Artigo en QPC (XCVI): «A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán»

Florencio Delgado Gurriarán (no centro) no Ipanema

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para divulgar a escasa presenza da Costa da Morte na obra do poeta Florencio Delgado Gurriarán, autor que lembramos nas Letras Galegas 2022. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán

O poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903 – Fair Oaks, California, 1987), que finou moi poucas semanas despois de facer os 84 anos, tivo unha delongada biografía que lle permitiu ser partícipe e testemuña de diversos acontecementos históricos que decorreron no convulso século XX e todos eles, dunha maneira ou doutra, aparecen reflectidos na súa obra poética. Velaí a súa presenza a carón das Irmandades da Fala ou no fervedoiro cultural e literario da época Nós, mesmo durante os anos máis adversos que cadraron coa ditadura de Primo de Rivera (1923‒1930), época na que publica os seus primeiros versos con presenza significativa en cabeceiras como Heraldo de Galicia ou A Nosa Terra.

Deseguida o seu compromiso galeguista no escaso lustro que durou a Segunda República (1931‒1936). Con inquedanzas mozas será aos trinta anos, en 1933, cando ingrese formalmente no Partido Galeguista, fundado en decembro de 1931, e na prensa da época está documentado que acompañou a Ramón Otero Pedrayo e a Alexandre Bóveda nos seus mitins galeguistas por terras valdeorresas. Gurriarán (1999, 2022), que na súa biografía recolle unha reprodución do seu carné do PG rubricado por Ramón Suárez Picallo en 1938, afirma que a súa sinatura estaría detrás de diferentes artigos de prensa que asinan os galeguistas de Valdeorras.

A vivencia da guerra civil (1936‒1939), que o levou nunha intricada fuxida a Portugal e a Francia para se incorporar ao bando republicano en Cataluña, onde os seus versos máis combatentes estarán ao servizo da súa causa, mesmo despois da derrota e nos primeiros anos da posguerra, que provocaría o embarco de Florencio cara ao exilio mexicano. Primeiro con esperanza, cando aínda se pensaba que o réxime tiña os días contados, despois con desazo pola morte de Castelao, en xaneiro de 1950, que, dalgunha maneira, simboliza a morte do propio exilio galego perante as adversidades que sobrevivirán xa que nese mesmo ano a ONU revoga a condena do embargo internacional e pouco despois, en 1953, Franco asina senllos acordos bilaterais: o Concordato co Vaticano e os pactos cos EEUU, que garanten a presenza de bases americanas en territorio español a cambio de axuda económica. Feitos que alicerzan o período que Celso Emilio Ferreiro e todos nós despois nomeamos como a longa noite de pedra da ditadura de Franco (1939‒1975).

Por parte, varios textos seus van superar o veto da censura franquista, por suposto non aqueles da súa combativa musa civil senón aqueles relacionados coa paisaxe e coa viticultura, e aparecen en diferentes revistas e publicacións periódicas.

Cando Florencio puido regresar a súa Terra o ditador gobernaba con man de ferro. No verán de 1968 con pasaporte mexicano consegue voltar por vez primeira a Galiza, á terra de Valdeorras, desde o seu exilio mexicano, e puido abrazar os familiares e tamén os poucos vellos galeguistas valdeorreses. E finalmente, aínda no exilio, viviu a esperanza que xurdía cos primeiros anos da denominada Transición democrática e coa proclamación do Estatuto de Autonomía de Galicia (1981).

Medio século, concretamente 52 anos, é o longo período que separa as datas de publicación dos seus catro títulos poéticos: Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (Bebedeira, Valdeorresas, Dionisias) (1981) e O soño do guieiro (1986).

Na súa obra son escasas as referencias ao territorio da Costa da Morte e, aínda que non teñamos a certeza, pola súa biografía é pouco probable que coñecese a nosa contorna.

En 1986 o selo Edicións do Castro, de Isaac Díaz Pardo, por iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses, publica o seu derradeiro libro de poemas O soño do guieiro, mais Florencio xa non pode gozar moito da súa recepción xa que fina dunha doenza cardíaca o 14 de maio de 1987 en Fair Oaks, California, cando estaba a visitar as súas fillas.

No devandito libro cita o topónimo Fisterra, mais é usado como metonimia de Galiza. Aparece no texto máis importante do volume e que abre a obra, co mesmo título que o volume «O soño do guieiro». Este poema inspirouno o vinte e cinco aniversario do pasamento de Castelao e publicouse no número extra que nesta data editou a revista Galicia, do Centro Gallego de Bos Aires. Os versos parten dunha paráfrase intertextual do capítulo XXXII do libro Sempre en Galiza, para salientar o incumprimento das arelas do dirixente galeguista. Velaquí a estrofa:

(…)

Toda a TERRA, xardín, horto e cidade
contraponto do urbano e das xeórxicas ,
fogar, celeiro, escola, adega, pazo,
obradoiros, teares… Limpa Industria,
ár ridente de atruxos e cantigas,
sen bruidos, sen fumes, sen fedores…
Prata e nacre, do peixe e do marisco,
recolleitos nos mares de Universo,
leite e mel, de arrecendo a cabrinfollo,
pan e carbe e o sangue dos Ribeiros…
Lediza do traballo que arrequece,
úbeda Dinamarca da Fisterra,
a reter, os seus fillos,
na paz e na fartura.
¡Qué soño mais fermoso, Castelao,
qué soño mais fermoso e máis lonxano
e qué triste e noxenta realidade!

