Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para anunciar unha nova obra: «No prelo a edición de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.
No prelo a edición de Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García
A exhumación da obra dos escritores da Costa da Morte, quer aínda inédita, quer édita e inaccesible por diversas razóns, debe ser sempre unha boa nova para a cultura da nosa comarca. Desta volta as persoas lectoras do dixital Que pasa na Costa hanme permitir certa dose de «autobombo» para publicitar que a vindeira semana entra no prelo das Edicións Fervenza, pequena editora de amplo catálogo que dirixe Manuel Núñez en Silleda, a obra Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García.
Sen ningunha axuda institucional de entidades laxesas ou galegas, pois malia seren solicitadas até hoxe non amosaron sensibilidade cara ao proxecto, este pequeno selo editorial vai arriscarse a publicar unha obra de 352 páxinas, que como subliña o título é unha compilación dos textos poéticos do escritor de Laxe que teñen relación co mar e en particular coa Costa da Morte ou «costa brava», topónimo este último que adoitaban reivindicar nesa altura fronte ao primeiro que veu de fóra coma unha creación do xornalismo sensacionalista por mor da traxedia dos naufraxios e das súas lendas.
Unha parte dos textos xa foi agrupada polo propio Antón Zapata García (Laxe, 1886 – Bos Aires, 1953) baixo o epígrafe «Dorna saudal» no seu único libro de poemas A roseira da soidade (1954, póstumo) e o resto destes versos publicouse en revistas e xornais da época nos moitos anos da súa diáspora bonaerense.
O estudo introdutorio ábrese cunha breve anotación biográfica e unha análise do contido dos seus poemas descritivos do mar e da vida mariñeira, para rematar coa análise e un glosario do seu léxico mariñeiro, tendo en conta a clasificación que fai Alvar no Léxico de los mariñeros peninsulares [1985: 43-60], no que non se definen as palabras de uso máis común mais si todas as demais e no que se ofrecen a maioría dos contextos de uso. Aos doce apartados sinalados por Alvar engadíronselle outros dous a maiores: o primeiro intitulado Fraseoloxía mariñeira e o segundo Onomástica mariñeira.
E a obra complétase coa antoloxía dos poemas, en edición anotada. Deseguida reproducimos, como botón de mostra, dous sonetos que se antologan na obra:
A COSTA DA MORTE
ANTIGAMENTE os celtas, de prodixioso nume,
chamáron-a, en brigántigo, «País dos Silenzosos»,
pois vêndo ao sol poñerse, coidaban que o seu lume
ía quentar âs ánimas dos antenados nosos.
Os bardos e os druídas, até ao facho Néreo,
ían pelegriñando ao vîr a lúa chea;
e xunto ao rexo dolmen, unxidos de mistéreo,
ceibaban os seus pregos â Hora da Estadea.
No fondo d-eses tempos, inda hoxe, ao mariñante
—se a costa medoñenta do Nerio olla por diante—,
rexúrdelle o relembro dos nosos antenados:
¡seméllan-lle seus faros, n-as nuites tenebrales,
phantásticos ciriales
que aluman a marfoxa dos probes afogados!…
A VILA DE LAXE
AO pê da «Arca grande», e sobre a pedra dura,
a filla ben querida dos ártabros, laxesa,
espéllase n-as ondas tranquías, coor turquesa,
pieitando os seus cabelos de ourífica finura.
De pesca e mariñeira tên a lanzal feitura,
e, de outo señorío, tamén prestanza acesa:
pol-o abolengo, pode ser céltica princesa,
pois, n-ela, de Altamira, o embrema ainda figura.
No vran, as súas praias son leitos de puntillas
enonde a siesta dormen as peixadoras quillas
sin relembrar nortadas, trebóns e furacáns;
e cando na invernía o mar morde os cantiles,
e afonda lanchas e homes, e tira côs petriles…
¡a branca vila enlóitase pol-ós mortos laxeiráns!…