Artigo en QPC (LXXXIX): Unha achega a Vida carnotana. Boletín Oficial del Centro Social de Recreo y Cultura Hijos del Ayuntamiento de Carnota (Buenos Aires)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta unha anotación sobre unha revista da nosa emigración, Vida carnotana, que descoñecía até non hai moito tempo. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Unha achega a Vida carnotana. Boletín Oficial del Centro Social de Recreo y Cultura Hijos del Ayuntamiento de Carnota (Buenos Aires)

No momento de facer parte do grupo de investigación no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación de Dolores Vilavedra, crítica e profesora de Literatura Galega na USC, malia recollermos ducias de revistas e xornais, tamén da emigración, descoñecíamos a existencia da revista Vida carnotana. Porén, en anos posteriores foron aparecendo nos arquivos galegos tres exemplares, cos que se pode reconstruír de maneira fragmentada a historia desta publicación.

Por orde cronolóxica o primeiro do que até agora temos noticia é o nº 7 (1942). Arquívase desde non hai moito tempo na Biblioteca do Museo do Pobo Galego, e agradezo ao seu director, o muxián Manuel Vilar Álvarez, e á bibliotecaria Rosa Mª Méndez García, de primeiras dárenme noticia da súa existencia e despois por me facilitaren a consulta en papel dese único número aínda non dixitalizado.

Os outros dous, o nº 8 (xaneiro de 1943) e o nº 15 (xaneiro de 1949) consérvanse dixitalizados no «Arquivo da emigración» do Consello da Cultura Galega, proxecto de investigación iniciado por Vicente Peña Saavedra e que na actualidade coordina Xosé Manuel Núñez Seixas, e temos unha brevísima descrición deses dous números no Repertorio da prensa galega da emigración. A día de hoxe non se poden consultar na rede, mais debo agradecerlle á corcubionesa María Teresa García Domínguez o envío de dous pdf creados a partir dunha copia en microfilme de calidade non óptima mais suficiente para analizarmos a revista.

De resultas da análise destes tres números dispersos poderíase realizar esta descrición:

Vida carnotana. Boletín Oficial del Centro Social de Recreo y Cultura Hijos del Ayuntamiento de Carnota (Buenos Aires) naceu por volta de 1935 e tiña periodicidade anual, porque incluía sempre tamén a «Memoria y balance general» do estado das contas e das actividades da entidade. Como se pode ler sempre na primeira páxina o denominado Centro Social de Recreo y Cultura Hijos del Ayuntamiento de Carnota fora fundado o 1 de setembro de 1934 e estaba adherido á Federación de Sociedades Gallegas (FSG). En 1941 tiña a Secretaría no seu local social da rúa bonaerense Alsina, 1195 e estaba presidido por Manuel Noya, quen continúa en en 1943 aínda que agora a Secretaría está en Chacabuco, 955 e Antonio Cambeiro é o presidente en 1949, sempre á fronte dun nutrido grupo de carnotáns (todos homes) emigrados.

Estes tres números, de 60 páxinas (nº 7), de 48 páxinas (nº 8), 26 páxinas (nº 15) e capa en cartoné, están escritos en castelán, como adoito sucedía nas entidades da emigración, mais con algúns textos literarios en galego que axiña comentaremos. En ningún lugar aparece indicada a imprenta na que vía o ferro da edición, aínda que un anuncio publicitario da Imprenta Fernández Pelizza podería indicar que se fixese nesta.

(nº 7, xaneiro de 1942)

En páxinas centrais recolle a acta da asemblea e memoria anual de 1941, celebrada en abril de 1942, que será habitual nas primeiras nos seguintes números e onde se dá conta de toda a actividade societaria, relacións con outras entidades, festas sociais, xantares de convivio, etc. Alén da inserción de publicidade, con anuncios de entidades bancarias, interesadas sobre todo nos «Giros a España» e de diversos establecementos comerciais e produtos de consumo, nos que os apelidos de moitos dos propietarios revelan a súa orixe carnotá, entre elas unha libraría de nome galego “La nena” que lles ofrecía 10% de desconto, por toda a publicación inclúen tamén fotografías, sen indicar autoría, das actividades dos asociados, dos casamentos, dos bautizos e das indesexadas necrolóxicas, así como outras de lembranza de espazos do noso País ou de paisaxes arxentinas.

No eido literario reproducen en galego, de escasa presenza na revista, poemas de autores clásicos, “Arrenégote pecado” de Valentín Lamas Carvajal, “Vamos bebendo” e “¡Pra a Habana!” de Rosalía de Castro, “Foguetes”, que vén sendo unha escolma de poemas de Manuel Roel Longueira. Deste escritor betanceiro tamén se publica o conto “Xa pode agardar” ao que se lle engaden “O xiro do Sacristán” de Manuel Lugrís Freire e “Ben feito, por non saber roubar” de Avelino R. Díaz. Completan a achega unhas interesantes coplas co título “Recordando” da autoría de Ramiro Cambeiro que evocan as paisaxes carnotás con referencias a todos os lugares desde o Pindo até Miñarzo (sic) e outras intituladas “Os Reises do Tío Carranco”, recollidas por Xesús Penedo Gómez en Lamella (sic).

E en castelán “Elogio al Miño” de Julio Hoyos, “El prototipo gallego y su orientación en la vida” de J. Rodríguez, e prosas de autores como Carlos Costa Álvarez, Eduardo Alfonso, Gregorio Mayáns y Siscar. Enrique Feinmann ou os carnotáns Ramiro Cambeiro e Antonio Lago quen no seu texto “¡Vico du Santo!” fai referencia ao Pedregal do Pindo, así como unha tradución dun texto de Víctor Hugo, un poema de Juan Pérez Zúñiga e o romance antifranquista “De Madrid, corazón de España” de Miguel María Victorero, tirado do seu libro Romancillos de una España libre (Buenos Aires, 1937).

(nº 8, xaneiro de 1943)

Inicíase coa acta da asemblea anual na que salienta o recoñecemento das actividades en común coa FSG e de maneira especial coas asociacións irmás «Muradana», «Outes» e «Mazaricos» á hora de organizaren romarías campestres ou veladas artísticas e danzantes. A súa preocupación pola cultura e a educación fai que na biblioteca, alén das doazóns recibidas, merquen libros como os da prestixiosa colección Austral de literatura universal en castelán.

Alén da publicidade e as imaxes (a catedral de Compostela, unha imaxe parcial da praia de Carnota…), coas mesmas características ca no número anterior, reproducen completa unha carta asinada por Pedro López Vázquez, datada en Canedo, Carnota, a 12 de marzo de 1936 que celebra a vitoria da candidatura da esquerda fronte ao caciquismo. Mais unha nota a rodapé explica: «NOTA.- Esta carta fué remitida a nuestra Sociedad por nuestro representante en “Carnota”, D. Pedro López Vázquez, a quien hoy tenemos que contar entre las víctimas de los esbirros de Franco; la que acordamos publicar en su digna memoria». E na seguinte páxina engaden o poema en castelán con título en latín “Semen est sanguis…”, do muradán José Tobío Mayo (Galaxia recuperou en 2009 a súa novela O frade das dúas almas, mais aínda non se reeditou o seu poemario Espiñas aparecido no exilio bonaerense na editorial Celta en 1941), con versos tan tráxicos coma estes: “(…) En ese camino / de cabras montesas / hallaron un hombre / tendido a la vera. / Huyen, se dispersan; se juntan, se acercan, / y ven al Maestro / con cara risueña / la sien perforada / al plomo, que a ciegas, / un Judas, discípulo / dio por recompensa. (…)”

No ámbito literario tamén se reproducen en galego, de presenza minoritaria, poemas de autores clásicos, “Nocturno” de Manuel Curros Enríquez, “Revoltas” de Valentín Lamas Carvajal, “Canta si queres” de Rosalía de Castro, e o conto “Os tres soldados” de Manuel Lugrís Freire.

E en castelán os contos “La capitana” de Emilia Pardo Bazán, “El Mendrugo y la Mordaza” de Miguel de Unamuno, e os poemas “El crimen” que Antonio Machado dedicou ao asasinato de Federico García Lorca e os romances “La mala suerte” de Francisco de Quevedo e “Romance en gallego y castellano. Imitando a los Caballercos” de Lope de Vega, ou o artigo “Figuras de Galicia. La cantora del Sar”, que Juan del Sil (cheira a seudónimo) escribe sobre Rosalía de Castro, este mesmo autor escribe sobre “El tesoro de la ría de Vigo”. A prosa “Acacias” de Purificación García Gomez, a crónica histórica “Doña Urraca en Compostela” que asina Rey Baltar, “La catedral de Santiago de Compostela” de Vicente Lamperez y Romea, un incendiario artigo antifranquista da autoría do carnotán emigrado Abelardo Lago e unha defensa do federalismo que asina R. Cambeiro. Unhas “Máximas sabias” de Santiago Ramón y Cajal e outros textos de menor interese completan a revista neste eido.

(nº15,xaneiro de 1949)

Desta volta na acta da asemblea anual destaca que a asociación irmás «Muradana» anuncia o seu propio boletín Montelouro, que nesta altura descoñecemos, así como o apoio ao xornal federal Galicia da FSG e ás actividades da organización federal “Curros Enríquez”.

Ademais dos aspectos xa referidos para os números anteriores, no apartado literario reproducen en lingua galega os poemas “Irmán Daniel” que Ramón Cabanillas dedicara a Castelao e “¡Meu carriño!” do mesmo autor, “Dibullando” do carnotán R. Cambeiro e as “Adeviñanzas” recollidas por Pérez Seoane en Parada do Sil para o Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza.

E en castelán inclúen o artigo “San Mamed de Carnota” de R. Artaza que fora publicado en 1915 en Tribuna Gallega, J. Rodríguez asina o artigo intitulado “El doctor Alfonso Rodríguez Castelao y su concepto filosófico de la vida: algunos aspectos de su modo de pensar muy poco conocidos”, a crónica histórica “Compostela reclama en el siglo XII su derecho a gobernarse” de Manuel Murguía, “El pecado de Carvantes” de Julián Fernández Piñero e os poemas “Desilusión” y “Madre” de José Sucarello.

Con probabilidade, mais non con certeza, a revista non debeu prolongarse moito máis alá de 1949.

Esta entrada foi publicada en Contos, Efemérides, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lingua, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta