Artigo en QPC (LXI): «Finisterre», espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti en homenaxe ao editor Alexandre Finisterre

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para dar conta dun espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti en homenaxe ao editor Alexandre Finisterre. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

«Finisterre», espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti en homenaxe ao editor Alexandre Finisterre

A denominada «Fondazione Claudia Lombardi per il teatro», creada para fomentar a creación de novos proxectos dramáticos, declarou o ano pasado como proxecto vencedor da convocatoria «Testinscena 2018» o espectáculo teatral da compañía italiana Praticidealisti intitulado «Finisterre», que está baseado na biografía do editor Alexandre Finisterre. O proxecto deu lugar á posta en escena dunha obra que xa está a percorrer diversos espazos teatrais do seu territorio.

Na súa páxina a compañía publica dous textos de presentación que traducimos do italiano.

O espectáculo

«Finisterre» (Fisterra) é un lugar da Galiza (Spagna) asomado ao océano. Finisterre é tamén un nome, de Alexandre Finisterre: home, soñador, inventor, poeta, editor, viaxeiro, exiliado, antifascista, bailarín de tip tap. A súa historia iníciase na Galiza e viaxa por Europa e América do Sur atravesando o río na plenitude do novecento (século XX): da guerra civil española ao terceiro milenio. Na súa incrible vida que é tamén unha invención sen tempo: o calcio balilla (fútbolín).

Hai encontros extraordinarios: Picasso, Che Guevara, poetas exiliados; fuxidas e publicacións clandestinas; encontros de ideoloxía e poesía. Unha vida plena de amor, amizade, rabia e odio pola ditadura franquista que devén loita armada de palabras, sen fusís ou bombas, unha loita realizada publicando os libros prohibidos polo réxime: bombas de poesía que lle fan dano á ditadura. Que resta de todo isto? En que modo a historia deste home pode axudar hoxe a definir mellor o que somos e a vida que queremos vivir?

A compañía

Dous actores diplomados pola «Accademia dei Filodrammatici di Milano», Laura Zeolla e Fabio Bisogni, despois de varias experiencias profesionais vividas singularmente decidiron xuntar as súas enerxías creativas. Na primavera de 2017 nace a idea de lle dar vida a unha compañía teatral que no 2018 se constitúe formalmente co nome de Praticidealisti da que fan parte tamén Marco Taddei, director e dramaturgo e Francesca Badalini, música.

Ideamos a compañía como unha oportunidade de independencia e responsabilidade, como lugar de experimentación, xogo, produción e apertura colaborativa con outros artistas e entes teatrais. O noso intento é darlle corpo e voz a novas dramaturxias, biografías teatrais e textos clásicos. Queremos crear espectáculos densos e profundos, adaptables a espazos grandes, pequenos e a lugares non convencionais. O nome Praticidealisti é unha homenaxe a Alexandre Finisterre, o inventor do calcio balilla (futbolín), protagonista da nosa primeira biografía teatral. Finisterre amaba definirse un práctico idealista. Un concepto dinámico, poético e concreto que desexariamos que fose o fundamento das nosas creacións. Co proxecto FINISTERRE a compañía participa e gaña a edición 2018 da convocatoria «Testinscena» promovida pola «Fondazione Claudia Lombardi per il teatro».

E a nós só nos resta animar aos Festivais de Teatro do noso país, e da nosa comarca en especial, a traeren aos escenarios as representacións deste espectáculo que fala dun dos nosos exiliados máis representativo. A páxina da compañía Praticidealisti está aberta.

www.facebook.com/Praticidealisti-1794310587313482/

Esta entrada foi publicada en Biografía, Estudos literarios, Historia, Premios, Presentacións, Teatro. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta