Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para lembrar os poemas a Castelao, nestas datas do aniversario, que escribiron na emigración arxentina o laxés Antón Zapata García e o muxián Xervasio Paz Lestón. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón
Xaneiro é o mes de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao por excelencia, pois naceu en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finou no exilio de Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Os nosos poetas Antón Zapata García (Laxe, 26 de febreiro de 1886 – Bos Aires, 20 de xuño de 1953) e Xervasio Paz Lestón (Serantes, Muxía, 23 de outubro de 1898 – Bos Aires, 23 de outubro de 1977) coñeceron e coincidiron moitas veces na actividade cultural e política co líder galeguista, de aí que non sexa estraño que a súa figura apareza moi evocada nos poemas publicados por ambos e dous escritores emigrados da Costa da Morte.
Hai 70 anos, en conmemoración do seu primeiro cabodano a revista Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas en Bos Aires, no seu nº 1132, do 20 de xaneiro de 1951, publicou dous sonetos e un debuxo para Castelao asinados polo poeta laxés Antón Zapata García. O primeiro dos textos xa tivera unha versión anterior, con pequenas mudanzas lingüísticas, que vira a luz tamén no Galicia (nº 702, 23 de novembro de 1940), datado polo autor: «Bos Ars, 8-11-940». Xa en Galicia (1951) publícanse ambos, con cadansúa data debaixo: «8/11/1940» e «9/1/950».
Nos dous casos o texto vai acompañado dun debuxo da autoría do autor, pois asina Zapata, que representa unha caricatura de Castelao sostida por unha man aberta. (Imaxe superior)
Pola súa banda, o poeta muxián Xervasio Paz Lestón chegou a publicar en diferentes épocas catro textos dedicados a Castelao. Trátase do poema intitulado «Na Morte de Castelao (Elexía)» [Alborada, nº 145, febreiro a abril de 1950], escrito canda aconteceu, en 1950; doutro escrito no primeiro cabodano, con epígrafe semellante «Na Morte de Castelao» [A Nosa Terra, nº 475, febreiro de 1951]; doutro que aparece en 1954 co título «A Castelao» [Alborada, nº 158, outubro de 1953 a xaneiro de 1954] e o cuarto, datado o 7 de xaneiro de 1956, que sae no sexto cabodano ano co encabezamento «Castelao…» [Alborada, nº 164, setembro a decembro de 1955].
Reproduzo deseguida os sonetos e o debuxo de Antón Zapata e os poemas de Xervasio Paz Lestón.
CASTELAO
I
Có corazón na destra e o lene ollar moi triste,
con verbo garimoso, de galeguismo cheo,
as súas arelanzas de pensador sereo
na i-alma da Nai Terra, como un druída, viste.
Sinxelo, nobre, cerne, máis bó que pancenteo,
adoura, quere, i-ama canto no mundo eisiste,
e, se poidera, aos lobos que Noso Chan resiste,
as portas redenzoras abríalles do ceo…
Non tén reviravoltas: ¡Tan soio dí verdades!
Seguramente, CRISTO, no lago Tiberiades,
chamáralle discépolo, irmán e nobre artista,
¡pois cando en soaves liñas, imaxens vai prasmando,
paresce que GALIZA n-un “film” fora pasando
pra que os irmáns migrantes a teñan sempre á vista!…
II
…Tal dixen fai des anos… Agora, triste, digo:
—Morréuse CASTELAO, o noso artista esgrevo,
e o corazón, de loito, por meu irmán eu levo,
pol-o sendeiro longo que n-esta terra sigo…
Eu séi que o seu esprito trasmigrador, amigo
—nas outas terras hirtas dos toxos e do acebo,
nas doces veiramares e pol-os vals de trevo—,
atopará a tenrura do maiternal abrigo.
Dos seus outos tesouros xa somos os herdeiros:
“GALIZA MÁRTER”, “COUSAS”, labregos e peixeiros,
deixáron-nos seu lapis e pénola, ispirados.
