Ar-Redadeg, o correlingua da Bretaña


O noso Correlingua ten os seus correlatos noutras nacións sen estado. Coñeciamos xa o catalán Correllengua e a éuscara Korrika, mais non o Ar-Redadeg da Bretaña, que este ano sae de Kêr Vrest/Brest o 12 de maio e remata en Douarnenez o día 19.
Na edición de 2008 participou a autora, compositora e intérprete Nolwenn Korbell (Quimper,1968), velaquí o sitio oficial desta cantante e actriz, tamén de dobraxe, de expresión bretoa e francesa, aínda que ocasionalmente tamén cantou en galo, inglés, serbio ou ruso. Para a Ar-Redadeg dese ano compuxo un poema que foi lido ao remate da marcha. Un exemplo sobranceiro de forte compromiso intelectual coa causa da lingua bretoa. Para quen non a coñeza (eu aínda sei dela desde non hai moito tempo) canda esta anotación vai un video coa súa fermosísima voz na composición «Bemdez c’houloù» («Chaque jour de lumière»), que tamén lle dá título a un disco que gravou por volta do 2006.
Nesta bitácora xa contei algo da nosa viaxe a esas terras en agosto do 2007 co Seminario de Estudos Comarcais (Semescom) cando percorremos boa parte do País e ollamos algúns vehículos con pegatinas das escolas Diwan, porén apenas escoitamos o bretón. Desa viaxe naceu un libro de haikus, aínda inédito, que chamei Breizh, do que agora reproduzo uns versos que falan da lingua e tamén dos lugares de saída e de chegada desta nova edición da Ar-Redadeg.
DIWAN
Golpes de mar
erosionan a lingua,
nas gorxas mor.
KÊR VREST / BREST
(«Barbara», de Jacques Prévert)
Pertinaz chuvia,
espigan os cascallos
e morre o mar.
DOUARNENEZ (I)
Mans mariñeiras
escochando sardiñas
nun mar de séculos.
DOUARNENEZ (II)
Casas de cores.
Na ollada de Renoir
nace o asombro.

Esta entrada foi publicada en Historia, Lingua, Manifestos, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.