Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para relembrar a publicación fisterrá O Berrón, agora recuperada para a veciñanza fisterrá. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega
QPC, sempre atento ás novidades culturais, informaba estes días de que o Departamento de Cultura do Concello de Fisterra vén de dispoñibilizar para a veciñanza no fondo local unha colección da revista O Berrón, que se editou entre os anos 1987 e 1991.
Cara ao remate da década dos noventa traballei como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, onde tiven a honra de ser un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000).
No primeiro volume o artigo sobre O Berrón é da miña autoría, aínda que por decisión editorial as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Naquela altura puiden consultar a colección completa grazas á xenerosidade do escritor fisterrán Roberto Traba Velay e tamén, para os últimos números, do activista cultural noiés Severiano Pérez Suárez que daquela rexentaba a desaparecida libraría Nerios en Corcubión.
Velaquí a miña achega descritiva que se publicou no Dicionario da Literatura Galega:
O BERRÓN
“Boletín informativo e cultural do Centro Cultural e Recreativo de Fisterra” era o subtítulo inicial desta publicación que nace o 28 de outubro de 1987 e desaparece en abril de 1991, no seu noveno número. No terceiro levaba como subtítulo “Periódico mensual do Centro Cultural e Recreativo do Casino de Fisterra”, periodicidade que nunca se cumprirá polo que pasará a chamarse “periódico máis ou menos mensual”, ata que finalmente se converte, desde o sexto número, en “Revista independiente”. Oscilaba entre as vinte e as vinte e oito páxinas, nun principio sen anuncios e despois con publicidade local. Sempre estivo dirixida por Roberto Traba Velay, coa colaboración en dous números especiais de Severiano Pérez Suárez. Trátase dunha publicación, bilingüe, que informa sobre as novas que ocorren na zona de Fisterra. A redacción utiliza o humor e o sarcasmo con frecuencia, tanto nos debuxos coma nos comentarios. Nas súas paxinas adoitan incluír historia local, biografías ou entrevistas a persoeiros da vila, crítica literaria e moitos textos poéticos. Así, reproducen poemas de Celso Emilio Ferreiro ou Curros Enríquez e publican autores da comarca como o propio director, ben co seu nome ou ben como Guillermo do Facho, Manuel Martínez*, Miro Villar e Teresa Arán Trillo, ademais de recoller unha versión en galego do “Poema ecolóxico” do Xefe Seattle. O interese literario da revista complétase con prosas en galego que asinan Benxamín Trillo, Ángel López Canosa e Manolo de Antonia, que escribe sobre “Castelao na Arxentina”.
PS.: *Manuel Martínez non era outro que o poeta fisterrán Francisco Manuel López Martínez, quen moi pouco tempo despois ía usar sempre o nome literario de Alexandre Nerium.
No que atinxe a min propio tan só colaborei en dous números, a petición de Severiano Pérez Suárez, en concreto no nº 3, datado en marzo de 1988, co soneto “Da ausencia” e no nº 4, datado en agosto de 1988, co soneto “Miro-te na xanela nocturna perfilada”, ambos e dous con algunhas variantes lingüísticas (como o feito de que mudei a ortografía de mínimos pola norma oficial) foron incorporados ao meu primeiro libro de poemas, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral Maior, 1992. Finalista do Premio Esquío en 1990), do que veñen de se facer 25 anos da publicación e cuxa capa é da autoría do chorado amigo poeta e artista Paco Souto. A obra facía o número 5 da Colección de Poesía dirixida polo escritor Miguel Anxo Fernán-Vello, con deseño gráfico do finado Carlos Díaz Martínez.