Veño de publicar unha nova colaboración con QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para publicarmos unha recensión na que se fai unha breve análise sobre a presenza dos presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» durante a posguerra. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra
En maio de 2015 saudamos aquí a presentación do libro Los fugados del Fuerte de Ezkaba (Editorial Pamiela), de Fermín Ezkieta Yaben, organizada en varias localidades galegas por entidades memorialistas, como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, no que se relataba a fuga ou fuxida de 795 presos do Fuerte de Ezkaba ou tamén denominado Fuerte de San Cristóbal, que identifica o penal polo nome do monte onde se ubica ou pola cercana ermida dedicada ao devandito santo. O cárcere estaba nun outeiro próximo a Iruña / Pamplona e coa fronteira pirenaica coas primeiras localidades vasco francesas a menos de 50 quilómetros.
Debedor en grande medida desa obra e doutras citadas na bibliografía, arrequentada con datos novidosos, chega agora Ezkaba. Galegos na grande evasión do forte de San Cristóbal (Pamplona, 22 de maio de 1938) (Editorial Toxosoutos), da autoría do bibliotecario e historiador Francisco Xavier Redondo Abal, con limiar do poeta Claudio Rodríguez Fer. Este volume, de indubidable interese e rigor histórico, permite actualizar con esta nova achega a información sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
Na «Presentación» Redondo Abal amosa o seu fascinio pola fuga carceraria coñecida máis numerosa das que se teñen documentado en toda Europa, acontecida o 22 de maio de 1938 no Fuerte de Ezkaba / San Cristóbal, levada adiante por 795 presos, dos que tan só tres acadaron chegar á fronteira (o berciano Jovino Fernández González, o salmantino Valentín Lorenzo Bajo e o segoviano José Marinero Sanz). Daqueles 795 fugados documentados, a represión deixou 206 mortos que foron soterrados en varias localidades navarras situadas entre o forte e a fronteira e dos capturados 14 máis (entre eles o galego Antonio Valladares) serían fusilados no mes de setembro por considerárense dirixentes da fuga.
No capítulo «O crime foi en Ezkaba» o autor realiza unha sucinta historia do cárcere nas súas diferentes etapas, primeiro de 1877 a 1919, ano no que se converteu en prisión militar, para documentar que entre 1936 e 1945 pasaron polas súas celas un mínimo de cinco mil presos.
«As portas abertas de San Cristóbal» e «Galegos na fuga do 22 de maio» sintetiza a preparación, o momento e as repercusións da sonada fuga do ano 1938, analizando a orixe e a filiación dos fuxidos, con notable presenza das provincias de Pontevedra (55%) e A Coruña (25%), entre estes últimos salientan os orixinarios do concello de Muxía.
Ezkieta (2015) documentaba 183 galegos, mais agora os novos datos permiten a Redondo Abal facer un cadro co nome de 198. Deste cadro e doutros que aparecen posteriormente no libro volvín extractar as fichas relativas aos presos naturais da Costa da Morte ou proximidades. Para unha lectura máis doada xuntei os presos por concello e compilei a información que ofrece cada ficha: Idade, estado civil, profesión, militancia e informes da FET y de las Jons ou Garda Civil. Logo veñen o número do Sumario, data da sentenza, delito, sentenza, primeiro ingreso en prisión e data de chegada a San Cristóbal. E finalmente a sorte que correron os fugados.
CAMARIÑAS: A PONTE DO PORTO
Pacífico Constante Campa Santos. 26 anos. (En Ezkieta figura con 25 e sen o segundo nome). Solteiro. Xornaleiro. “Requisó una radio en Vimianzo”.
1367/36. 24/02/1937. Rebelión militar. Reclusión perpetua. Prisión Provincial da Coruña. 10/10/1937. Asasinado durante a evasión.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
Gumersindo Lema Barbeira. 26 anos. Solteiro. Fogueiro. UXT.
???. 06/03/1937. Rebelión militar. Reclusión perpetua. Prisión Provincial da Coruña. 13/06/1937. Capturado o 23/05/1938. Traslado á Prisión Provincial de Astorga o 11/11/1942.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 11 novembro 1942. Fugado. Defunción posterior ao Fuerte Ezkaba.
CEE
Vicente Mejuto Leis. 24 anos. Solteiro. Chofer. UXT.
1112/36. 24/02/1937. Rebelión militar. 12 anos de prisión. Prisión Provincial da Coruña. 19/06/1937. Asasinado durante a evasión.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
CORISTANCO
Manuel Pombo (Non consta 2º apelido). 20 anos. (En Ezkieta figura con 19). Latoeiro. JJLL (Federación Ibérica de Juventudes Libertarias)
???. 10/04/1937. Rebelión militar. 26 anos de prisión. ???. 12/06/1937. Asasinado durante a evasión.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
MUROS
César Formoso Figueroa. 41 anos. Casado. Fogueiro. PCE.
???. 27/10/1936. Auxilio á Rebelión. 15 anos de prisión. Prisión Provincial da Coruña. 17/10/1937. Capturado o 23/05/1938 por requetés. Traslado á Prisión Central de Burgos o 26/10/1942.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 26 outubro 1942. Fugado. Defunción posterior ao Fuerte Ezkaba. Na fuga foi capturado o día 23 de maio de 1938 por Tenente de carabineiros e requetés en Olabe.
MUXÍA
Antonio Blanco Castro. 28 anos. Solteiro. Oficinista. UXT.
121/37. 22/03/1937. Rebelión militar. 20 anos de prisión. Prisión Provincial da Coruña. 12/06/1937. Capturado o 23/05/1938 por requetés. Traslado á Prisión Central de Burgos o 26/10/1942.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 26 outubro 1942. Fugado. Defunción posterior ao Fuerte Ezkaba.
Manuel Barrientos (Non consta 2º apelido). 20 anos. Casado. Mariñeiro. UXT.
121/37. 22/03/1937. Rebelión militar. 20 anos de prisión. Prisión Provincial da Coruña. 12/06/1937. Asasinado durante a evasión.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 22 Maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
VIMIANZO: CARNÉS (No libro de Ezkieta figuraba como de Ponteceso: Corme)
José Caamaño Lema. 37 anos. Casado. Xornaleiro. “Ostentación de ideas comunistas, partidario peligroso del Gobierno de Madrid”.
1309/36. 28/01/1937. Rebelión militar. Reclusión perpetua. Prisión Provincial da Coruña. 18/06/1937. Asasinado durante a evasión.*
Ezkieta (2015) engadía: Data de baixa: 22 maio 1938. Morto na fuga. Rexistro Civil de Andoain.
Na segunda parte do libro, intitulada «Historias de vida, cárcere e morte», Redondo Abal escribe unha ducia de historias breves dalgúns dos presos de Ezkaba dos que se coñecen máis datos ou que, por algunha razón, son casos singulares, Entre eles figura a dos irmáns Mejuto Leis, de Cee. No capítulo «Atila en Ezkaba» sinala: “Ningún dos irmáns Mejuto Leis sobreviviu á represión. Vicente, de vinte e catro anos, e Teófilo, de vinte e sete, eran choferes. Naceran en Cee. O maior, Teófilo, estaba afiliado á UXT e a Esquerda Republicana. Foi sentenciado a morte e executado en Punta Herminia o 9 de decembro de 1936. O irmán menor, Vicente, chegou a San Cristóbal o 17 de xuño de 1937 procedente da Prisión Provincial da Coruña. Faleceu na fuga”.
A historia deste último centra tamén o capítulo «Romper o Bando de Guerra», que narra a súa detención o mesmo día que seu irmán e outros sindicalistas da comarca foran fusilados na Coruña, e malia tratar de evitar a condena foi procesado por rebelión militar, xulgado e setenciado a 12 meses e un día. Desde a prisión coruñesa foi trasladado a Pamplona o 19 de xuño de 1937 e morrería asasinado na fuga do 22 de maio de 1938. En outubro de 1940 chegaríalle aos familiares a conmutación da pena reducida a tres anos mais xa era demasiado tarde.
Un comentario persoal, que non figura no libro de Redondo Abal, é que os restos dos dous irmáns repousan na sepultura familiar co cemiterio vello de Cee, malfadadamente a escasos vinte metros do ostentoso panteón familiar de Eduardo Garrone, de orixe italiana, quen fora director da fábrica de Carburos Metálicos, coñecido fascista e un dos maiores represores que houbo na Costa da Morte.
(Lápida do panteón da familia Mejuto, onde repousan os represaliados Teófilo e Vicente)
Antes da cumprida Bibliografía, o investigador Redondo Abal, a quen hai que parabenizar polo seu intenso traballo de recuperación da memoria histórica, aínda engade un anexo cunha listaxe de presos galegos no Forte de San Cristóbal entre 1936 e 1945, nos que alén de todos os xa citados con anterioridade tamén figuran sen outros datos José Agnes Agnes (Muxía), Ventura Andújar Méndez (Vimianzo), Manuel Búa Marcote (Muxía), José Díaz Cernadas (Cee), José Fernández Ramos (Camariñas), Manuel Mouzo Mouzo (Camariñas), Miguel Otero Liste (Mazaricos), Enrique Pose Santiago (Malpica de Bergantiños), Antonio Sambade Caamaño (Dumbría) e Carlos Sar Marcote (Muxía).
Até aquí chega esta aproximación, mais aínda hoxe a maioría dos seus concellos non cumpren coa obriga cidadá que teñen de honrar e lembrar a estas persoas, para cumprir a cativa Lei da Memoria Histórica, como o fan as asociacións e entidades ou como o fan autores e autoras nos seus rigorosos traballos de investigación e divulgación. E xa vai sendo hora tamén de eliminar todos os restos do franquismo que lixan nomes de rúas ou colexios.