Non lonxe da Traxedia do CRISTIALOBO, agora,
por tí, gran CASTELAO, un gran xigante chora:
BOS AIRES… ¡GALICEIBE dos celtas emigrados!…
Antón Zapata García
Na Morte de Castelao
(Elexía)
Chora a terra de Galiza con amargo desconsolo
pol-o máis esgrevio fillo que surrío no seu colo
desde donde corre o Miño aos cantiles do Ortegal;
dos picoutos invernentos baixa a neve feita pranto,
carballeiras e pinales dan salaios de crebanto
i hasta o mar da costa brava canta triste funeral.
Das galegas efemérides será o sete de xaneiro
data infausta e luituosa nas calendas do vindeiro,
pol-o chan, de un a outro cabo, relembrada con delor:
¡tan inmensa foi a perda que sofrío a terra amada,
ao morrerlle o ilustre fillo, cando sofre asoballada
baixo a pouta sanguiñenta de satánico terror!
¡Desde os tempos bretemosos que esqueceu o calendario,
aldraxada como Cristo, sobe a patria seu Calvario
co madeiro sobre as costas i as espiñas sobre as sens;
seus engados e riquezas espertaron a cubiza
de outros pobos iñorantes da moral e da xustiza,
que buscaron de coutala pra roubarlle a honra e os bens!
Foi coutada e sometida, mais viveu en rebertía;
sóio os viles desleigados cometeron treidoría
contra o chan dos seus antergos refugando as tradicións:
¡os guerreiros que chegaron con arroutos de siñores
espalláronse no seo dos enxebres poboadores
e, paganos ou muslines, esqueceron suas nacións!
O galego, por ser libre, foi pastor ou foi guerreiro,
sementou as suas terras ou loitou contra o extranxeiro,
contra Roma, con Viriato, con Pelaio, aos musulmáns;
cando Europa agunizaba baixo a iglesia e o feudalismo,
en xuntanzas irmandiñas, fixo fronte ao despotismo
i arrasou moitos cobelos dos feroces lobicáns…
Cando os déspotas trunfaron, devorados da cobiza
antre loitas vergoñosas afundiron a Galiza
nos abismos de miseria co dereito do ladrón;
intre mouro aproveitado pol-a astucia de Sabela
pra coutarlle a libertade baixo a pouta de Castela,
vencedora da Frouseira pol-as artes da traición…
¡Catro séculos de somas para a patria aferrollada,
pero nunca sometida nin tampouco aniquilada!;
logo, a voz de rebertía lumiosa resonou
e, detrás das craras voces dos esgrevios precursores,
outros berros lles seguiron de valentes loitadores
que o eminente Castelao cô seu nome avencellou.
E ¡por fin!, no trinta e dous, crebantáronse as cadeas
e vorcouse a alegría pol-as vilas i as aldeas:
¡en Galicia houbo festexos coma nunca se verán!;
pero estaban acexando nas entranas dos infernos,
desatadas as potenzas máis escuras dos avernos
que ben pronto arrasarían de dolor o noso chan…
Novamente sofre e cala, baixo infame tiranía,
esperando que alborexe no hourizonte a luz do día
que alumée suas roitas entre as somas do porvir…
¡i aínda a Parca lle privou do seu máisimo guieiro;
do que había de guiala por grorioso derroteiro
pra gozar cos pobos libres das ledicias do vivir!
Abafante foi o golpe recibido por Galicia
–pol-a causa inmercesíbel da moral e da xusticia–
con a morte prematura de eminente compatrián,
mais berremos ¡sursum cordae! i emulémoslle a conduita
nidia, pura, inmaculada: ¡sua vida sempre en luita
pra que, ao fin, vivira a patria, grande e libre do mañán!
Apagouse para sempre seu celebro lumiouso
donde o xenio traballaba sin acougo nin repouso,
con divinas inquedanzas na sublime creación,
mais pervive seu esprito na manífica laboura
sin igual na nosa terra que, orgulosa, ela atesoura,
donde brila o pensamento latexante de paixón.
Debe ser dita laboura, para nós, seu testamento;
alí vive seu esprito feito idea e sentimento
e desde ela espalla luz nos vieiros do ideal;
nidias roitas siñaladas para os bôs e xenerosos
que terán de darlle a patria novos días xuvilosos
¡cal soñou o santo laico do galego santoral!…
Na Morte de Castelao
(Especial pra A NOSA TERRA)
Fois-o arquetipo esgrevio da raza nobre e forte,
que con broncíneo acento cantou o gran Pondal;
voiou cara ás outuras, bulrándose da morte,
trocado en astro fúlxido do espazo sideral.
¡A voz do gran guieiro pra sempre enmudecío,
mais, viven os seus feitos, que han de falar por él;
a luz do eixcelso esprito no eterno s-afundío
pintando nos vieiros mañífico ronsel!
A terrenal materia perdeu sua quentura,
despois de crueles horas pagadas ao delor
i-ó frio das estautas entrouse na envoltura
da mais pristina ialma que fixo o Creador.
¡Caieu o esgrevio artista cuia sin par grandeza
foi ofrecerll-ó povo seu inquedor xenial;
os mestres i-ós rapaces gustaban da beleza
bebendo as celtas linfas da fonte exceucional!
Tivo alma franciscana, viveu homildemente;
podendo ter fortuna, somentes quixo ser
da sua terra escrava un paladín valente
sin ver canto gañaba nin canto iba perder.
Descípolo d’Hipócrates, deixou a medicina
para vorcar nas artes o inquedo corazón
no que o sofrir da patria foi magoante espiña,
mais él trocou seus dores en fonte d-emoción.
Deus-enteiro a Galiza, con alma xenerosa,
sin ambiciós mezquiñas, decote puro e fiel;
e fixo seu camiño por senda delorosa
que muitos emprenderon, felices, detrás d-él…
Espallaba decote sua verba emocionada;
él era un humanista que amaba a libertá
non era dos qu-esquirben e nunca nos din nada
¡anque s’afunda en xurro i-esterco a humanidá!
Teceu as suas obras collend-os persoaxes
do povo verdadeiro, con alma e corazón;
nas vilas i-ás aldeias, en festas e romaxes
por eso n-eles pula con azos a emoción…
Cando, n-aquel agosto do trint-e seis maldito,
xurdío dos infernos o mostro ferrolán,
brotaron do seu lápiz e do papel escrito
os berros de xusticia, que nunca morrerán!
As “Estampas Galegas” i-“Atila na Galiza”
mentres a patria eixista, terán elas de ser
acusación sangrante no nome da xustiza
contr-ós caíns prevésos que, ó fin, han de caier.
(Na maxia dos seus ollos a luz vaise apagando,
xa casi non traballan o lápiz io pincel;
¡despois, un mal tremendo seu peito vai rilando,
“coma se fora un corvo” –según decía él–!…)
Foise o arquetipo esgrevio da raza nobre e forte
que con broncíneo acento cantou o gran Pondal;
voiou cara as outuras, bulrándose da morte,
trocado en astro fúlxido do espazo sideral.
Por tan esgrevio fillo salouca a patria escrava
dend-os mais áspros montes ó cabo fisterrán;
entoa tristes salmos o mar da costa brava
i-as fontes i-os pinales en queixas se desfan.
Xa acouga Castelao no triste cadaleito
con terra da Galiza, das carnes a carón;
¡quizais a rosa roxa pulase no seu peito
ao maternal contaito, con lírica emoción!
Mais, sesgáball-os beizos un ritus de amargura
pol-a terra aldraxada que arrastra seu delor;
mártir terra afogada nos mares da tristura,
qu-él quixo redimida por fraternal amor.
A Castelao
(No 4º aniversario do seu pasamento)
¡Sombra groriosa do inmortal guieiro!
¡Nidio facho de luz da amada Terra,
consumido no outar do sagrificio
coma holocausto de patriana ofreza:
Nesta data, de loito pra Galicia,
que anguriada e dorida, ela relembra,
hastra ti voian con negrentas alas,
en senxelo homenaxe, as miñas verbas!
Aló van, repetindo o xuramento
dos patrianos ao dar teu corpo a terra
sagrada que mandou o chan lonxano
pra que, en paz, acougaras cabo de ela.
Xuramento que, torpes desleigados,
por sobra de ambición ou de inconcencia,
parece que arrombaron nas penumbras
da sua probe psiquis egocéntrica.
¡Non merecen perdón eses perxuros
que mentras se feiraba a compravenda
andaban de xantares i entroidadas
côs xudas que venderon nosa Terra!
¡Y houbo quen pensou neles pra ofrecerlles
o tesouro sublime da tua herencia!…
¿Cándo adeprenderemos os galegos
a esculcar nos cornechos das concencias?
Os que se sintan “bôs e xenerosos”,
sin cobiza de mando ou de prebendas
deben coller basoura e D.D.T.
pra barrer de antre nós toda podremia.
Os tempos non están pra desemulos
de falsos figuróns ou de “eminencias”
que non saben manter craras condutas,
¡i hai que arrincar as mascras vergoñentas!
Aos que estén coa traición, hai que marcal-os
pra que, cando Galicia sexa ceiba,
afunda nos infernos sua memoria
coma premio â ruindade i â vileza.
E, qué seipan os héroes de estraperlo,
vendedores da España en porca feira,
que temos de loitar hastra ver libre,
nosa patria, de xugos e cadeas.
Que, irmandados, os pobos da penínsua,
en laboura austentosa ou encuberta
forxaremos a forza vencedora
das propias tiranías i as alleas…
Pois pra ben de Galicia, esgrevio mestre,
nestas horas cargadas de traxedia
brila nos corazóns dos bôs galegos
a luz da tua leición, decote acesa.
¡E temos de impedir que, os renegados
que a vida che arrincaran si puderan,
che rouben, morto, teu dereito â groria
de gran guieiro da nazón galega!
Castelao…
Dende teu pasamento, seis abafantes anos
remacharon os grillos da escravizada Terra.
Anos sin pan e lume, de carces e torturas
de morte ou de cadea!
¡De tremenda agonía baixo o tirán da España,
hoxe, vendida aos gansters das barras i as estrelas!
Aos gansters da Whit-House, que non aos de Chicago,
ao país da bomba “H”, finchados de soberbia.
Son seis anos que viron, da patria, hoxe invadida,
colmar sua traxedia
có sinistro perigro de sere convertida
nun mortal cimiterio da terra barrallenta.
Mouro presente grego que fixo a toda España
o xugo da Falanxe coas gadoupas noxentas
do imperialismo yanqui…
¡dos padriños de Hitler que cobizan sua herencia!…
¿Qué papeles xogamos os españoles libres
diante da vil infamia, da repuñante feira?
Coma vellas choronas, os máis guindan salaios
de tímida protesta
contra a “gran democracia”
das suas entretelas,
que nos feirou a todos por uns millóns de dólares
coma si se tratara de un fato de facenda.
Algúns botan cizaña contra os do propio bando,
con censurabre esquezo, con insensata afrenta
pra sagrada memoria dos mártires i os éroes
que caeron na patria por querer ter ideas;
pra sagrada memoria dos que inmortalizastes
nos xeniales diseños das “Estampas de Guerra”.
¡E mentras uns solaian coma vellas choronas
ou da “gran democracia” relamben a cueira,
a boca do Pentágono i a boca da Falanxe,
con soberbo desprezo, gargallan da parveza!
¡Qué falla nos fai hoxe desparecido mestre,
tua corporal presencia!
¡A tua i á de Azaña i a do mártir Companys,
pra libertar Galicia con toda Celtiberia!
¡Non hai quen avencelle nun monllo indestruíbre
a cantos teñen fame de patria sin cadeas…!
Qué falla nos faría
que soase tua verva
pra silenciar as gorxas dos inmundos batracios
que cantan sua victoria nas lamas das cañeiras.
Pra acalantar as gorxas dos que antes che lixaron
con rencorosas babas, cal repuñantes lesmas
na Galicia e no eisilio –que cobizan agora
falsificar tua obra, desfigurar tua herencia.
No chan nobre e fraderno de esta grande Argentina,
libre hoxe de tiranos e de invasións alleas,
relembrando tua morte pedimos pra Galicia
iguales libertades e igual independencia…
Dende a tua morada
das verdades eternas,
que a todos nos inspire teu luminoso numen
nestas sombrisas horas que atura a vella Suevia
para encaular conduitos
i escrarecer concencias!
Xervasio Paz Lestón