Artigo en QPC (XLIV): «A dez anos da Homenaxe a Cipriano Fernández, alcalde republicano de Fisterra que foi represaliado en 1936»


(FOTO 1. Cipriano Fernández Brage)

A mudanza desta bitácora ao dominio crebas.gal non me permitiu compilar até hoxe esta colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar un acto de memoria histórica que se celebrou hai unha década e que leva por epígrafe «A dez anos da Homenaxe a Cipriano Fernández, alcalde republicano de Fisterra que foi represaliado en 1936». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

A dez anos da Homenaxe a Cipriano Fernández, alcalde republicano de Fisterra que foi represaliado en 1936

Nestes días cúmprese unha década da celebración dos actos organizados en Fisterra pola extinta «Comisión de Homenaxe a Cipriano Fernández Brage», quen fora alcalde por Izquierda Republicana e asasinado un 5 de novembro de 1936. No proxecto universitario Nomes e Voces lembran o seu oficio de radiotelegrafista e sinalan: «Detido por falanxistas en Fisterra aparecendo morto no pozo da ponte da Castellana-Vilarraso-Aranga. Inicialmente inscrito como descoñecido e posteriormente identificado». Tamén a Área de Cultura da Deputación da Coruña recoñece o seu labor na galería de persoas represalidas «Xeración Perdida».

O finado e chorado historiador e amigo ourensán Marcos Valcárcel (1958-2010), Medalla Castelao 2009 ou Premio Otero Pedrayo 2009, que adoitaba gozar unha parte do verán coa súa familia n’O Sardiñeiro, mantiña naquela altura un blogue denominado As uvas na solaina (que por sorte aínda se pode consultar na rede), no que recollía testemuños da súa constante e sobranceira actividade cultural, así como tamén as súas colaboracións xornalísticas.

Foi precisamente Marcos Valcárcel quen proferiu a conferencia inaugural das xornadas e de resultas dese acto na Homenaxe ao alcalde republicano Cipriano Fernández, escribiu un artigo na súa columna «Andoliña» na derradeira páxina do xornal Galicia Hoxe, cando aínda existía en papel. Publicouse o martes, 3 de abril do 2007, e ao día seguinte tamén apareceu en La Región de Ourense, alén de que o Marcos tamén nos enviou aos seus amigos “fisterráns”, coma nos chamaba, o texto que se reproduce ao final.

Porén, non deixa de sorprendernos que dez anos despois non se teña feito moito máis, de quitado das crónicas sempre inprescindibles de Luís Lamela García, para divulgar o legado de quen era o lexítimo e democrático alcalde fisterrán en 1936, antes de que a sublevación fascista derramase a súa vida, coma moitas outras nos anos do terror, tamén na Costa da Morte.

ANDOLIÑA martes 3 abril

MEMORIA HISTÓRICA EN FISTERRA

Marcos Valcárcel

Estiven esta fin de semana en Fisterra participando nunhas xornadas dedicadas a Cipriano Fernández, alcalde da vila fisterrá durante case toda a Segunda República e militante de Izquierda Republicana, que ten o dubidoso honor de ser o único alcalde da Costa da Morte “paseado” naquela hora. Quizais non só por motivos políticos, senón tamén por vinganza persoal: de todo houbo naquel estoupido da barbarie. Falei alí do xigantesco esplendor cultural da Galicia de 1900 a 1936 en todos os campos: da literatura ás artes plásticas, da música ó teatro, do cine ó pensamento, da loita pola lingua ó labor cotián na emigración, arela consciente de construír un país.

Este encontro coa historia é útil, necesario e inevitable. En Fisterra estaban Luís Lamela, o mellor coñecedor da represión naquela comarca, e os amigos poetas Miro Villar, Alexandre Nerium e Modesto Fraga, que foi quen me convidou. Por alí andaban tamén concelleiros do PP e do BNG. Pero sorprendeu a ausencia dos edís socialistas: corría o ruxe-ruxe dunha consigna do PSOE local para boicotear o acto. Por un motivo, por certo, ben pueril: a presenza na inauguración do alcalde do PP, que goberna o concello que patrocina o propio encontro.

(FOTO 2. Retrato do historiador Marcos Valcárcel, da autoría de Antón Pulido para a capa do volume colectivo O valor da xenerosidade. Homenaxe dos amigos. Difusora de Letras, Artes e Ideas. Ourense: 2009)

(FOTO 3. O finado historiador Marcos Valcárcel, José Manuel Traba, na altura alcalde fisterrán, e o poeta Modesto Fraga. Foto de Xesús Búa, LVG, tirada da bitácora As uvas na solaina)

Esta entrada foi publicada en Encontros, Historia, Memoria Literaria. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta