Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro. Desta volta para honrar a memoria do académico e poeta Salvador García-Bodaño que nos vén de deixar e para lembrar as súas lecturas poéticas en Fisterra e un dos seus poemas que se incluíu na antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.
“a morte do sol en Fisterra”, un poema de Salvador García-Bodaño
Onte deixounos o académico e poeta Salvador García-Bodaño, un dos nosos “clásicos”, pois os seus versos e os dos seus compañeiros de xeración (esa que din ‘Xeración das Festas Minervais’ e que outros nomean como ‘Xeración dos 50’) fan parte das nosas lecturas e das de moitos poetas da miña promoción como outros grandes autores galegos e primeiros contemporáneos que lemos. Velaí a nos iluminar a obra de Manuel María (1930) e Uxío Novoneyra (1930), Xohana Torres (1931), Bernardino Graña (1932), Antón Avilés de Taramancos (1935), Ramón Lorenzo (1935) e o propio García Bodaño (1935), Alexandre Cribeiro (1936), X. L. Franco Grande (1936), X. L. Méndez Ferrín (1938) ou Arcadio López Casanova (1942).
Din os libros que Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Vigo o 17 de xullo do 1935, no barrio operario e rebelde de Teis, contorna que escolleu para chantar un álamo, a súa árbore escolleita, no ciclo “O Escritor na súa Terra”, ao ser nomeado Socio de Honra da AELG, Letra E, en 2004. Porén, pódese dicir que Salvador é santiagués, pois a súa biografía persoal está moi ligada a Compostela, a cidade de pedra que tantos e tan fermosos versos ocupa no conxunto da súa obra. De feito, nese mesmo ano 2004 o Concello de Santiago de Compostela dedicoulle unha praza na parte nova de San Lázaro, que na miña opinión é un paradoxo para o seu alento de poeta clásico, se non for porque por ese lugar camiñan os peregrinos que queren chegar até a catedral.
Non é o lugar aquí para salientarmos uns datos biobibliográficos que nos levarían a encher moitos parágrafos sobre a súa obra, nomeadamente a poética, xa que publicou:
Narrativa: Salientando Os misterios de Monsieur D´Allier (1992), Premio da Crítica Española en 1993 e os contos “A pedra”, “Conto de Reis”, “O mosteiro”, “Ruth”, “O Sinatra”…
E noutros xéneros: Mantivo unha columna dominical en El Correo Gallego, intitulada “No pasar dos días”. Tamén publicou De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos, a biografía crítica: Rafael Dieste (RAG), diversos estudos sobre pintores e varias traducións, entre elas Viaxe por Galicia recollida de The Bible in Spain de George Borrow.
Poesía: Os seus versos están incluídos nas máis importantes e rigorosas antoloxías de poesía galega e aparecen traducidos ao árabe, catalán, francés, inglés, italiano, francés, portugués, ruso e sueco, catalán.
■ Ao pé de cada hora (1967). Premio da Crítica Española en 1969.
■ Tempo de Compostela (1978), Premio da Crítica Española en 1979.
■ 37 debuxos para un país (1985), con debuxos de Felipe Criado.
■ Compostela (1989), con augafortes do pintor noiés Alfonso Costa.
■ Obra poética (1993), compilación da súa obra, que inclúe dous inéditos (Poemas de amor a Xulia e As palabras e os días).
■ Pegadas no alcatrán (Encomio da banalidade) (1994) é unha plaquette, da que tan só se tiraron 99 exemplares numerados.
■ Cidade Virtual (2003), libro publicado en formato dixital pola BVG (Biblioteca Vitual Galega).
■ E finalmente Cantos de ausencia. Elexías (1959-2002) (2004), con debuxos de Pepe Carreiro.
Porén, nesta anotación de urxencia para despedir a Salvador García-Bodaño, quixera lembrar aquí dous testemuños da súa relación coa Costa da Morte, e con Fisterra en particular.
En primeiro lugar, como mostra da súa xenerosidade, a súa participación nun dos recitais que anualmente convocaba a iniciativa «Aulas no Camiño» da Universidade da Coruña, artellada polo lembrado poeta e amigo xa finado Xosé Leira López (1951-2019) e pola profesora e poeta Rosa Méndez Fonte. Naquelas xeiras que se realizaban a final de cada curso, aló polo mes de xullo, o alumnado participante facía etapas dalgún dos diversos camiños que levan a Santiago de Compostela e sempre con prolongación até Fisterra, mesmo aínda cando a igrexa non recoñecía este itinerario, hoxe non o fai aínda co trazado histórico. Daquela desenvolvíanse sempre actividades culturais e literarias paralelas e unhas delas viña sendo un recital de poesía que adoito tiña como escenario o faro de Fisterra.
Pois ben, o 15 de xullo de 2003 a clausura poética foi por conta dos dous poetas mencionados, dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, e como convidado de honra Salvador García-Bodaño (fotografía superior), que recitaron baixo a epígrafe “Poemas e mar de fondo”. Regresou na edición de 2005, na que tamén estivo o poeta Bernardino Graña.
E en segundo lugar, lembraremos a súa tamén xenerosa achega aos textos que conforman esa monumental antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, que coordinou o noso poeta amigo Alexandre Nerium e da que xa falamos en QPC (nesta ligazón). O poema foi escrito de maneira expresa para esta colectánea a pedimento do poeta fisterrán.
Como un Poeta nunca morre de todo, velaquí o seu poema.
E que a Terra che sexa leve, compañeiro!
a morte do sol
en Fisterra
fronte de min o mar da fin da terra
o camiño secreto do pretérito
vén da foresta mítica dos séculos
e córtase de pronto
nos rochedos
riba do fondo abismo das escumas
gris brancas
as gaivotas
alá abaixo
trazan
por entre a brisa do solpor
seus últimos voares de salitre
no litoral
do espazo interminábel
na conca primitiva da mirada
xorden medos antigos
como sombras
e a inmensidade arríncame os ollos
que caen polos cantís
cara ás rompentes
vai o sol afundíndose no mar
no medio dos fulgores do silencio
e as augas
viran negras como a noite
augas de tantas ansias e saudades
ténsase no horizonte o misterio
e arde o confín do ceo
na distancia
cara ás tebras eternas do universo
a ara dos sacrificios deita o sangue
da luz a burbullóns
na atardecida