Artigo en QPC (XCII): “Kurkuilua modu minorrean”, “Buguina en modo menor”, poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar a presenza costeira nos versos de Miren Agur Meabe, Premio Nacional de Poesía 2021. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

“Kurkuilua modu minorrean”, “Buguina en modo menor”, poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium

No día que remata o verán o xuri do denominado «Premio Nacional de Poesía», convocado polo Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España, propuxo a Miren Agur Meabe para ser galardoada co Premio Nacional de Poesía, correspondente a 2021, pola súa obra Nola gorde errautsa kolkoan (Como gardar cinsa no peito), editorial Susa.

Continuou a traducir a nota de prensa que se fixo pública:

O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 20 000 euros e é a primeira vez que se lle outorga a unha obra escrita en éuscaro. O xuri escolleu esta obra “por ser un poemario de madurez dunha das grandes poetas vascas contemporáneas. O que comeza coma un libro de memorias vaise despregando e dándolle acollida a multitude de voces, estilos e tons”.

Pola súa vez, “as reflexións sobre o desexo e a morte, a nostalxia e o paso do tempo combínanse cunha perpetua procura do gozo a través das palabras. Como contrapunto, ofrece unha dimensión irónica na súa linguaxe e na actitude que plasma. Elaborado ao longo de dez anos, xunta maxistralmente a amargura do paso dos anos e unha vitalidade e frescura inquebrantables”.

Miren Agur Meabe

Naceu en Lekeitio (Bizkaia) en 1962. Diplomouse en Maxisterio, dentro da especialidade de Ciencias Sociais, e obtivo a licenciatura en Filoloxía Vasca. É escritora e tradutora en éuscaro. Dedicouse á dirección e xestión editorial dentro do grupo Giltza-Edebé.

Principalmente escribiu poesía e literatura infantil, aínda que tamén cultivou narracións para adultos. O poemario Azalaren Kodea (O código da pel) recibiu o Premio Nacional da Crítica no ano 2000. O seu seguinte libro de poemas Bitsa eskuetan (Escuma nas mans) publicado en 2010 obtivo o Premio da Crítica de Poesía en éuscaro.

No ano 2002 recibiu o Premio Euskadi de Literatura Infantil e Xuvenil coa obra Itsaslabarreko Etxea (A casa do acantilado), premio que recibiu tamén no ano 2007 por Urtebete itsasargian (Un ano no faro). O álbum Mila magnolia-lore (Mil flores de magnolio, 2010), no que combina prosa e poesía, foi incluído na Listaxe de Honor do IBBY e ao ano seguinte Errepidea (A estrada) obtivo o Premio Euskadi de Literatura Infantil e Xuvenil. En 2020 publicou Begiak zerumugan (Vía horizonte). Desde o ano 2006 é membro da Real Academia da Lingua Vasca-Euskaltzaindia.

Pois ben, esta enorme poeta non foi allea ao engado da nosa fin do mundo e o poema da súa autoría “Kurkuilua modu minorrean” (“Buguina en modo menor”), figura na magna antoloxía intitulada Ara do mar. Poesía a Fisterra, 234 poetas en dez linguas, que compilou Alexandre Nerium durante moitos anos e que vén de ver a luz hai escasos días na Editorial Eneida, que dirixe Lur Sotuela.

Velaquí o seu poema na lingua orixinal e na versión galega da propia autor, que podo ofrecer grazas á xenerosidade de Alexandre Nerium:

Miren Agur Meabe (Lekeitio, Biscaia, 1962)

KURKUILUA MODU MINORREAN

Urte askotan izan zen gure etxean

kurkuilu leun pikardatu bat

giza organo apal baten antzekoa,

triku arpilatu baten antzekoa,

landare baten arraboil bitxiaren antzekoa,

lehertzear.

Belarrian ipintzen nuen entzutearren

nire ahizpa izanik

barruan preso zegoen sirena baten balada.

(Niri ere deitzen zidan hondo mugagabeak:

bertako isiltasun huts, lau, kutsu bakoak).

Edo aditzearren masten intziria eta arrainen otoitza

eta nire aitaren odola, ur handietan.

Edo ilargiaren tintina sareginen tresmailean.

Edo poeta deserriratuen egunerokoen zatiak.

Modo minorrean bizi

eta nire gorputzak poza ezagun ez duenetik,

isilik dago egon kurkuilu hori.

Biluzik ari zara lasterka Liresko hondartzan

ni zure zain nagoen artean, zart eginda,

balea baten bizkarrezurra bezala.

Haitzezko partitura bat sortzen dihardut

Antzoriz urrezkoan hasi eta Touriñan purpuraraino,

silaben zidor bat ez izatearen bidean.

Sinistu nahi izan nuen Fisterraren koroak

geure alde egingo zuela beti,

neure sineskeriak.

Itsasargiek keinu dagiten tokian zure ahotsa da

ezpel-adarra nire bularrera atxikia.

Lozorroan diraut,

kurkuilu leun pikardatu batek legez,

aho barruan gordeta bizitzaren argiak.

BUGUINA EN MODO MENOR

Durante moitos anos, houbo na nosa casa

unha buguina suave e xaspeada

como un humilde órgano humano,

como un ourizo despoxado,

como un bulbo estraño dunha planta

a punto de estalar.

Poñíaa no oído por escoitar

a balada dunha serea que estaba presa dentro

e era a miña irmá.

(Tamén a min me chamaba o fondo infinito:

o seu silencio baleiro, plano, sen matices).

Ou por oír o queixume dos mastros e a oración dos peixes

e o sangue do meu pai, que navegaba lonxe.

Ou o tintinar da lúa no trasmallo das redeiras.

Ou as pasaxes do diario dos poetas desterrados.

Desde que vivo en modo menor

e o meu corpo descoñece o gozo,

esa buguina garda silencio.

Corres espido na praia de Lires

mentres eu te agardo entre a néboa, quebrada,

igual que a espiña dorsal dunha balea.

Compoño unha partitura de rochas desde

a dourada Antzoriz até o purpúreo Touriñán,

un sendeiro de sílabas na ruta do non ser.

Quixen crer que o halo de Fisterra

avogaría sempre por nosoutros,

supersticións miñas.

Onde chiscan os faros a túa voz é

unha rama de buxo enredada no meu peito.

Permanezo letárxica

como unha buguina suave e xaspeada,

gardando na miña boca as luces da vida.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta