Artigo en QPC (CX): Val tan doce e sombrío, de Francisco X. Fernández Naval

Días atrás veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro. Desta volta unha recensión do poemario Val tan doce e sombrío, de Francisco X. Fernández Naval. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Val tan doce e sombrío, de Francisco X. Fernández Naval

Tambo. Kalandraka, 2026. 90 páxinas

A obra poética de Francisco X. Fernández Naval, “Chisco” (Ourense, 1956, mais carnotán de corazón) é ampla e sólida, con oito títulos publicados até hoxe sen considerarmos as antoloxías da súa propia obra, porén transcorreron quince anos de silencio desde o último Suite Dublín (Libros da Frouma, 2011) até este Val tan doce e sombrío (Kalandraka, 2026), tempo no que o autor perpetrou con notoriedade outros xéneros literarios, velaí ensaios como O soño galego de Julio Cortázar (Linteo, 2014) ou o voluminoso Ser cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo (Bululú, 2023), novelas como A noite branca (Xerais, 2012) ou Alma e o mar (Galaxia, 2017), obras de literatura infanto-xuvenil, traballos de memoria histórica, guións cinematográficos ou traducións de índole diversa.

De estarmos diante doutra novela non debería citar tres versos do penúltimo poema “E ela cegou” sen o risco de facer un revelado da trama ou espóiler, anglicismo adaptado que xa recolle a RAG no seu Dicionario.

Ela cegou dúas veces: / unha polo glaucoma / e outra polo olvido.

Ela é a nai, coa que a voz poética dialoga primeiro desde unha terceira persoa, non por iso afastada e distante senón contemplativa, e logo desde unha segunda persoa, máis achegada e íntima, máis entrañable se quixermos no seu significado máis etimolóxico. De feito o libro ábrese cunha cita do escritor castelán Gustavo Martín Garzo “La figura de la madre es el acto fundacional de la literatura”.

O poemario inicia o seu percorrido emocional co regreso dela á aldea, á casa familiar, abandonando a cidade, malia a incomprensión dun fillo que non é quen de se decatar “que iniciaba o retorno ao val sombrío / e doce no que nos perdemos”. Porén, consonte andamos ese camiño de retorno xa se pode observar a evolución até o punto de que na parte central do libro a voz poética fala de retellar a casa por ela e por si propio, como xeito de esconxurar o esquecemento.

E diante desa muller que vai perdendo facultades cognitivas os versos reescriben as súas lembranzas e asemade permiten que a voz poética vaia recoñecendo a nai mentres nós, lectoras e lectores, imos coñecendo aquela muller que ía á misa de doce en Santo Domingo mais levaba no padal unha bandeira republicana mais tamén esa muller que fala e sorrí de maneira incoherente, desde “Un lugar do que, ás veces, / non volves”.

Os poemas tamén se converten nun diario íntimo dos coidados, dos afectos nese delicado transo, das preguntas sen resposta que xorden a cada vez que lle corta as unllas ao tempo que a súa ollada, vítima do glaucoma, vai perdendo tamén a súa intensidade, ou ese desgarrador “Non volvas” que recibe un día desde a ducha, mais tamén a melancolía dos paseos xuntos e con pasos curtos ou a procura da interpretación á súa linguaxe inédita que tan ben se expresa no poema “A paisaxe semántica”.

E a semántica tamén revela esa vulnerabilidade singularizada na nai, mais extensiva a calquera de nós que xa vivimos ese estado de fraxilidade emocional ou que nos pode visitar no momento menos pensado. Velaí poemas como “Centro de saúde”, “Diagnóstico”, o fulcral “Alzhéimer”, cinco versos tremendos e sen concesións, “19.09.2019” ou “Sete minutos”, escrito cando o confinamento pechou as residencias de maiores e provocou fendas irreparables entre doentes e familiares.

Son momentos nos que a voz poética tamén se interroga sobre o sentido da escrita, como no fermoso “Poema”, onde se fai orbitar como unha avelaíña arredor dunha lámpada e no que coñecemos as dificultades de atopar as palabras en adversas circunstancias.

Non é a única ave que voa nestas páxinas, velaí os corvos do solpor, o paporrubio da mañá co seu alegre canto nos silencios do ano da pandemia, os colibrís de Elena Poniatowska, cabo das andoriñas, as meixengras, os rabirrubios e os pardais do patio familiar, os estorniños, os xílgaros, os picanzos vermellos, aves de paso, as garzas, as curuxas, os paporrubios, as bubelas, e que acadan o seu momento sublime en “Ave” cando o rostro da nai se converte nun paxaro que voa libre.

O cantar das aves mestúrase con outras lembranzas da estirpe familiar, como o bisavó Benito, de poderosa voz e do que se recorda a súa oralidade, ou a fascinación coa que Lela, irmá da nai, contemplou o petróglifo da Laxe das Rodas na parroquia muradá de Louro. Son momentos de repouso na dor, mesmo con poemas como “Circo” onde a memoria dos irmáns Tonetti nos leva a debuxar un sorriso infantil ou con apelacións á reescrita dos mitos clásicos como no poema “Héctor” a quen se convoca por se enfrontar á morte de xeito valoroso.

Evita Fernández Naval nos seus versos falar da morte, da ausencia, para centrar a poética do irreversible no acompañamento e nos coidados e en entretecer os fíos das lembranzas en loita desigual contra a perda cognitiva. Un tema cada vez máis presente na literatura e que entre nós xa ocupou poemarios como Río Alzheimer de Carlos Pereira Martínez e mesmo propiciou a convocatoria dun premio de literatura infanto-xuvenil convocado por Agadea e Galaxia que na súa primeira edición gañou Sobremesas sobre versos de Raquel Castro.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta