Artigo en QPC (LXXVIII): Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial

Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para publicarmos unha recensión na que se fai unha breve análise sobre a presenza da Costa da Morte no múmero 12 de Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial». Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial

Un convite a seguir remando despois de tantos días de anguria, preocupación, alicerza o editorial asinado polo coordinador Emilio Xosé Ínsua de Nova Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, que na súa periodicidade bianual chega ao seu número 12, datada en xuño de 2020, aínda que desta volta non se presentou dentro das xornadas do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que organiza a entidade Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial). A revista, en papel, xa se atopa nos andeis das principais librarías do noso País ao módico prezo de cinco euros. E todos os números anteriores poden ser lidos de balde na rede a través da ligazón: https://culturmar.org/tipo-de-publicacion/ardentia/

Entre unha cantiga medieval do xogral galego Juião Bolseiro (séc. XIII), que abre a revista, e unha versión do poema «Alando a traíña» do poeta laxés Antón Zapata García, que pecha este número 12, veñen 98 páxinas con diversos aspectos da nosa cultura marítima fluvial, iniciadas coa sentida necrolóxica «Adeus a Staffan Mörling», o etnógrafo de orixe sueca que recalou, coma se fose unha embarcación, na illa de Ons e que estudou os barcos tradicionais percorrendo todo o litoral galego, anotando e fotografando, desde Ribadeo até A Guarda, entre eles as lanchas de Caldebarcos ou de Fisterra.

Non son estas as únicas referencias á cultura mariñeira da Costa da Morte que se poden rastrexar nunha lectura dos sempre interesantes e variados contidos que se publican neste número 12 da Nova Ardentía, e mesmo outras concomintancias poden deducirse desa cultura común a toda a costa. De feito, sen ir máis lonxe, no artigo de José Manuel Dopazo Entenza «O mar de Ons ten voz feminina. As percebeiras» moitas das intervencións recollidas oralmente, gravadas e transcritas, serían moi semellantes ao que nos comentarían as moitas percebeiras que tamén houbo nos cons da Costa da Morte (Fisterra, Muxía, Camariñas, Corme, Malpica…). Outra cousa que nos chamou a atención é a presenza de talasonimia que atopamos tamén no noso territorio pois en Ons hai O Centulo (coma en Fisterra), O Cornecho (coma en Malpica) ou Caniveliñas (Caneliñas, en Cee).

O artigo «Supersticións e costumes a bordo dos pesqueiros», da autoría de Esperanza Piñeiro de San Miguel e Andrés Gómez Blanco, non inclúe alusións explícitas ás crenzas da xente mariñeira da Costa da Morte, mais moitas delas son idénticas ás que expresan as súas vivencias.

Santiago Llovo Taboada centra o seu texto «O carreto, o Castromil do mar» na historia deste senlleiro transporte de pasaxeiros que percorreu toda a ría de Muros e Noia e noutros barcos de peiraos próximos. Non hai aquí referencias a embarcacións que fixeron o seu labor en Laxe, poñamos por caso, mais entre as embarcacións citadas está o Mazaricos, propiedade de José Romaní Cacheiro, ou o vapor Rosario, construído en 1908 en Vigo para unha sociedade anónima de Muros, que facía unha viaxe diaria no inverno e dúas no verán para levar o correo entre esa localidade e Carnota.

A historiadora e feminista compostelá Encarna Otero Cepeda, autora do documentario As mulleres co mundo na cabeza. Os camiños do Pindo. Memorias de vida en vivo (Consello da Cultura Galega: 2019) explica a xestación do filme no seu artigo «As mulleres co mundo na cabeza», seguindo o camiño aberto pola fotógrafa Ruth Matilda Anderson que retratara as leiteiras regresando a Carnota naquela súa viaxe galega de 1924-1925 e acompañando o texto con ilustracións da cooperativa artística «Cestola na cachola» para faceren unha homenaxe a «Elas, as carretadoras da vida, as construtoras do espazo, as que levaban e levan aínda o mundo nas súas cabezas».

Por parte, Manuel Lara Coira na súa contribución «Os muíños de mar en Galicia (II). Séculos XVI e XVII» estuda os de Acea de Ama (sic), de 1550, e Aceas do Burgo, de 1580, ambos e dous de Culleredo, o Muíño de El-Rei, de 1609 en Neda, o Muíño da Seca, de 1622 en Cambados, o Muíño de Xubia, de 1639 en Neda tamén, o Muíño das Torres, de 1647 en Cereixo (Vimianzo), que xa estudara polo miúdo a etnógrafa Begoña Bas por volta de 1990, e as Aceas da Illa, de 1681 na Illa da Arousa.

Por último, na sección «Sino de proa», na que se dá conta da publicación de libros relacionados coa cultura mariñeira, hai unha recensión da novela Homes de ferro (Ézaro ediciones, 2020), de Alfredo Conde, que asina o presidente da Federación, Manuel Sendón, de Lira, e na que lembra como o novelista narra a «epopeica peregrinación a Compostela duns bravos e destemidos irlandeses que atravesaron o mar dos celtas vogando desde Irlanda ata Galicia», onde a costa fisterrá ten unha notable presenza e no decorrer da narracción tamén hai unha pequena homenaxe ao galeguista corcubionés Plácido Ramón Castro, quen visitara en 1928 e escribira sobre as Illas Blasket, na costa de Dingle, no oeste de Irlanda, un relato que vén de ser recuperado e estudado por varios autores e dispoñibilizado para libre descarga pola Fundación que leva o seu nome nesta ligazón: https://www.fundacionplacidocastro.com/w/uploads/apropositodaviaxedeplacidocastroasillasblasket-pdf.pdf

Obviamente, a Costa da Morte tamén ten moita presenza no volume Vida e traballo no mar dos galegos (Museo do Pobo Galego. Santiago de Compostela: 2020), de Francisco Calo Lourido, que recensiona o académico Francisco Fernández Rei.

O Consello de redacción de Nova Ardentía asina o artigo «Celebración do primeiro centenario do Boletín Nós», para lembraren textos de inspiración mariñeira de diversos autores da época, entre eles o muxián Gonzalo López Abente, quen publicou por entregas o relato intitulado «A Buitra», e o xa mentado poema do laxés Antón Zapata García. «Alando a traíña» é un canto mariñeiro, mesmo inclúe a estrofa do que o poeta denomina ‘Canzón dos traiñeiros de Laxe’, no que a alegría e a musicalidade do canto non oculta as duras condicións de traballo da pesca de baixura e o seu escaso rendemento económico naquela época: —Sempre, ¡sempre!, traballando, / dende a mañán hastra â nuite… / ¡e sempre probes ficamos!… O poema tivo cinco versións anteriores (Céltiga, Bos Aires, nº 67, 10 de outubro de 1927; A Nosa Terra, Idearium das Irmandades da Fala, A Coruña, nº 243, 1º de nadal de 1927; El Compostelano, Santiago, nº 2527, 28 de agosto de 1928; Correo de Galicia, Bos Aires, nº 1211, 7 de abril de 1929 e Nós, Ourense, nº 91, Día de Galicia (25 de xullo) de 1931. Na que se publicou na revista Nós, o seu título era «Traiñeiros de Laxe» e incluía esta dedicatoria: «Ó meu irmán galego Camilo Díaz Baliño, c’unha gan fe na súa laboura de enxebreza / pictóreca en col dos outos ideaes que fai xermolar no lenzo: Raza, Terra e Mar galegos», que no libro foi substituída pola autocita coa que se abre a composición, por razóns obvias, ao ser o pintor un dos primeiros “paseados” polos franquistas. Foi reproducido por Casas, Álvaro de las (1939). Antología de poetas gallegos. Buenos Aires: Sopena Argentina. 166-171. Tamén existe unha tradución, intitulada «Alando la traína», Céltiga, Bos Aires, nº 80, 25 de abril de 1928, reprodución dunha versión feita polo xornal La Razón (Uruguai) e publicada o 1º de Abril.

Vento nas velas, pois para esta Nova Ardentía, 12 (que continúa a navegación da vella Ardentía dirixida por Luís Rei), unha lectura sempre agradecida para todas as persoas que desexamos que medre o mar e todo o seu inmenso patrimonio marítimo e fluvial e tamén para as que se queiran mergullar no seu coñecemento.

Esta entrada foi publicada en Documental, Encontros, Estudos literarios, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Lingua, Poesía, Presentacións, Recensións, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta