Artigo en QPC (LIII): O poema «A Unamuno» do muxián Xervasio Paz Lestón en Por ocho centurias (Antología en homenaje a las universidades de Salamanca y San Marcos de Lima, y a los poetas Diego de Torres Villarroel y Alejandro Romualdo)

 

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta.Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta sobre a reedición do poema«A Unamuno» do muxián Xervasio Paz Lestón en Por ocho centurias (Antología en homenaje a las universidades de Salamanca y San Marcos de Lima, y a los poetas Diego de Torres Villarroel  y Alejandro Romualdo), que coordinou o poeta Alfredo Pérez Alencart. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

O poema «A Unamuno» do muxián Xervasio Paz Lestón en Por ocho centurias (Antología en homenaje a las universidades de Salamanca y San Marcos de Lima, y a los poetas Diego de Torres Villarroel y Alejandro Romualdo)

Vén de se celebrar en Salamanca o «XXI Encuentro de Poetas Iberoamericanos», unhas xornadas organizadas pola Fundación Salamanca Ciudad de Cultura y Saberes, que desta volta tiveron como título Por ocho centurias, por estaren dedicadas a conmemorar os 800 anos transcorridos desde a fundación da Universidade de Salamanca. E tamén foille tributada unha homenaxe á Universidade de San Marcos de Lima, a primeira “filla” de Salamanca, xa que se fundou seguindo os seus estatutos. Ao mesmo tempo en representación de Salamanca foi lembrado o poeta Diego de Torres Villarroel e por San Marcos foino o peruano Alejandro Romualdo.

O «XXI Encuentro de Poetas Iberoamericanos», como adoito nestes últimos anos, foi coordinado polo poeta e profesor da Universidade de Salamanca (USAL) Alfredo Pérez Alencart, e como tamén é habitual foi publicada unha ampla escolma poética, nesta ocasión intitulada Por ocho centurias (Antología en homenaje a las universidades de Salamanca y San Marcos de Lima, y a los poetas Diego de Torres Villarroel  y Alejandro Romualdo). Antólogo y coordinador Alfredo Pérez Alencart (Edición no venal para celebrar el VIII Centenario de la USAL). Fundación Salamanca Ciudad de Cultura y Saberes: Impreso en Salamanca, Talleres de Gráficas Lope, 2018.

A obra en papel e de carácter non venal tamén foi dispoñibilizada para descarga libre nesta ligazón.

Pois ben, esta antoloxía inclúe numerosos poemas que lembran a Unamuno, quen sufrira o desterro na ditadura de Primo de Rivera, despois fora Reitor Magnífico da Universidade de Salamanca, nomeadamente nos anos da República desde 1931 até outubro de 1936 cando foi destituído por unha orde asinada polo ditador Franco. Entre os textos que lle renden homenaxe reeditouse o poema «A Unamuno» do muxián Xervasio Paz Lestón, nado en Serantes, aldea da parroquia de San Xián de Moraime no concello de Muxía (A Coruña), o 23 de outubro de 1898, e que faleceu en Bos Aires o día que facía 79 anos, o 23 de outubro de 1977.

Desde os seus primeiros textos Paz Lestón é un poeta civil, de denuncia social, comprometido coa causa dos desfavorecidos. Textos datados en 1924, 1925 ou 1926 denuncian a situación da sociedade española durante a monarquía de Alfonso XIII ou a ditadura do xeneral Primo de Rivera, que é cualificado como Xeneral Morralla, Xeneral Metralla, Azor ou “chulo” xeneral Miguel Primeiro. Para o primeiro caso velaí o poema «D’a España Doente…» e para o segundo os poemas «¡Calade…», «A Unamuno», no que se fai mención do confinamento do intelectual español, «¡Terror Galiñeiro!» ou «España é un Galiñeiro». Todos eles apareceron no Correo de Galicia, periódico dirixido por José R. Lence, que tiña como secretario de redacción a Ramón Suárez Picallo. Aparecía os domingos e era lido con interese pola ampla información que traía da Terra e das actividades societarias na emigración.

O poema «A Unamuno» está conformado por dous sonetos en lingua galega, que exhumei na miña Tese de Licenciatura e na obra A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e Estudio.(Sada: Edicións do Castro,1998), e que agora se publicaron coa versión en castelán da miña propia autoría a petición do poeta amigo Alfredo Pérez Alencart, a quen moito lle agradezo a estimanza dos versos de Paz Lestón para esta ampla escolma de poetas iberoamericanos.

A UNAMUNO

I

Groria esgrevia d’o hispano pensamento,

insiñe sacerdote de Athenea,

valente paladín d’a libre Idea

por quen loitastes con barido alento.

 

Ante a incuria d’o teu confinamento

a voz d’a cencia resonóu serea;

e n-o campo, n-a vila e máis n-a aldea,

escoitouse un queixume e un xuramento.

 

A Democracia contra a vil Canalla

ergueuse airada pol-a inxusta pena…

¡y ¡ai! d’o cobarde Xeneral Metralla!

 

¡El e mail-o Amo, que a seu gusto o arrea

haberán de purgar peor condena,

suxetos con grillons e máis cadea!

 

II

Por sorte non está xa moi lonxano

o día en que, felices, tal vexamos;

os limpos de concencia vislumbramos

xa o despertar d’o povo soberano.

 

Nada importa que os cans, ladrando en vano,

defendan os palleiros de seus amos;

pra asustar cans famentos,

nós levamos teu nome ¡groria d’o saber hispano!

 

Mais cando chegue o venturoso día

os cans que ladran hoxe n-os cortellos

oirás tras d’os carolos, a porfía.

 

¡Que así son os que signan «cablegramas»

en nome coleitivo e dan consellos

que farían surrir a suas amas.

 

A UNAMUNO

I

Gloria egregia del hispano pensamiento,

insigne sacerdote de Athenea,

valiente paladín de la libre Idea

por quien luchaste con valiente aliento.

 

Ante la incuria de tu confinamiento

la voz de la ciencia resonó serena;

en el campo, en la villa y en la aldea,

se escuchó una queja y un juramento.

 

La Democracia contra la vil Canalla

se alzó airada por la injusta pena…

¡y ¡ay! del cobarde General Metralla!

 

¡Él y su Amo, que a su gusto lo arrea,

habrán de purgar la peor condena,

sujetos con grilletes y cadena!

 

II

Por suerte no está ya muy lejano

el día en que, felices, tal veamos;

los limpios de conciencia vislumbramos

ya el despertar del pueblo soberano.

 

No importa que los perros, ladrando en vano,

defiendan los pajares de sus amos;

para asustar perros hambrientos,

llevamos tu nombre ¡gloria del saber hispano!

 

Y cuando llegue el venturoso día

los perros que hoy en los cubiles ladran

oirás tras los carozos, la porfía.

 

¡Que así son los que signan «cablegramas»

en nombre colectivo y consejos dan

que sonreír harían a sus amas.

 

(Correo de Galicia, nº 939, Buenos Aires, 6 de abril de 1924. Con el pseudónimo Alma Nobre. Unamuno sufrió destierro durante cuatro meses en Fuerteventura, castigado por el régimen de Primo de Rivera. El rescate del texto y la versión al castellano es obra del poeta y profesor Miro Villar)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Efemérides, Historia, Poesía, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta