Artigo en QPC (XIV): No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee


Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar a primeira das follas poéticas que editou o colectivo de poesía «Un Medio» de Cee en 1986, hai pois trinta anos daquela aventura literaria. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
No trinta aniversario do colectivo de poesía «Un Medio» de Cee
Foi por volta do verán do ano 1986 cando un grupo de sete mozos «letraferidos» (ou amantes da literatura), todos da vila de Cee, e por iniciativa de Xosé Cañizo, daquela concelleiro de Cultura, en representación dos nacionalistas, e mestre do colexio público, demos en constituír o colectivo de poesía «Un Medio» e publicamos nos anos seguintes dous cartapacios en papel satinado que foron deseñados e ilustrados polo hoxe afamado arquitecto Xoán Creus Andrade. Cada un deles levaba textos poéticos da autoría de tres dos irmáns Creus Andrade, Humberto, o propio Xoán e un novísimo Estevo; de Xosé María Costa Lago; de Artur Trillo Sendón; de Rafa Villar e de min mesmo. E malia o seu financiamento económico ser a conta da concellaría de Cultura, que distribuíu de balde as publicacións, o seu patrocinio non ía acompañado do logo, como adoito sucede coas diferentes administracións, sempre desexosas de figurar. Xosé Cañizo, a quen moito lle agradecemos o seu apoio a aqueles mozos destemidos, limitouse a realizar unha breve presentación no lanzamento público.
Nesta anotación lembraremos o primeiro daqueles encartables (as imaxes non lle fan xustiza e non permiten ollar a frescura do formato orixinal). Naquel primeiro número as composicións ían asinadas co nome co que eramos coñecidos na vila e incluíu tres poemas en castelán: «su sombra la sombra de ella (la de siempre)», de Humberto, «labios», de Costa e «viendo mujeres», de X. Creus A.; e catro poemas en galego, dous na normativa do ILG: «subirás á túa árbore», de Arturo e «incógnita», de Estevo, e dous na normativa da AS-PG, ou de mínimos: «habia humidade nas furnas dos meus ollos», de Miro e «busco un armário», de Rafa. Todos os sete poemas estaban caligrafados polo propio Xoán Creus Andrade. Son poemas de primeira hora e talvez algún de nós xa non se recoñeza naqueles versos tan afastados no tempo da mocidade.
Daquela aínda ningún de nós publicara un libro e mesmo aínda estaba lonxe de ser así. Algúns aínda non o fixeron, malia escribir moi ben. Xoán Creus publica libros de arquitectura e moitos proxectos do seu estudio Creus & Carrasco (coa súa muller a arquitecta Covadonga Carrasco) merecen premios, Xosé María Costa escribe artigos e guías sobre micoloxía e Humberto se cadra é o que máis se afastou do mundo literario. No entanto, Artur Trillo centrouse na dramaturxia con Talía Teatro e publicou pezas teatrais e os tres restantes, Estevo Creus, Rafa Villar e mais eu navegamos por territorios literarios e levamos publicados varios títulos poéticos e tamén doutros xéneros.
A experiencia do colectivo poético «Un Medio» finou ao espallármonos en diferentes ocupacións estudantís e laborais. E uns anos despois, en sintonía co colectivo soneirán Arre Sentelha!, había cristalizar o Batallón Literario da Costa da Morte, que no seu mellor momento chegaría a xuntar a máis de trinta escritores e escritoras da zona.
un-medio01un-medio02
un-medio03un-medio04

Esta entrada foi publicada en Autografías, Efemérides, Historia, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.