Arte amiga: «Judit» de Almudena Rodríguez e «Miradas mariñas» de Nolo Suárez


(Premer en calquera das imaxes para unha mellor visión)
Coinciden no tempo (mais non no espazo xeográfico, ben afastado) dúas novas exposicións pictóricas dunha artista madrileña e dun compostelán dos que hai cadros nas paredes da miña casa, pois ambos e dous teñen a miña amizade e todo o meu recoñecemento polo seu labor. A súa arte non ten absolutamente nada en común, que non sexa esta anotación conxunta coa que pretendo convidarvos a deitar a vosa ollada sobre os seus cadros.
A primeira creo que vos pilla un pouco lonxe e só lla podo recomendar a espíritos viaxeiros. A pintora madrileña Almudena Rodríguez (da que reproduzo unha imaxe do seu cadro intitulado «Judit») participa nunha exposición colectiva que se inaugurou na cidade norteamericana de Chicago o pasado 1 de xuño na Ann Nathan Gallery.
A segunda, moito máis achegada, intitúlase «Miradas mariñas» e é da autoría de Nolo Suárez. Pode ollarse na coruñesa Galería Arte-Imagen (Rúa Ramón y Cajal, 5-baixo), desde o pasado 2 de xuño e até o 4 de xullo. Segundo nos comunicou o artista, que xa nos fixo chegar o convite para participarmos, dentro duns días, e aínda sen concretar as e os poetas, o próximo venres, 22 de de xuño, vaise celebrar un recital denominado «Navegacións poéticas» na propia galería, coa temática do mar en xeral. Se non hai novidade por aló hei de estar.
Parabéns e moita sorte e suceso a ambos e dous.


Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións. Garda a ligazón permanente.