- Radio
- Recensións
- Roteiros
- Sen categorizar
- Teatro
- Televisión
- Tradicións
- Versións ou traducións
- Xornadas
- Xornalismo
Comentarios recentes
- Moita saúde, moita poesía e moita felicidade no 2024 | crebas.gal en Que a Terra che sexa leve, Pólvera
- “De rosa antiga” | Tirar do fío en Recensión a De rosa antiga. 50 anos de Poesía (1972–2022), de Helena Villar Janeiro, en Grial 237
- Recensión da antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, compilada por Alexandre Nerium, en Grial 232 | crebas.gal en Artigo en QPC (XCIII): A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- Florencio Delgado en 12 ligazóns e 2 vídeos | A profa en Unha lectura de Galicia infinda, de Florencio Delgado Gurriarán
- «A Pontragha», un poema para o libro Chegadas, Saídas. O antigo camiño de ferro Santiago de Compostela – A Coruña, de Manuel Pazos Gómez | crebas.gal en «A Pontragha», un poema inédito na GaZeta (Revista de Agrupacións Poéticas de Base)
Histórico
- Novembro 2024 (1)
- Outubro 2024 (1)
- Setembro 2024 (1)
- Agosto 2024 (1)
- Xullo 2024 (3)
- Xuño 2024 (1)
- Maio 2024 (3)
- Marzo 2024 (1)
- Febreiro 2024 (1)
- Xaneiro 2024 (1)
- Decembro 2023 (2)
- Novembro 2023 (1)
- Outubro 2023 (3)
- Setembro 2023 (1)
- Agosto 2023 (3)
- Xullo 2023 (3)
- Xuño 2023 (1)
- Maio 2023 (1)
- Abril 2023 (1)
- Marzo 2023 (3)
- Xaneiro 2023 (2)
- Decembro 2022 (2)
- Novembro 2022 (1)
- Outubro 2022 (3)
- Setembro 2022 (2)
- Agosto 2022 (1)
- Xullo 2022 (4)
- Xuño 2022 (2)
- Maio 2022 (10)
- Abril 2022 (2)
- Marzo 2022 (1)
- Febreiro 2022 (4)
- Xaneiro 2022 (6)
- Decembro 2021 (2)
- Outubro 2021 (1)
- Setembro 2021 (3)
- Agosto 2021 (1)
- Xullo 2021 (4)
- Maio 2021 (2)
- Abril 2021 (1)
- Marzo 2021 (1)
- Febreiro 2021 (3)
- Xaneiro 2021 (6)
- Decembro 2020 (9)
- Novembro 2020 (8)
- Outubro 2020 (2)
- Setembro 2020 (3)
- Agosto 2020 (2)
- Xullo 2020 (3)
- Xuño 2020 (1)
- Maio 2020 (6)
- Abril 2020 (6)
- Marzo 2020 (5)
- Febreiro 2020 (1)
- Xaneiro 2020 (5)
- Decembro 2019 (3)
- Novembro 2019 (2)
- Outubro 2019 (6)
- Setembro 2019 (5)
- Agosto 2019 (3)
- Xullo 2019 (4)
- Xuño 2019 (2)
- Maio 2019 (6)
- Abril 2019 (5)
- Marzo 2019 (4)
- Febreiro 2019 (2)
- Xaneiro 2019 (6)
- Decembro 2018 (3)
- Novembro 2018 (3)
- Outubro 2018 (6)
- Setembro 2018 (6)
- Agosto 2018 (6)
- Xullo 2018 (8)
- Xuño 2018 (10)
- Maio 2018 (9)
- Abril 2018 (2)
- Marzo 2018 (11)
- Febreiro 2018 (5)
- Xaneiro 2018 (8)
- Decembro 2017 (4)
- Novembro 2017 (2)
- Outubro 2017 (7)
- Setembro 2017 (7)
- Agosto 2017 (13)
- Xullo 2017 (7)
- Xuño 2017 (6)
- Maio 2017 (6)
- Abril 2017 (6)
- Marzo 2017 (8)
- Febreiro 2017 (11)
- Xaneiro 2017 (5)
- Decembro 2016 (8)
- Novembro 2016 (7)
- Outubro 2016 (10)
- Setembro 2016 (12)
- Agosto 2016 (13)
- Xullo 2016 (7)
- Xuño 2016 (12)
- Maio 2016 (18)
- Abril 2016 (18)
- Marzo 2016 (9)
- Febreiro 2016 (15)
- Xaneiro 2016 (16)
- Decembro 2015 (11)
- Novembro 2015 (21)
- Outubro 2015 (7)
- Setembro 2015 (7)
- Agosto 2015 (2)
- Xullo 2015 (13)
- Xuño 2015 (5)
- Maio 2015 (13)
- Abril 2015 (17)
- Marzo 2015 (17)
- Febreiro 2015 (17)
- Xaneiro 2015 (8)
- Decembro 2014 (16)
- Novembro 2014 (4)
- Agosto 2014 (4)
- Xullo 2014 (3)
- Xuño 2014 (2)
- Maio 2014 (4)
- Abril 2014 (8)
- Marzo 2014 (8)
- Febreiro 2014 (20)
- Xaneiro 2014 (9)
- Decembro 2013 (18)
- Novembro 2013 (7)
- Outubro 2013 (15)
- Setembro 2013 (29)
- Agosto 2013 (13)
- Xullo 2013 (20)
- Xuño 2013 (9)
- Maio 2013 (19)
- Abril 2013 (25)
- Marzo 2013 (20)
- Febreiro 2013 (23)
- Xaneiro 2013 (22)
- Decembro 2012 (20)
- Novembro 2012 (12)
- Outubro 2012 (12)
- Setembro 2012 (16)
- Agosto 2012 (25)
- Xullo 2012 (26)
- Xuño 2012 (19)
- Maio 2012 (41)
- Abril 2012 (35)
- Marzo 2012 (38)
- Febreiro 2012 (34)
- Xaneiro 2012 (40)
- Decembro 2011 (39)
- Novembro 2011 (47)
- Outubro 2011 (43)
- Setembro 2011 (43)
- Agosto 2011 (34)
- Xullo 2011 (31)
- Xuño 2011 (3)
Meta