(…)

No mesmo poema, alén dos xogos intertextuais coa obra narrativa de Castelao Os dous de sempre tamén dialoga con coñecidas imaxes do bardo bergantiñán Eduardo Pondal, a través de creacións míticas do noso bardo como Gundar. Escribe na parte final:

(…)

Galiza, acastrapada e alpabarda,

na súa atonía, semella esmorecere,

sen azos pra a seitura da súa herdade,

sen vontade pra ser a lus da Iberia,

que dixera Gundar, o nobre Bardo…

¡Qué lonxe, Castelao, do teu soño!

(…)

A presenza de Eduardo Pondal xa se rastrexa en libros anteriores como na colectánea editada polo Partido Galeguista de México, Cancioneiro da loita galega (1943), da que temos edición facsimilar tamén das Edicións do Castro en 1996, da man do profesor Alonso Montero.

Florencio Delgado Gurriarán foi o responsable da edición e tamén de catorce poemas, unha ducia baixo o pseudónimo Nadel e dous máis coa sinatura R. Miño, pois Gurriarán (1999, 2022) localizou os manuscritos no seu arquivo persoal. Nun destes, que leva por título «O trebón» e canta a morte de Alexandre Bóveda, hai tamén alusións a Eduardo Pondal e ás costas de Muros. Velaquí o fragmento:

(…)

Mira

batel-o mar

nas costas de Muros…

A mañán

bretemosa

que anuncia

tormenta

é unha i-alma

insolada:

¡a i-alma

de Curros!

Ouve

no ceio

o tronar…

e ise

laiar tan grande

que resoa no val…

O tronar

é Pondal,

o laiar

é Alexandre.

(…)

E no volume intitulado Galicia infinda (1963) publicado, segundo o colofón, o día 16 do mes de Nadal de 1963 como nº 12 de «Salnés», a colección de poesía galega da Editorial Galaxia que daquela era responsabilidade de Celso Emilio Ferreiro, Emilio Álvarez Blázquez e Salvador Lorenzana, coñecido pseudónimo de Francisco Fernández del Riego, tamén inclúe referencias a Pondal.

Concretamente nos sete textos da serie «Varia», aparece o poema intitulado «Alvariño», evidente xogo entre a denominación dun magnífico viño e o derradeiro apelido de Aquilino Iglesia Alvariño para homenaxear o autor de Nenias, que é cualificado de poeta saudoso e velaíño, e tamén a Rosalía (A Ruliña do Sar), Noriega Varela (das chorimas sorridentes), Eduardo Pondal (polo bardo Pondal de nobre canto), Curros Enríquez (frecheiro de triadas), Daniel Castelao (Moisés, guieiro noso / que no acadóu a Terra prometida), Amado Carballo (sinfonista de paisaxes), Manuel Antonio (riscador de meridianos), Luís Pimentel (de lúas e de espellos) e Ramón Cabanillas (E o Ramón de Salnés, enxebre Apolo / que o cetro che deixara sa poesía!).

Na serie «Poemas mexicanos» que lle poñen remate ao libro de Galicia infinda (1963), os cales tiveron versións anteriores na revista Vieiros, en «Xarabe tapatío», poema dedicado a Ramón Cabanillas xa na versión de Vieiros, hai unha referencia explícita ao labor artesanal das palilleiras, ou panilleiras como escribía o poeta muxián Gonzalo López Abente, de Camariñas. Velaquí:

O “xarabe tapatío”, ‒ ledo coma un rechouchío,

é unha danza rebuldeira ‒ parenta da muiñeira.

É, nun baileo, bailado, ‒ e, cos pés, repinicando

as pernas das rapaciñas ‒ fan rendas de Camariñas.

Mención á parte merece o feito de que a súa sinatura tamén sexa notoria entre a ampla nómina de escritores republicanos de Ecuador Oº, O’, O». Revista de Poesía Universal, fermosa iniciativa do fisterrán exiliado Alexandre Finisterre, pseudónimo de Alejandro Campos Ramírez, quen se callar é inxustamente máis coñecido por ser o inventor do futbolín ou por ser custodio e testamenteiro do poeta León Felipe do que é como editor e como poeta.

De quitado da súa obra, hai un episodio biográfico que tamén pode relacionar a Florencio Delgado Gurriarán con Fisterra. A exiliada Silvia Mistral narra a súa historia persoal en Éxodo. Diario de una refugiada española (1ª ed. México, 1940) e nas páxinas finais conta que cando o Ipanema, un dos denominados “barcos da liberdade”, pasaba á altura do cabo de Fisterra varios mozos galegos xuntáronse a babor e leron o seguinte texto (en galego no orixinal):

“A vista do Fisterre, recibe, pobo galego o saúdo garimoso dos que niste intre dooroso van cara o exilio. Non perdades esperanzas, mantede o esprito ergueito que non tardará en cair o treidor que perante anos encheu de mortos Galiza e de loito os seus fogares. VIVA GALIZA CEIBE. VIVA A REPÚBRICA. ABAIXO FRANCO”.

E sinala que guindaron unha botella ao mar con mensaxes. Non hai testemuños, nin sequera propios, de que Florencio fose un deses afoutos mozos, porén o escrito concorda moito coa súa poesía de combate antifranquista, seis poemas asinados só co nome, sen apelidos que comprometan a familia, no periódico dos comunistas Nueva Galicia, onde publicaron outros galeguistas como Castelao.

Se callar algún día apareza nos nosos fondos mariños aquela botella e talvez no seu interior poidamos atopar algún texto da autoría do poeta valdeorrés. Había ser ben fermoso!

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Historia, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta