[Fotografía de Manuel Rodríguez Louro. Fonte: Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces»]
Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para achegar «A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis». Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.
A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis
Este pasado domingo diversas entidades da memoria histórica organizaron máis unha vez actos para lembrar o «Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto». Esta data foi escollida porque o día 27 de xaneiro de 1945 as tropas soviéticas liberaron o campo de concentración de Auschwitz. E aínda que o termo «holocausto» adoita relacionarse co xenocidio xudeu, hai que lembrar que tamén foron vítimas moitas persoas republicanas progresistas, anarquistas, comunistas, socialistas, homosexuais, ciganos, testemuñas de Xehová, cidadáns polacos e soviéticos… que morreron asasinados a mans dos seus vitimarios nazis.
Na nosa Terra a ARMH (Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica) fixo público o texto dunha solicitude que presentaron nas cámaras municipais das principais cidades galegas para realizar unha homenaxe ás 179 vítimas de Galicia, das que segundo os seus arquivos 8 eran da provincia de A Coruña, 33 de Lugo, 34 de Ourense e 34 de Pontevedra, e para lembrar «a cada unha das persoas galegas que foron obrigadas a subiren aos trens da morte, que morreron nos campos de exterminio ou que liberadas nunca puideron regresar ao lugar no que naceron porque a ditadura franquista negoulles o dereito a regresaren ao seu país».
Porén, as cifras da ARMH non coinciden cos datos que figuran no Proxecto Interuniversitario «Nomes e Voces», coordinado polo catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto, en propia definición «un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da Historia actual especializada en información sobre a guerra civil e a represión franquista en Galicia», cuxo labor de pescuda foi interrompido en 2013 porque a Xunta de Galicia fixera unha retallada do 90% no seu financiamento. Con todo, a súa completa páxina web segue activa e permite realizar consultas detalladas sobre as vítimas da represión.
Así, na cala que realizamos atopamos un total de 13 persoas da Costa da Morte e contorna (pois incluímos Dumbría, Mazaricos, Muros e Zas, que strictu sensu non o son mais pertencen ao ámbito de difusión do diario dixital QPC) das que se documenta a súa presenza en campos de concentración ou de exterminio, das que só catro sobreviviron. Daquela polo menos 9 persoas do noso territorio atoparon a súa morte nos campos e deberían ser lembradas nos seus concellos de orixe.
Velaquí os seus nomes para a nosa memoria colectiva:
1. Albite Miranda, Silvestre
Campo de Exterminio
Home de 28 anos
Natural de Dumbría
Morto o 9 de novembro de 1941
No exército republicano. Foxe a Francia. Preso en Trier. Deportado a Mauthausen en abril do 1941, onde morre.
2. Becerra Triñanez, José
Campo de Exterminio
Home de 26 anos
Natural de Vimianzo
Morto o 19 de novembro de 1941
Preso en Fallingbostel. Deportado a Mauthausen en novembro do 1940. Trasladado a Gusen en febreiro do 1941, onde morre.
3. Caamaño Novo, Isolino
Campo de Exterminio
Home de 31 anos
Natural de Dumbría
Preso en Compiègne en abril do 1944. Deportado a Mauthausen en abril do 1944.Trasladado a Melk, Ebensee, e liberado alí en maio do 1945. Sobrevivinte
4. Fariña Chouciño, Antonio
Campo de Exterminio
Home de 35 anos
Natural de Malpica de Bergantiños
Veciñanza: Malpica de Bergantiños
Morto o 06 de maio de 1941
Xulgado en Ferrol por rebelión militar co resultado de declaración en rebeldía. Fuxido. En agoso do 1939, está no campo de Argeles en Francia. Logo a Angouleme. Será deportado a Mauthausen en agosto do 1940 e logo Gusen onde morre.
5. Fidalgo Antelo, Daniel
Campo de Exterminio
Home de 28 anos
Natural de Mazaricos
Morto o 03 de febreiro de 1942
Preso en Fallingbostel. Deportado a Mauthausen en xaneiro de 1941, procedente de Francia. Trasladado a Gusen en xuño do 1941, onde morre.
6. Guzmán Fernández, Rufino
Campo de Exterminio
Home de 20 anos
Natural de Zas
Preso en Fallingbostel. Deportado a Mauthausen en xaneiro de 1941. Trasladado a Gusen-Mauthausen e liberado en maio do 1945
7. Lamela Marcote, Ramón
Campo de Exterminio
Home de 36 anos
Natural de Fisterra
Veciñanza: Fisterra
Morto o 04 de febreiro de 1942
Fuxe e loita co exército republicano. Inernado en Argelés sur Mer durante 1939. Loita contra os nazis e preso en Krems-Gneixendorf. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Trasladado a Gusen en abril do 41, onde morre.
8. Piñeiro Agulleiro, Manuel
Campo de Exterminio
Home de 36 anos, Garda de asalto
Natural de Dumbría
Veciñanza: Madrid
Morto o 16 de febreiro de 1942
Destinado a Valencia e Barcelona durante a Guerra. Foxe a Francia. Preso en Ludwigsburg. Deportado a Mauthausen en xuño do 1941, onde morre.
9. Ramos González, Valentín
Campo de Exterminio
Home de 42 anos
Natural de Zas
Veciñanza: Madrid
Batallón UHP 5º Rexemento de Milicias Populares
Morto o 09 de setembro de 1941
Exilio en Francia. Preso en Trier. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Morre en Hartheim.
10. Rodríguez Louro, Manuel
Campo de Exterminio
Home de 21 anos, Mariñeiro
Natural de Dumbría
Veciñanza: Ézaro
Morto o 16 de setembro de 1941
Agochado no Monte Pindo. Fuxido no vapor As, de Inglaterra pasa á zona republicana e loita no exército republicano. Refuxiado en Argeles-Francia. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Trasladado a Gusen en febreiro. Morre en Hartheim.
11. Rodríguez Villar, Luis “Luis da rogita”
Campo de Exterminio
Home de 30 anos
Natural de Malpica de Bergantiños
Veciñanza: Malpica de Bergantiños
Foxe a Francia, campo de Argeles, Trier. Deportado a Mauthausen 01/41. Liberado 05/45. Sobrevivinte. Queda no exilio en Francia. Regresa a Malpica en 1978. Causa aberta en Ferrol por rebelión militar (fuga do San Adrián) fuxido e en rebeldía.
12. Romaní Abeijón, Eduardo
Campo de Exterminio
Home de 26 anos
Natural de Muros
Morto o 08 de xullo de 1941
Fuxido e loita no exército republicano. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941, trasladado a Gusen en febreiro onde morre.
13. Suárez Blanco, Antonio “Coruña”
Campo de Exterminio
Home de 30 anos, Mariñeiro
Natural de Malpica de Bergantiños
Veciñanza: Malpica de Bergantiños
CNT, Sindicato de Obreros y Profesiones Varias de Malpica
Fuxe a Francia na motora Ciudad de Montevideo. Deportado a Mauthausen en xaneiro do 1941. Trasladado a Gusen en abril do 1941. Liberado en maio do 1945. Sobrevivinte. Presentouse en 1948 no consulado de N. York. Alcanzoulle o indulto do 1945.
Pingback: Artigo en QPC (LXXXI): Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen | crebas.gal