Artigo en QPC (LII): «As Illas Lobeiras en dous proxectos poético-musicais»


Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta sobre «As Illas Lobeiras en dous proxectos poético-musicais» e que xa se adiantara parcialmente nesta bitácora. Velaquí o artigo que tamén se pode ler nesta ligazón.

As Illas Lobeiras en dous proxectos poético-musicais

Coincide no tempo o lanzamento de dous proxectos poético-musicais nos que o espazo natural das Illas Lobeiras aparece convertido en paisaxe protagonista.

Pola banda de arca e despois dun intricado proceso de produción, encerellado por mor dos dereitos de autor, xa está por fin en fase de distribución e venda o novo vinilo de Nacho Mora (A Coruña, 1975), Entre as zocas e os lóstregos, en autoedición grazas a un proxecto de crowdfounding ou microfinanciamento colaborativo iniciado en 2014. O disco, gravado en Lloria Estudio, Xixón, con produción de Xel Pereda, músico do grupo folk asturiano Llan de Cubel, con deseño gráfico de David Cobo, está á venda no Bristol Bar da Coruña e A Reixa Tenda en Santiago de Compostela, e tamén poñéndose en contacto persoal co propio Nacho Mora, a través das redes sociais (@ChanoRoma).

Son once os poemas galegos musicados que compoñen a súa «Tracklist»:

1. Illas Lobeiras (Miro Villar)
2. A túa alma (Estíbaliz Espinosa)
3. Castaños de Dormeá (Eduardo Pondal)
4. Noivado IV (Álvaro Cunqueiro)
5. O efémero (Ana Romaní)
6. Limiar (Álvaro Cunqueiro)
7. A árbore da cegueira (Baldo Ramos)
8. Camiño longo (Ramón Cabanillas)
9. Novas verbas de door (Uxío Novoneyra)
10. Moraima (Celso Emilio Ferreiro)
11. Corazón senlleiro (Celso Emilio Ferreiro)

Na súa canle de youtube Nacho Mora xa adiantara os cinco poemas musicados que acompañan esta anotación, entre eles o poema «Foi nas Illas Lobeiras…», tirado da miña opera prima, o sonetario Ausencias pretéritas (Espiral maior, 1992).

O sitio web La Fonoteca disco publicou a primeira recensión deste vinilo, asinada polo escritor e crítico musical Fernando Fernández Rego (10/08/2018), da que reproducimos deseguida o inicio e o último parágrafo:

«Nacho Mora (Elephant Band, Los Covers, Meu) debuta en solitario con un trabajo emocional que conjuga rock, tradición y poesía gallega. (…)

Nacho Mora entrega un interesante trabajo cargado de melancolía. Un trabajo emocional que bebe de la tradición folk y la poesía. Hay pasajes evocadores como “Illas Lobeiras” (Miro Villar) o “Castaños de Dormeá” (Eduardo Pondal), intimismo nocturno y despiadado – “Noivado IV” (Álvaro Cunqueiro)- y desarrollos eléctricos por los que planea el caos – “O efémero” (Ana Romaní).»

E pola banda de couso, Xosé Iglesias (Cee, 1974) o mariñeiro-poeta, autor de Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014) e A relixión do mar (Instituto de Estudos Miñoranos, 2016), mantén unha canle propia de videos en youtube ben interesante, con gravacións de poemas de seu ou de poetas que lle son queridos. A finais de agosto puxo en andamento un novo proxecto videográfico literario e musical que denominou «Cantiga de Leviatán, o meu proxecto cultural para a Costa da Morte!», no que a bordo dunha embarcación recuperada xa leva gravado un «Poema na voz de Paco Souto» (en
homenaxe ao finado amigo poeta); unha entrevista, en dúas partes, sobre «A caza das baleas na Galiza na palabra dun dos seus protagonistas, Victorio Caamaño, un lobo de mar que estivo 21 anos traballando nos baleeiros da Costa da Morte» e, na última entrega polo de agora, levou o cantautor Mini Rivas a interpretar coa súa voz e a súa guitarra «“Fidelidade”, un poema de Manuel María na Illa Lobeira». Os videos testemuñan estas entregas poético-musicais. Velaí para o noso gozo.


Esta entrada foi publicada en Gravacións, Historia, Lendas e mitos, Música, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta